Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Ángeles Huerta Premio mellor dirección nos Mestre Mateo 2026

«Narrar a perda do fillo de Castelao e Virxinia conectoume co dó que eu vivía pola miña nai»

A triunfadora nos Mestre Mateo resalta que «as xentes do cine temos a obriga de conmover»

Ángeles Huerta co seu Mestre Mateo a mellor dirección. | EFE

Ángeles Huerta co seu Mestre Mateo a mellor dirección. | EFE

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Na historia dos Premios Mestre Mateo, as películas con máis galardóns logrados arestora (13 cada unha) foron «Dhogs», de Andrés Goteira; e «Antes de Nós», de Ángeles Huerta. O mérito desta última é dobre ao conseguir máis distincións que a película que optou por España aos Óscar este ano, «Sirat», do lucense Oliver Laxe.

-Levou moita sorpresa ao lograr os 13 premios e gañar máis que Laxe mesmo o de dirección? Como viviu a gala?

Vivina con normalidade. Non quero buscar polémica con «Sirat». Estou superhonrada de competir con filmes tan bos e diversos. A Academia decidiu o que decidiu. «Antes de Nós» foi un pequeno fenómeno en Galicia. É unha película moi nosa (trata sobre Castelao e a súa muller Virxinia xusto despois de perderen o seu único fillo). Sabiamos que era un filme de moita calidade, cunha factura boa, con boas interpretacións. Mentiría se dixera que foi un sorpresón levar tantos premios. Non quero parecer soberbia pero tampouco o contrario. Non hai unha boa maneira de responder esta pregunta.

Ángeles Huerta, co seu Mestre Mateo á mellor dirección polo seu traballo en "Antes de Nós".

Ángeles Huerta, co seu Mestre Mateo á mellor dirección polo seu traballo en "Antes de Nós". / Carlos Castro

-«Antes de Nós» axuda a estender o seu ideario?

Axuda a coñecelo mellor e a espertar a curiosidade para afondar un pouquiño máis na súa obra; pero como cineastas non temos a obriga de informar nin de documentar. Nós temos a obriga de conmover e, dende a emoción, ábrese un xeito diferente de entrarlle ao personaxe. Tamén é unha película que xoga moito coa idea de baixar un santo da peana. Nese proceso de humanización de Castelao, facemos que o espectador se sinta máis cercano coas súas contradicións, como fillo da súa época... Non é un afán didáctico senón cinematográfico.

-No inicio do discurso, daba grazas a Zaza Ceballos por poñer este traballo nas túas mans ao tempo que aludía a «un momento difícil da súa vida».

Cando me chamou, eu quedei un pouco perplexa porque, dentro do interese que me suscitaba a figura de Castelao, eu díxenlle que só dirixía dende o persoal e que non sabía como atopar esa conexión. Entre ese momento e dar o si definitivo, morreu a miña nai. Esa foi a conexión porque «Antes de Nós» fala sobre todo da perda e da xestión desa perda, da superación da dó. Nos coloquios ao redor da película, eu contaba que trata de que facer co amor que che sobra cando a persoa amada xa non está. A morte permea toda a película. O filme é un punto seguido para a parella despois de pasar o máis devastador dese dó e que probablemente nunca acabaron de deixar atrás de todo. Facemos unha lectura do futuro da parella. Narrar esta historia de superación e da perda que tiveron Castelao e Virxinia conectábame co dó que eu mesma estaba vivindo pola morte da miña nai.

Lamento o da súa nai... Tamén quería preguntarlle polo feito de dirixir unha película escrita por Pepe Coira.

Foi un privilexio dirixir unha película escrita por el. Cando empecei a facer cine en Galicia, Pepe Coira xa era Pepe Coira. É unha lenda do audiovisual galego e, para min, é un mestre. Ter a responsabilidade de levar á pantalla algo escrito por el, supón un traballo en común, unha revisión conxunta. Iso impoñíame bastante. Traballar un guion xuntos...

-De nena, soñaba con ser directora de cinema?

Eu nacín no 1974. De nena, non me podía permitir soñar con ser directora de cine; nin se me pasaba pola cabeza. Non estaba ao alcance das nenas nin da xente da miña clase social, que tampouco era unha clase social baixa. En España o cine facíano os ricos. Facer cine foi un regalo da vida para min.

-Falta unión no audiovisual?

É un ecosistema moi fráxil e diverso. Non creo que sexa unha familia mal avenida pero quen faga cine en galego sempre se vai poñer nun lugar de moita máis fraxilidade.

-Con que proxectos anda?

Con «Lampreas», un filme fantástico de vampiros; un filme de ficción ou serie que escribo sobre o negocio escravista no Trienio liberal e algunha cousa máis.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents