Cultura
A RAG fai xustiza con María Xosé Queizán: será membro de honra da Academia Galega
A decisión tomouna o pleno da RAG que elixiu como membro correspondente Pere Tobaruela

María Xosé Queizán, na súa casa en Vigo, nunha entrevista con FARO no 2025. / Alba Villar

No ano 2020, a escritora viguesa María Xosé Queizán sinalaba a este xornal: «Nunca vou entrar na RAG porque non son ben vista». Seis anos despois a Real Academia Galega fai xustiza. Bríndalle unha homenaxe na súa terra, Vigo, e toma a decisión de declarala membro de honra da institución. O recoñecemento chégalle aos 87 anos de idade.
A resolución adoptouna o pleno da entidade nunha sesión celebrada na tarde do venres. Nun comunicado emitido horas despois a RAG referíase á escritora como «a voz que puxo os alicerces do pensamento feminista en Galicia».
Ao mesmo tempo destacaba a súa «sólida traxectoria que abrangue todos os xéneros: narrativa, teatro, poesía e unha vizosa produción ensaística».
A revista anual «Festa da palabra silenciada», que coordinou, supuxo un fito na súa carreira pero tamén na historia do feminismo galego. Queizán foi a súa promotora e directora entre os anos 1983 e 2014.

María Xosé Queizán, na homenaxe da RAG no MARCO de Vigo en marzo de 2026. / Jose Lores
O obxectivo desta publicación era promover o pensamento e o debate feminista ao redor da arte, da política, da creación das mulleres ou na teoría sobre o feminismo.No seu número cero, na introdución asinada pola escritora esta expoñía: «A palabra e a escrita foron dese sempre elementos de poder, úteis de marxinación. O don da palabra foi utilizado como arma diferencial e a voz das mulleres foi negada e silenciada ao longo dunha historia masculina".
Precisamente, Queizán empregou o seu don da verba como muller para asinar unha das novelas máis vendidas en galego nas últimas décadas, «Amor de tango», na que recupera sobre todo a vida do Vigo de principios do século XX e antes do golpe de estado franquista fixándose nas diferenzas entre clases, o vivir das mulleres e como sucumbiu a súa liberdade tralo fin da II República.
O feminismo, sempre presente na obra
Na súa obra, está a pegada do feminismo. Cando escribe «O solpor da cupletista», non ofrece unha simple biografía novelada da Bela Otero. Ármase de obxectividade e documentación para enlazar os pasos dunha vida co discurso feminista da artista de Valga.
Queizán é pioneira nas letras galegas. Dende a Academia Galega lembran que «A orella do buraco» –a súa primeira novela, que escribiu aos 26 anos– é unha das revelacións da Nova Narrativa Galega.
Tras separarse de Xosé Luís Méndez Ferrín publicou o seu primeiro ensaio, «A muller en Galicia». A RAG destaca esta obra como «un traballo pioneiro (...) por ser unha das primeiras contribucións á sociolingüística galega».
Tamén foi adiantada ao seu tempo cando anos despois –e tras outras obras– sacou do prelo «A semellanza» xa que tratou nela a homosexualidade e transexualidade.
Queizán cultivou tamén os relatos, a novela de intriga, o teatro (foi finalista do Premio Álvaro Cunqueiro con «Antígona, a forza do sangue») e a poesía.
O seu primeiro poemario –«Metáfora da metáfora»– inaugurou a editorial Espiral Maior. Este foi reeditado no 2024 por Xerais. En «Despertar das amantes» ofrece poemas sobre o amor lésbico; mentres que en «Fóra de min» reflexiona coas súas metáforas sobre a discriminación de a opresión.
Tamén preparou unha biografía de Emilia pardo Bazán así como as súas propias memorias, «Vivir a galope».
Marcada pola morte prematura do seu pai
Dentro da historia persoal de Queizán, hai un feito que a marcou de xeito fondo: a morte de seu pai, avogado republicano que interviu en varios consellos de guerra en Vigo no inicio da Guerra Civil. El faleceu moi noviño (27 anos) na Guerra Civil, nunha batalla na fronte de Aragón. Ela non chegou a coñecelo porque el finou seis meses antes dela nacer. Isto marcaría sempre a negativa de Queizán á guerra.
Dende a Academia Galega anuncian que a María Xosé Queizán ingresará na RAG como académica de honra nunha cerimonia na que lerá o seu discurso de entrada. De momento, non hai data pechada. A Academia tamén anunciou que o escritor barcelonés Pere Tobaruela Martínez será novo académico correspondente.
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- Emprendedores gallegos en nuevos sectores que desafían el abismo del primer año: así es la nueva generación de autónomos
- 25 años de la Vig-Bay: búscate entre los corredores de esta edición
- Así lucirán los locales comerciales de la Porta do Sol de Vigo: fachada integrada con el espacio, iluminación ornamental y punto informativo