Día da Poesía
A escrita sen límites de María Xosé Queizán
A Real Academia Galega celebrou este martes en Vigo o acto do Día da Poesía cunha homenaxe a María Xosé Queizán, autora viguesa referente do pensamento feminista en Galicia que «converteu a palabra silenciada das mulleres nunha festa»

María Xosé Queizán, este martes en Vigo, entre Henrique Monteagudo e Marilar Aleixandre. / Pedro Mina

«Marías do infortunio, sinaladas, Marías agraviadas pola traizón, olladas fedorentas, asasinas,pecháronvos nun curro reaccionario, e como feras, vós, nun bulebule, burláchedes estudantes, burgueses, mesmo ao clero. Vestides prendas e calzados de cortexar, para saírse de madre e rachar as normas, para saírse de madre e botarse a andar, saírse de madre e tomar a cidade, ás dúas en punto. Lumias con rostros de cocaína, devolvedes ofensas sen compaixón. Estamos onde a vós, e coma vós termamos ás altivas mulleres de Galicia, Marías en acción».
Antes da lectura destes versos propios, confesou que non sabía moi ben por que, pero que para a xornada se lembrara delas e, mentres que a Real Academia Galega (RAG) quixo dedicarlle o acto do Día da Poesía á súa «escrita sen límites» e por ser unha autora referente do pensamento feminista en Galicia que «converteu a palabra silenciada das mulleres nunha festa», María Xosé Queizán optou por poñer en práctica os seus valores e pola súa conta reivindicou e homenaxeou ás dúas Marías (Maruxa e Coralia Fandiño), quen tal e como afirmou a autora viguesa, «foron maltratadas e tiveron unha vida difícil e dura».
Agradecida polo agarimo, a alegría e por ter a oportunidade de falar das dúas Marías, vítimas da represión franquista en Santiago á que desafiaron co paso do tempo, María Xosé Queizán foi este martes a protagonista no acto que a RAG celebrou no MARCO de Vigo, que foi conducido pola poeta Míriam Ferradáns e inaugurado polo presidente da institución, Henrique Monteagudo, quen na súa intervención destacou da homenaxeada que o seu é «un perfil como escritora, pensadora e activista absolutamente chave para entender a evolución da nosa cultura e como se foi oíndo a voz das mulleres, como se foi reivindicando ese papel. Sen voces como a de María Xosé Queizán e sen a achega das mulleres escritoras a literatura galega hoxe sería moito máis pobre ou menos rica do que é», indicou.

María Xosé Queizán, de rosa en primeira fila, no salón de actos do MARCO ateigado de público. / Pedro Mina
O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, definiu a Queizán como «un referente para toda a sociedade» e, a continuación, a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, asegurou que a institución «ten unha débeda con María Xosé Queizán: se o contexto fose outro, María Xosé, creo eu, tería sido académica cando entraron na Academia a xente da súa xeración, polo que esta homenaxe é un pequeno comezar a pagar esa débeda», tras o cal procedeu á lectura dun texto recollido na «plaquette» conmemorativa da xornada e coa que foi agasallado o público, destacando: «Debémosche a teimosía en denunciar os mullericidios, debémosche converter a palabra silenciada das mulleres nunha festa. A reivindicación do noso dereito á felicidade, á alegría, na túa escrita sen límites».
A académica Margarita Ledo foi a encargada da loanza de Queizán e, a continuación, trece voces literarias leron unha escolma de poemas da autora viguesa introducidos polos seus propios comentarios. Marilar Aleixandre, Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Fina Casalderrey, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Xosé María Álvarez Cáacamo, Ana Romaní, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns e Xavier Baixeras foron quen achegaron voz e gabanzas á escrita da viguesa.
Ante un salón de actos ateigado de público, María Xosé Queizán trasladou o seu agradecemento pola homenaxe e, coa cantante Uxía á guitarra, a celebración concluíu coa poeta sobre o escenario entoando «Non, je ne regrette rien», de Édith Piaf.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- Así lucirán los locales comerciales de la Porta do Sol de Vigo: fachada integrada con el espacio, iluminación ornamental y punto informativo
- Emprendedores gallegos en nuevos sectores que desafían el abismo del primer año: así es la nueva generación de autónomos
- 25 años de la Vig-Bay: búscate entre los corredores de esta edición