Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A caracterización correcta para a Festa da Reconquista

A directora de vestimenta da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, Bego Martínez, achega recomendacións sobre as prendas que deben empregarse na festa viguesa e desbotar as que non se corresponden coa época

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Chambras e mandís penduran das perchas a carón de dous manequíns engalanados con prendas que evocan as vestimentas cotiás dos vigueses e viguesas de principios do século XIX. No interior deste cuarto da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, a directora de vestimenta da entidade dende hai máis de dúas décadas, Bego Martínez, amosa como debera ser a caracterización correcta para a Festa da Reconquista, afirmando antes de nada que «o primeiro que hai que desterrar son esa cantidade de saias de raias, cadros e flores que non pertencen á época, porque son prendas posteriores á revolución industrial e a Reconquista, como sabemos, é en 1809».

Fronte a esas indumentarias tan estendidas, posto que «son liviás e non dan calor», Bego Martínez reivindica que «non debemos entender o traxe da Reconquista como un disfrace e deberiamos respectar a tradición da época». É por isto que a directora de vestimenta do Fiadeiro explica polo miúdo a caracterización axeitada para a festa viguesa que se celebrará a finais de mes sinalando que, «no caso das mulleres, sabemos que custa moito levar a la, pero sería o ideal. Unha chambra de liño, unha saia de baeta ou de pano, e panos rameados para cruzar no peito e na cabeza, ao que tamén se podería engadir un mandil de la, de estopa, de picote e feito no tear, sería o máis correcto».

Bego Martínez dirixe a ollada cara o manequín situado á súa esquerda e continúa indicando que, «para os homes, máis sinxelo: cirolas de estopa gordiñas, camisa de liño e un chaleco en baeta ou pano de cor, pucho e faixa. Con isto é suficiente e sería un básico que estaría moi ben para esa época». Así mesmo, a responsable da vestimenta da asociación folclórica viguesa sinala que «este tipo de prendas tamén eran as que se empregaban os domingos, pero eran máis do cotiá, non de cerimonia nin de garda, que xa incorporarían pedraría ou mandís de veludo».

«Non debemos entender o traxe da Reconquista como un disfrace, debería respectarse a tradición da época»

Bego Martínez

— Directora de vestimenta do Fiadeiro

Martínez apunta que é posible ir facendo «fondo de armario» aos poucos e con alternativas económicas: «Por 20 euros poden conseguirse panos bonitos sen necesidade de gastar moito, igual que os mandís de liño e estopa, que rondan os 50 euros, e non fai falla meterse nunha raxeta de tear que custa 150. En canto a saias, en vez de recorrer a esas que non corresponden en absoluto, pode facerse unha lisa con tea de algodón ou liño, sen ter que irse a la de primeira calidade, e para eses días é suficiente».

Proceso de investigación

Dende O Fiadeiro, que instalará un posto durante a celebración da festa para divulgar os traxes, Bego Martínez pon o foco en que «dende as institucións e organización debería fomentarse o uso máis axeitado das prendas para que a festa sexa vistosa, porque se ben é verdade que cada vez hai máis interese por vestirse mellor, ao ser unha festa que aumentou en popularidade chegamos a ver incluso a persoas vestidas de romanos ou de época medieval, o cal empobrece a caracterización».

Para un traxe a medida temos unha lista de espera que supera o ano

Máis alá da Reconquista, á hora de abordar a confección dos traxes tradicionais galegos, Bego Martínez pon en valor que agochan un proceso de investigación, comentando que «no foro de traxe tradicional comparten pezas antigas e ese material antiguo dá esa visión á hora de confeccionar», engandindo que, dentro do mundo do folclore galego, «ao mesmo tempo que faciamos recollidas de música e de bailes, eu sempre ía preguntando ás mulleres se lembraban as pezas de vestir, se as conservaban e había algunhas que incluso chegaban a facer patróns en papel de xornal ou corrixían os debuxos que eu facía seguindo as súas indicacións».

En canto á actividade da entidade folclórica nestas datas, Bego Martínez menciona que «cada ano imos renovando pezas, temos vendas todo ano, pero é certo que nas semanas previas á Reconquista hai bastante movemento, aínda que non adoitamos facer encargos moi concretos para a festa porque se xunta moito traballo e para un traxe a medida temos unha lista de espera que supera o ano. Como alternativa, temos en tenda xa prendas feitas para as persoas que non precisan que sexan a medida e aquí poden atoparse dende chambras, panos e mandís», conclúe a responsable de vestimenta do Fiadeiro.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents