Entrevista | Alejandro Gándara Codirector do documental
«Hai moitos desafíos e incertezas no rural, pero hai xente que aínda aposta por el»
Vigo acolle esta tarde a primeira presentación na provincia de Pontevedra do documental que rescata as revoltas coñecidas como «As Movidas» da Fonsagrada

Rodaxe da longametraxe documental "360 curvas", candidata aos Mestre Mateo. / Cedida

Con presenza de parte do equipo, Vigo acollerá esta tarde a presentación do documental «360 curvas», un traballo dirixido por Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández e candidato aos Premios Mestre Mateo. A proxección da longametraxe documental, que rescata as revoltas coñecidas como «As Movidas» da Fonsagrada e que conlevaron concentracións, peches e incluso unha gran mobilización en 50 autobuses até Santiago para acabar ante a sede da Xunta, terá lugar no Cine Teatro Salesianos ás 20.00 horas cun posterior coloquio. Alejandro Gándara aborda como foi o proceso de elaboración da peza audiovisual.
-Como naceu o proxecto deste documental?
-O proxecto naceu despois da pandemia e a idea inicial partiu de Adrián Méndez, que é da Fonsagrada e un dos protagonistas do documental, e de Manu Lucas, que é o seu amigo e é o director de fotografía da película, a raíz de que Adrián atopou unhas imaxes de Manuel Fernández, un fotógrafo da zona que recollía a historia do concello e estivo implicado nas protestas coñecidas como «As Movidas», documentando as protestas no Concello e tamén unha manifestación multitudinaria a Santiago de 4.000 persoas. Eles atoparon este material e alucinamos porque son unhas imaxes chulísimas, á parte de rexistrar un contexto que xa por si só permite contar a historia das Movidas, son tamén imaxes que están moi ben gravadas, moi próximas, notamos que as fixo un veciño por como a xente interactúa coa cámara, por esa naturalidade que se ve, e foi cando pensamos que era unha historia que non se coñecía e que tiñamos que facer algo con ese material tan chulo.
-Este é un episodio que dá comezo contra o abandono do rural a raíz da comarcalización.
-Si. Xa existía un malestar previo de moitos anos, porque a veciñanza consideraba un abandono institucional, primeiro por parte do Goberno central, pero despois por parte da Xunta cando se crea. Por extensión é o máis grande de Galicia e, por poboación, a principios do século XX, tiña case tantos habitantes coma Vigo, por ter unha referencia. Hoxe en día hai unhas 4.000 persoas vivindo no concello e este sentimento de estar constantemente perdendo poboación, servizos e non conseguir o que noutros sitios si se conseguía, sumouse ao feito de que se enteran de que a Xunta estaba tramitando no Parlamento un proxecto de lei de comarcalización na primeira lexistatura de Fraga, cando daquela aínda non estaban creadas, e aínda que se pensaba que as comarcas ían ter un peso administrativamo e un orzamento, de súpeto atopáronse cunha restruturación do servizos agrarios, a oficina de extensión agraria de alí pecharíase, e o servizo de extinción de incendios que se ía crear noutras zonas, alí non. Foi a gota que colmou o vaso, porque realmente fora un sitio tan importante no seu día e despois estaba a cuestión da extensión agraria: nunha zona eminentemente agraria e con moita extensión forestal, que se suprimira aquela oficina foi como que lles dixeran á cara que ían desaparecer. De feito, había unha pintada da época que dicía: «Extinción agraria, extensión de incendios».
-Sobre a toma de decisións sobre o rural sen contar co rural, é algo que non mudou co paso do tempo.
-Si, totalmente. A película comeza percorrendo as 360 curvas en autobuses para demandar na Xunta que os recibiran, o cal non conseguiron, e isto simbolicamente xa di moito da situación na que se atopaba e atopa o rural. E vémolo en cuestións coma os eólicos ou Altri, decisións que veñen de arriba e que custan parar dende abaixo, e que ao final tivo que vir o Goberno central a frear, no caso de Altri.
-Malia todo ofreceron resistencia e, dalgún xeito, seguen facéndoo. O documental dialoga co presente, que paralelismos se atopan con respecto á actualidade?
-Nos anos 90 era un momento no que había moita xente nova, aínda que xa marchara moita, pero quedaba xente con ganas de vivir alí, con expectativa de poder facer proxectos alí e por iso foi posible levar a cabo unha organización moito máis potente que da que se podería facer agora, porque a poboación é máis avellentada e queda moita menos. Aínda así, algo que me gusta destacar é que unha das cousas que se conseguiu foi esa transmisión interxeracional e espírito reivindicativo, e hoxe a xente nova aínda que moita non vive alí porque non hai oportunidades laborais, volven sempre as fins de semana e intentan organizar outro tipo de «Movidas», neste caso culturais, como pode ser a Foliada da Fonsagrada que impulsa o propio Adrián, e que dalgunha maneira tamén son políticas. Isto é o que amosamos do presente no documental, porque aínda que hai moitas incertezas, desafíos e problemas no rural, hai xente que aínda aposta por facer cousas alí e teñen ese sentimento de pertenza.
-Durante o proceso de elaboración do documental, que foi o que máis lle sorprendeu daqueles episodios?
-Máis alá das imaxes de arquivo, que me gustaron moitísimo, a decisión definitiva de facer o documental foi cando visitei por primeira vez a aldea de Adrián, onde coñecín aos pais del, que viven en Bilbao, e coñecer a esta familia e as súas idas e voltas, esas dinámicas que se crean, a cuestión da identidade un pouco partida, pareceume que era unha boa oportunidade de, a través dunha familia, poder abordar moitísimas cuestións que afectan ao rural.
-E finalmente, candidatos aos Mestre Mateo, que supón para o equipo?
-Pois toda unha alegría, porque é moito traballo e con orzamentos moi limitados, sobre todo para os documentais, polo que é unha alegría, ademais, este ano hai moi bo nivel e quedaron películas moi boas fóra no epígrafe de documental. Oxalá tenamos sorte!
Suscríbete para seguir leyendo
- La Xunta lanza un plan para atajar el fraude en las bajas laborales en Galicia, que en total son 70.000 al día y suponen unas pérdidas de 2.200 millones de euros
- La jueza archiva la causa de la botella de agua que quemó a un cliente en un restaurante de Vigo
- La gallega Mobify prepara su desembarco en Vigo: una flota de cien vehículos, modelo 'carsharing' y precios desde 0,29/km
- Dejar un trabajo fijo para dedicarse a la docencia: «Me arrepiento de no haberlo hecho antes»
- La Xunta ampliará el alcance de la ayuda anual de 5.000 euros del Bono Coidado para dependientes a otras 10.000 familias
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Un accidente múltiple en la AP-9 en Vigo deja seis heridos, uno de ellos grave
- Roberto Verino se abre a un socio industrial a través de la venta de casi el 40% del capital para asegurar el relevo generacional