Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os veráns de Otero Pedrayo en Vigo

A Fundación Otero Pedrayo entregará o vindeiro luns o Premio Anual que concede a estudantes de ESO, ciclos e Bacharelato de toda Galicia e que este ano recae no IES Castelao por un traballo de investigación sobre a infancia do escritor na cidade olívica entre 1895 e 1901, unha faceta máis descoñecida do autor ourensán

O profesor Ramón Nicolás xunto ao alumnado que elaborou o traballo: Luciano Ramos, Aracely Ramírez, Michelle Benjumea, Ian Arce, Mareling Palacios e Koldo Gondar.

O profesor Ramón Nicolás xunto ao alumnado que elaborou o traballo: Luciano Ramos, Aracely Ramírez, Michelle Benjumea, Ian Arce, Mareling Palacios e Koldo Gondar. / Pablo H. Gamarra

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Don Ramón, coa súa familia, pasou os veráns de 1895 a 1901- así o afirma o propio autor, na cidade de Vigo e o seu testemuño resulta moi valioso para retratar a cidade naquel tempo. A razón de pasar este período estival debíase á escasa saúde que tiña aquel neno e que Vigo, dalgún xeito, lle devolveu (...) Antes de comezar esta viaxe queriamos subliñar o que para el supuxo Vigo: ‘Unha xenerosa marea enchendo a badía do ser’, de maneira que a ‘imaxe da cidade e do azul e a foula dona do sagreto feminino e galego de lle devolvere as forzas e a sede de vivire a un neno achuchado polas vellas tristuras’».

É a carta de presentación do traballo de investigación elaborado polo alumnado de 4ºda ESO-PDC do IES Castelao (Vigo) e que este ano foi escollido pola Fundación Otero Pedrayo como gañador do Premio Anual que concede a entidade cultural a estudantes de ESO, ciclos e Bacharelato de toda Galicia, xunto co traballo «Os camiños da vida», do IES Ribeira do Louro (O Porriño). Titulada «Un meniño naipelo no espello de 14 lugares: Ramón Otero Pedrayo en Vigo, 1895-1901», en concreto, a investigación recoñecida recupera aqueles lugares visitados polo autor ourensán na súa infancia acompañado polos seus pais, un percorrido pola cidade olívica do que deixou testemuña no seu libro de memorias «Lembranzas do meu vivir» e que o alumnado vigués vén de rescatar a través dun traballo de campo de carácter fotográfico que permite unha comparación visual entre os espazos de antano e a súa evolución actual.

Coordinado polo profesor Ramón Nicolás Rodríguez, o grupo de estudantes vigueses integrado por Aracely Ramírez, Michelle Benjumea, Manuel Carballo, Koldo Gondar, Ian Arce, Luciano Ramos, Mareling Palacios, José A. Valladares, Jhoris Marquina e Judith Da Cunha repasou puntos da cidade polos que transitou un petís Otero Pedrayo, tales como a Alameda, un espazo que o «engaiolaba» e do cal deixou escrito: «Quezais nalgús grandes albres da praza de Compostela as lúas sexan as mesmas dos derradeiros dazanove, pro vello cuias raices nenas disfroitaron na mol terraxe viguesa da sensación infinda da calma atlántica»; mais tamén recunchos máis singulares como a Casa de Baños de Soto, a emblemática «La Iniciadora», en cuxas memorias o autor expón que «os ourensáns, con moitos vigueses, facían tertulia no salón», engadindo tamén que «máis adiante, por frente do mercado, como palafito e entrándose nela por unha ponte, erguíase ben sufincada sobre a auga, ben limpa, pintada e con bandeira a Casa de Baños, de dúas prantas, con salóns de sociedade, con piano, e na segunda mesa con xornaes e xemelos e anteollos de 'larga vista'. Era gosto dos cabaleiros ouservare os barcos que enfiaban polas Cíes asegurándose da nacionalidade cun cadro de bandeiras pendurado na parede (...) sobre as 12 bailábase si algunha señora ou damiña se sentaba ó piano. Dominaba o 'Vals das olas'».

Vista da Casa de Baños de Soto, a emblemática "La Iniciadora".

Vista da Casa de Baños de Soto, a emblemática "La Iniciadora". / ARCHIVO PACHECO

En total, o alumnado do IES Castelao percorreu até 14 escenarios vigueses seguindo a pegada do autor ourensán e, ademais de destacar o asombro que lle producían a aquel neno hoteis como o Continental ou as impresións sobre os «vagos e tristeiros peiraos do Areal» e unha Porta do Sol que para el «non estaba perfeizoada», o grupo fai referencia a unha anécdota vencellada a FARO DE VIGO, pois contan que «nas súas lembranzas fai referencia a que asistía de neno ás tertulias que se facían na redacción do xornal porque o seu pai era amigo da familia De Lema». Así mesmo, outros lugares que o pequeno visitaba nos seus veráns en Vigo eran o «café, un café grande e fermoso, da praciña da Princesa» e a Tertulia Recreativa, que o escritor ourensán lembraba así: «Nunha sociedade, que debía ser ‘La Tertulia’ asistiamos a saraos onde servían froitas en doce, de aquila ainda se chamaba “dulce de bocado”, sorbetes e salvillas de copas outas de xerez».

Unha experiencia de aprendizaxe gratificante

A Fundación Otero Pedrayo entregará o galardón ao alumnado do IES Castelao o vindeiro luns e Ian Arce resume moi ben a sensación dos seus compañeiros e compañeiras asegurando que «é moi impresionante que un traballo que fas no instituto teña este recoñecemento, é moi ilusionante». Fronte a el, Aracely Ramírez tamén apunta que a investigación que elaboraron, ademais de fomentar a colaboración en equipo, foi todo «un estímulo para seguir aprendendo e este premio é unha alegría para nós e para as nosas familias», engadindo Michelle Benjumea os agradecementos ao profesor Ramón Nicolás por acompañalos no proceso e nas saídas que facilitaron o traballo de campo.

É moi impresionante que un traballo que fas no instituto teña este recoñecemento, é moi ilusionante

Ian Arce

— Alumno

Do proceso de investigación, que iniciaron nas aulas consultando as lembranzas de Otero Pedrayo para cartografar os lugares antes de ir na súa procura, Luciano Ramos sinala que un dos espazos que máis lles chamou a atención foi o establecemento pioneiro encargado polo empresario Cándido Soto e co que se popularizaron os «baños de ondas» na cidade, pois na actualidade, se situarían na rúa Teófilo Llorente á altura do Centro Comercial A Laxe sobre terreo gañado ao mar.

Pola súa banda, Ramón Nicolás Rodríguez non pode agochar o seu orgullo polo grupo, posto que este novo galardón vén de sumarse ao do Día das Letras Galegas 2026 pola exposición «De Circe a Morgana» e que lles concedeu a Xunta recentemente.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents