Entrevista | Alberto Busto Voz e guitarra no grupo Arrhythmia
«Tendemos á crítica porque vivimos neste mundo e vemos o que vemos»
A banda lucense lanza esta semana o seu novo disco, «Cero», un traballo que presentarán o vindeiro 11 de abril na Candeloria

Alberto Busto, á esquerda, xunto a Nuno Pico, Grande Amore. / Álvaro L. Barreiro

Recoñecida cos Premios Martín Códax da Música até en dúas ocasións, en 2018 como Mellor Banda de Metal e en 2023 como Mellor Banda Heavy Metal, o grupo lucense Arrhythmia lanza esta semana o seu novo disco, «Cero», que presentarán oficialmenteo vindeiro 11 de abril no Festival A Candeloria.
-Que lle agarda ao público en «Cero»?
-Atoparán a mesma banda, pero si que cunha pequena volta, porque intentamos en cada traballo que non soe igual que o anterior. Ademais de tocar rock e metal sempre procuramos empregar sons electrónicos ou ritmos rap e, neste caso, démoslle algo máis de volta cun pouco máis de electrónica, modernizando un pouco máis o estilo e sobre todo evolucionando, porque non escoitamos o mesmo todos os anos, cun estilo máis renovado.
-É precisamente cara eses sons electrónicos cara os que camiñan moitos dos grupos da escena actual.
- Nós levamos anos e, cando comezamos, á xente do rock e do metal, que digamos que é un pouco máis clásica, si que era algo que lle estrañaba bastante, pero hoxe xa está máis naturalizado e para nós é algo sinxelo.
-Nos sinxelos que xa se poden escoitar, como «Insaciables» ou «Mesías», por exemplo, detéctase nas letras unha importante crítica cara a sociedade actual ou a banalización nas redes sociais, o que contrasta con moitos temas de hoxe en día sen apenas mensaxe.
-Das letras encárgome eu e depende moito da fase na que estea escribindo: hai letras que quizais sexan máis introspectivas ou máis persoais, pero hai outras veces nas que me enfado por como está o mundo ou porque en redes sociais hai persoas intentando venderche como tes que vivir e facer as cousas, e tamén está a IA, así que si, non hai moito filtro, tendemos á crítica porque vivimos neste mundo e é o que vemos. A nosa música é bastante visceral, as letras tamén, e axuda a canalizar. Ás veces dun xeito máis sarcástico e outras veces sendomáis directos, pero si que non adoitamos cortarnos á hora de facer unha crítica porque ao mellor poida sentar mal.
-En «Cero» están incluídas colaboracións con Rebeliom do Inframundo e con Grande Amore, como foi traballar con eles?
-Con Rebeliom é a segunda vez que o facemos e como eu estou nos dous grupos foi algo moi natural e bastante sinxelo, era algo que tiñamos falado de hai anos e cadrou agora. E con Grande Amore, pois tamén, a nós sempre nos gusta que as colaboracións sexan bastante naturais, que non sexan forzadas, porque non nos gusta facer este tipo de colaboracións por interese, digamos, e contactar cunha persoa que non coñecemos de nada e que sexa algo frío. Eu coñezo a Nuno dende hai máis dunha década, cando el non tiña ningún grupo coñecido, e foi bastante natural porque é unha persoa á que aprezo moito e cadrou agora. Traballar con el foi moi sinxelo e propuxemos previamente un terreo no que os dous estiveramos cómodos, creo que o conseguimos, porque fixemos a instrumental para que se sentise cómodo dentro do seu estilo, xa que é certo que neste sentido estamos un pouco alonxados, pero penso que quedou ben integrado. Sobre todo non queriamos que fose un ‘pegote’, non queriamos que fose unha canción de Arrhythmia na que Nuno cantase por enriba, queriamos que se sentise cómodo e penso que o tema quedou chulo.

Integrantes da banda lucense Arrhythmia. / Sergio "Steel"
-Con respecto aos inicios, en que punto se atopa Arrhythmia?
-Vimos dun paro dun ano e medio sen tocar en directo, por distintas cuestións persoais, e agora estamos nun momento de moitísimas ganas. A evolución do grupo creo que foi moi natural, porque cando comezamos eramos máis novos e sabiamos moitas menos cousas que agora, cometemos os erros que había que cometer para aprender e o noso estilo foi evolucionando, igual que unha persoa non escoita o mesmo que escoitaba hai dez anos, pois coa nosa música pasa un pouco o mesmo: á parte de que aprendes a facela mellor, tamén mudas o gusto e si que temos a sorte de que mantemos a moita xente do principio, que son bastante fieis, o cal é de agradecer.
-En relación co estilo do grupo, non era, nin é, moi «mainstream», non tivo que ser doado abrirse camiño en Galicia.
-Non, nós somos un chisco ‘contra natura’. O noso estilo nunca foi «mainstream» e agora mesmo penso que tamén vivimos nunha época, tal e como comentabas antes, na que tanto as temáticas como o estilo son unha cousa moito máis lixeira, máis liviana. Eu non o critico, son épocas, ten que haber de todo e se hai de todo en galego nós encantados, pero si que somos conscientes de que a nosa música non a van «pinchar» en «Los 40 Principales». Tampouco é inescoitable e estamos moi agradecidos porque levamos 10 anos tocando todos os veráns en festivais por toda Galicia; concertos temos e público tamén, polo que estamos moi agradecidos.
-As plataformas xogan un papel importante na apertura cara novos públicos. Contribúen no voso caso?
-É a roda pola que hai que pasar hoxe en día, non queda moita alternativa. Ten partes boas e malas: por unha banda, a música está máis 'democratizada', porque hai 20 anos igual tiñas que ter certos estudos musicais, ter cartos para gravar un disco, pero hoxe en día máis ou menos todo o mundo pode acceder a instrumentos ou a aparatos para facer música de xeito máis económico que antes e as plataformas permiten practicamente a calquera expoñer a súa música. Logo teñen outras cousas que non nos gustan moito, porque marcan uns tempos asfixiantes, sinceramente, porque se non sacas música cada dous meses o algoritmo non che ensina, tes que estar nas redes sociais continuamente.
-Nun momento no que a lingua galega perde falantes, que importancia ten para vós cantar en galego?
-Ten toda a importancia porque é a ferramenta que empregamos para comunicar. Máis alá das notas musicais, a voz é un instrumento máis e ten o poder de comunicar pensamentos ou sentimentos, polo que para nós ten toda a importancia o idioma. Eu crieime en galego, cos meus pais falo en galego, co cal sae con toda a naturalidade, non con ánimo de facer bandeira, pero ten toda a importancia.

Alberto Busto. / Álvaro L. Barreiro
-Na actualidade compatibilizas Arrhythmia e Rebeliom do Inframundo, dous grupos ben distintos, que achega estar nas dúas bandas?
-Como músico e persoalmente enriquece moito, porque si que é certo que son dúas bandas con estilos moi diferentes e non é o mesmo instrumentar para un grupo de metal que para un grupo de rap. Aprendín moitísimas cousas e tamén aprendín moitísimo enriba do escenario, porque aínda que compartimos moito, non é o mesmo, non é o mesmo tipo de «show» nin o mesmo tipo de público, e enriquece moito. Teño moi poucas horas para durmir, pero aprendo mogollón e estou moi contento.
-Cal é a folla de ruta prevista para «Cero»?
-Imos presentalo na Candeloria, en Lugo, que é a nosa cidade aínda que agora non vivamos alí, e fainos moita ilusión, porque presentalo diante de 4.000 persoas... mellor, imposible! E con respecto a outras datas, só está anunciada a do Revenidas, pero durante todo o verán pasaremos por distintos festivais e, ao rematar, faremos unha xira por salas.
-E haberá algún concerto fóra de Galicia?
-Si, xa probamos o último ano que estivemos xirando. É certo que nos chamaron por primeira vez dun festival en Andalucía que aínda non podemos adiantar, pero é bastante sorprendente para nós, e a intención é dar ese salto que ás veces custa tantísimo porque a inmensa maioría das veces, se es un pouco pesimista, podes velo como unha perda de cartos e de tempo, porque evidentemente non metes á xente nunha sala que metes aquí, pero creo que hai que intentalo.
Suscríbete para seguir leyendo
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Aceleran los proyectos más esperados: centro de mayores de Amancio Ortega, O Posío y el gran parque y piscinas de Ponte Canedo
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- «Éxito» en la huelga del sector textil en Galicia para impedir el avance de un posible convenio estatal
- Renfe lanza su «Plan Galicia 2026» con los Avril: será la primera vez que añada trenes en el Eje Atlántico entre Vigo y A Coruña desde 2015
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- La Xunta acomete el mayor movimiento de personal de su historia: 3.200 empleados públicos cambian de puesto, el 12 por ciento de toda la plantilla