Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha marea violeta reclama a paz e o fin dos feminicidios

Unhas 14.000 persoas, segundo a Policía local, marchan en Vigo para demandar igualdade, parar o avance da ultradereita e solicitar a abolición da prostitución

Multitudinaria manifestación en Vigo por el 8M, Día Internacional de la Mujer

Alba Villar

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A marea feminista do 8M fixo evidente onte nas rúas de Galicia e do resto do Estado que quedan moitos pasos para lograr a igualdade entre homes e mulleres. Non é unha aseveración etérea. Un informe da ONU vén de recoller –segundo informa Servimedia– que ningún país do mundo alcanzou a plena igualdade xurídica para as mulleres. Estas só contan co 64% dos dereitos legais que teñen os homes. Nacións Unidas alertou: «Os sistemas de xustiza encargados de defender os dereitos e o Estado están fallando ás mulleres en todo o planeta».

Para concienciar de que hai que traballar por mellorar a situación, milleiros de persoas saíron ás rúas das vilas e cidades galegas para reclamar a paz, o fin da violencia contra a muller, a igualdade de dereitos desta con respecto ao home e alertar sobre o risco do crecemento da sombra da ultradereita nos nosos barrios, institutos e no resto do mundo.

Tamén un ano máis o feminismo marchou en diferentes manifestacións lonxe da única mobilización que había antano.

En lembranza das mulleres asasinadas. Momento da manifestación en Vigo do 8M no domingo pola mañá.

En lembranza das mulleres asasinadas. Momento da manifestación en Vigo do 8M no domingo pola mañá. / Alba Villar

Aconteceu en Vigo, por exemplo. Na cidade olívica, a primeira mobilización do día arrancou ás 12.00 horas da Praza de España. Na apertura, pancartas con lemas como «O feminismo é abolicionista», do Bloque Abolicionista Galicia, ou «Mulleres obreiras artellando a abolición do patriarcado», da Asociación Feminista As Furias.

O regreso dos espectros

Con elas, comezou unha marea violeta que tinguiu desta cor a cidade se ben o branco tamén volveu pisar sobre o asfalto. Con túnicas e caroutas albas, 45 mulleres do colectivo Elas Galiza marcharon sen voz e coa pancarta «Somos as mulleres que xa non están».

«Representamos todas as mulleres asasinadas. Inda que imos en silencio dámoslles voz para honralas por cada un dos feminicidios. Levamos tres anos facéndoo. Nun mosaico, portamos todas as asasinadas de 2025 e elas (en alusión aos espectros) levan as asasinadas galegas de diferentes anos»,indicaba unha voceira da asociación.

Mentres daba a súa explicación, de fondo podían escoitarse noutras voces «Non son mortas, son asasinadas». De feito, as dúas principais reclamacións da protesta da mañá centráronse nos feminicidios e na necesidade de paralos; así como na abolición da prostitución.

Abel Caballeiro, Besteiro, Carmela Silva e distintas concelleiras do PSdeG no 8M vigués.

Abel Caballeiro, Besteiro, Carmela Silva e distintas concelleiras do PSdeG no 8M vigués. / Alba Villar

«O feminismo é abolicionista» resoou no centro de Vigo ao paso dos milleiros de mulleres e ducias de homes, entre os que se atopaban o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; ou David Regades, delegado de Zona Franca. Os tres portaban –xunto á tenente de alcalde, Carmela Silva; e concelleiras como Elena Espinosa– unha pancarta dos socialistas galegos na que se podía ler «Contra a explotación da muller, abolición».

Carmela Silva, nun audio facilitado, destacou que era importante «alzar a voz contra as violencias machistas» ao tempo que criticou que o PP «nunca foi nin é nin será un partido feminista».

Nesta mobilización da mañá tamén participaron representantes políticos doutros partidos como Luisa Sánchez do PP e varios integrantes da formación popular. Pola súa parte, Ana Pontón marchou nunha manifestación de Compostela.

Ana Pontón, na manifestación do 8M en Compostela.

Ana Pontón, na manifestación do 8M en Compostela. / Xoán Álvarez

Ao remate da protesta do mediodía vigués, leron o manifesto Bibiana García e Cristina Pérez de Redeiras máis Carmen Campoy e Ángela Mondelo de As Furias. Tras acabar, achegouse a elas Carmela Silva para darlles os parabéns. A petición abolicionista da prostitución no 8M vigués comezou hai tres anos e nunca ata agora congregara a tanta xente (unhas 4.000 persoas segundo a Policía local).

Na da tarde, que saiu da Praza de España ás seis, organizada pola Plataforma Resposta Feminista, calculan os axentes queparticiparon 10.000 persoas. Nela, os bandeiríns violetas de CCOO asolagaban a protesta na que participaron CIG, BNG, Ecoloxistas en Acción, A Morada, sindicalistas da UGT, o Movimiento Feminista de Unificación Comunista de España e outros colectivos.

«Nin guerra que nos mate nin paz que nos oprima»

Pablo Hernández Gamarra

Asemade tamén tiveron protagonismo as bandeiras arco da vella (LGBT) e trans que non se ollaron na da mañá.

Feministas como Luisa Abad, presidenta do Ateneo Atlántico indicaba no mediodía que lle daba «mágoa» que non puideran ir as dúas concentracións xuntas. «Con esta división, gaña o patriarcado que meteu unha cuña no feminismo que fixo que nos dividiramos. Non ten sentido pelexarnos entre nós», opinou.

Pola súa parte María José López, vicesecretaria xeral primeira do Partido Feminista ao Congreso, indicou: «Estamos fartas da usurpación, de que o 8M sexa unha festa na que se reivindica todo». Xusto despois denunciou «a cancelación brutal ao feminismo real».

Manifestación en Vigo.

Manifestación en Vigo. / Pablo H. Gamarra

Na tardiña, a moza Ana Carlota Gil defendía: «Eu decidín vir a esta porque é máis inclusiva. O importante é defender a igualdade laboral e nos salarios da muller. Unidas somos máis fortes. O correcto sería manifestarnos todas xuntas».

Pouco despois alguén berrou: «De estar viva Rosalía con nós viría» mentres outra persoa mostraba nun cartel: «Si no luchamos juntas, nos matarán por separado»

Tracking Pixel Contents