Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas

A Real Academia Galega inicia no CEIP O Pombal de Vigo a Primavera das Letras de Begoña Caamaño

Presentaron a obra de teatro "Uuu-uuu, BEGOÑA!", de An Alfaya e Laura Romero, que percorre para o público infantil a obra e vida da homenaxeada cun toque máxico

Os nenos de sexto de Primaria do colexio vigués, protagonistas dun acto que non se perdeu a familia de Caamaño nin o presidente da RAG

A académica Fina Casalderrey, impulsora da Primavera das Letras, fixo de presentadora

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Marcos dos Santos, Martín García, Santiago García, André Coello, Cíes Domínguez, Mayra Coloma e Nico Alonso son seis rapaces de sexto curso de Primaria do CEIP O Pombal de Vigo. O seu colexio está situado no barrio do Calvario, o mesmo polo que correteou e lía libros Begoña Caamaño, a escritora e xornalista homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas. Os seis, entre outros, formaron parte da representación teatral que hoxe saudou o arranque da Primavera das Letras, unha iniciativa da Real Academia Galega na lembranza de Begoña Caamaño, viguesa que será homenaxeada o vindeiro 17 de maio.

Tanto eles como os seus compañeiros deixaron impresionada a audiencia, entre a que se atopaba Beatriz, irmá de Begoña. Co seu discurso preparado nas mans, deixou atrás o texto previsto para improvisar: «Deixástesme desarmada. Felicitacións por este traballo (...) Agardo que Begoña este ano vos sirva para reflexionar, para pensar en como é a vida ou como debería ser. O mundo está feito para ser cambiado».

O traballo ao que facía alusión Beatriz Caamaño era unha presentación teatralizada que lles serviu a preto de 20 nenos para presentar a Primavera das Letras deste ano. Trátase dun espazo na web da Real Academia Galega onde se amosan recursos para a cativada como obras de teatro para as aulas. En concreto, tanto o colexio como os representantes da RAG alí presentes saudaron a obra teatral «Uuu-uuu Begoña!», escrita por An Alfaya e con ilustracións de Laura Romero. O texto íntegro pode lograrse na web.

Ambas as dúas recibiron o convite da académica Fina Casalderrey para realizar esta obra. O fin da mesma é explicar a importancia da celebración do Día das Letras Galegas, fixarse nas poucas mulleres que teñen sido homenaxeadas ata o momento e coñecer polo miúdo quen foi Begoña Caamaño, a escritora á que se lle rende tributo neste ano.

Alumnado do CEIP O Pombal, con familiares e membros da RAG.

Alumnado do CEIP O Pombal, con familiares e membros da RAG. / Mar Mato

Explicou An Alfaya no Pombal que decidiu os primeiros personaxes en aparecer foron un moucho, Moncho, e unha curuxa, Maruxa. De feito, na súa blusa e nos seus pendentes abundaban ilustracións de mouchos. Na obra de teatro, Moncho e Maruxa van debullando a biografía de Begoña nun bosque máxico polo que transita a autora coas personaxes das súas obras.

Pola súa parte, a ilustradora Laura Torrado indicou que a cor violeta ten moita presenza na peza pola simboloxía co feminismo. Tamén revelou que «é unha cor moi especial» e que se atopa en poucos lugares da natureza. Iso fai que teña «unha forza especial» que ela quixo facilitar ao texto de Alfaya.

Final Casalderrey exerceu de presentadora e valeuse da súa maxia de profesora para meterse o alumnado no peto e conectar dende o minuto cero con eles. Louvounos como público pero tamén como artistas, ao tempo que agradeceu o traballo das mestras implicadas.

Non era para menos. Ademais dos discursos das autoridades (director do centro; presidente da RAG; autoras da obra teatral e de Casalderrey) o acto contou cunha pequena representación inspirada no arranque de «Uuu-uuu Begoña!». Para a ocasión, o colexio realizou unha edición expecial do xornal «O lanzal» que dedicaron a Begoña Caamaño para falar delas como escritora, activista, xornalista e amiga.

Na obra teatral, un grupo de alumnas e alumnos aparecían lendo o xornal e comentando detalles de Caamaño cunha posta en escea moi coidada e cun discurso fluído.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, destacou «a maxia das palabras e da imaxinación» ao tempo que subliñaba que o Día das Letras Galegas é e debe ser «unha celebración de toda a sociedade». Nas bancadas, seguían todo o acto alumnado do centro (mesmo moi cativo), familiares de Begoña Caamaño (viñeron ata sobriños dela), algunha responsable do Concello de Vigo, da Consellería de Educación e da Deputación da Coruña, esta última entidade colaboradora coa Primavera das Letras.

Ante tal público, as actrices e actores do Pombal entrevistados recoñeceron que estaban moi «nerviosos». «Eu tiña o almorzo na gorxa», confesaba ao remate do acto Nico Alonso. Ao seu carón, a súa compañeira Mayra Coloma engadía que lle entrara a tos e que tivera que beber un pouquiño de auga para calmala.

O traballo tamén foi ben feito xa que os escolares colleron a Begoña Caamaño como referente. «Ela foi unha gran muller defensora dos dereitos das mulleres», comezou sinalando Marcos dos Santos. Mayra engadiu que «traballou moito pola igualdade das mulleres; foi moi especial». «Foi moi importante. Antes as mulleres dependían dos homes», recalcou Cíes Domínguez.

Tracking Pixel Contents