A obra de Rosalía de Castro, un pracer para o padal
A Fundación Rosalía de Castro pon como exemplo a nivel autonómico a campaña impulsada en Chapela, en Redondela, por transcender o ámbito cultural na súa homenaxe á poeta galega

Propostas gastronómicas inspiradas en Rosalía de Castro / Marta G. Brea

Con grandes fiestras que permiten unha ollada ao mar, o derradeiro desexo que ela mesma manifestou cando a súa voz esmorecía, Carlos Grobas amosa no restaurante Casa Rei dous pratos inspirados na obra de Rosalía de Castro. Baixo o título «Paixón de mar» e coas propostas gastronómicas recén saídas de cociña, este hostaleiro de Chapela (Redondela) explica que, no seu caso, optou por elaborar uns mexillóns cunha salsa «case mariñeira» cun pouco de picante, de maneira que resulta «un prato moi goloso, pero tamén moi doado e sinxelo, como a cociña da época de Rosalía», unha oferta que completa con outro prato integrado por poblo á prancha cun puré de pataca e queixo San Simón, «sinxelo tamén»,afirma, pero todo un pracer para o padal.
A escasos metros, o restaurante A Chabola tamén levou esta semana a obra de Rosalía de Castro ao patro, no seu caso tomando como referencia o emblemático «Negra sombra». Tras o mostrador, Antía Lorenzo sinala que a súa proposta consta «dunha tixola de patacas con ovos fritidos con choco na súa tinta troceado. É un prato típico, pero en vez de chourizo ou xamón, como é habitual, incorporamos o choco que é o que lle dá un toque especial».
Casa Rei e A Chabola son dous dos sete restaurantes que, xunto a 24 comercios da parroquia redondelá, non dubidaron en sumarse á campaña «Chapela, unha fiestra aberta ao mar», unha iniciativa impulsada pola Asociación de Empresarios de Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística municipal no marco do reto «Unha semaniña enteira», que procura impulsar que as crianzas e a mocidade empreguen o galego máis alá do ámbito da escola.

Antía e Iria Lorenzo, de A Chabola, co prato «Negra sombra». / Cedida
É precisamente dende este departamento municipal dende o que o técnico Xurxo Martínez indica que «quixemos arroupar socialmente o reto de 'Unha semaniña enteira', porque a día de hoxe falar galego en determinados lugares de Galicia é un verdadeiro reto, e o obxectivo era que os rapaces e as rapaces puideran ver outros espazos implicados». Xurxo Martínez destacou moi positivamente a colaboración do comercio e hostalería de Chapela coa iniciativa e comentou que «non se trata de presumir, senón de exemplificar que é posible implicar a sectores coma estes ou do deporte, e obter bos resultados. Para min a lección de Redondela é que arredor da figura de Rosalía non fai falta explicar nada e consegues sumar a implicación de profesionais de distintos sectores».
A este respecto, o responsable do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela tamén mencionou que «naquelas zonas máis presionadas por áreas urbanas e castelanizadas, como é o caso de Redondela, é moi importante reforzar estas iniciativas con actitudes lingüísticas positivas, posto que xa non se trata de gañar falantes, senón reforzalas para que a xente poida dar o paso. Xuntarse para cantar, recitar os poemas de Rosalía ou elaborar pratos baixo o seu nome ou a súa obra xa é unha maneira de facer país».
Igual que a sombra da gran poeta galega por excelencia transcende o eido cultural nesta iniciativa, a propia campaña traspasa fronteiras, pois o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asegurou que «Rosalía é un ben, un valor, un emblema que une a todo o pobo galego e temos que celebrala conxuntamente en todos os ámbitos, por isto creo que a forma que se ideou en Chapela dá unha lección para o resto de concellos de Galicia, porque a campaña é brillante ao implicar a distintos sectores sociais na celebración de Rosalía, sacándoa de ámbitos máis reducidos e levándoa ao público xeral. A figura de Rosalía ten unha proxección social que vai máis alá do mundo académico e escolar, e isto é algo moi importante, porque ao proxectarse sobre outros ámbitos é unha figura que se populariza».
Pola súa banda, tanto Carlos Grobas como Antía Lorenzo coincidiron en que Rosalía de Castro é unha figura que, máis alá das letras, pode ter presenza en todos os ámbitos e que permite valorar máis o propio. Así, Carlos Grobas puxo en valor a iniciativa apuntando: «Encántame porque estamos dándolle valor a Rosalía, a Galicia, a todo o noso. Estamos de moda e hai que aproveitar, que nenos e nenas tiren por nós, porque as novas xeracións veñen con forza e creo que estas pequenas axudan a valorar o que antes non se valoraba tanto. Hai noutros sitios nos que se fala máis o galego, pero este é un pequeno paso e agora, a nivel cultural, está moi ben visto falar galego, non como antigamente». Ao igual que o hostaleiro de Casa Rei, Antía Lorenzo comentou que «sempre está ben que Rosalía acade o máximo posible, tanto comercio como hostalería, máis alá da literatura. Rosalía é escritora, pero é unha figura que se pode levar a todos os ámbitos».
Suscríbete para seguir leyendo
- Endometriosis, la enfermedad del silencio: ¿qué es y a quién afecta?
- Agencias de viaje temen cancelaciones en verano debido al conflicto en Irán
- Interceptado un conductor de patinete eléctrico en Vigo bajo los efectos de cuatro drogas diferentes
- La viguesa Marta Pardo, primera mujer en el TOP 10 mundial de Global Gurus, destaca en liderazgo y gestión
- El IEO documenta dos nuevos ejemplares de peces globo potencialmente tóxicos en aguas de Cangas y Pontevedra que evidencian la «tropicalización» de Galicia
- El gerente del Área Sanitaria de Vigo: «Los médicos sin MIR están de apoyo administrativo y no pueden ver pacientes»
- Galicia se prepara para un fuerte incremento de la inflación por encima del 3% este mes por culpa de la guerra en Oriente Próximo
- Stellantis planea dar entrada a inversiones de fabricantes chinos para reorganizar su capacidad industrial en Europa