«Xa non ten ferriñas», música tradicional galega en clave de jazz
A pandeireteira e recompiladora viguesa Leni Pérez publica novo disco co dúo dúo Sekadra , formado polo baterista Paulo Silva e o teclista Arturo Rúa, incorporando influenzas do jazz contemporáneo á música tradicional galega
O proxecto musical ve este venres a luz e será presentado nun concerto na Sala Rebullón o vindeiro 7 de marzo, ás 20.00 horas

Leni Pérez xunto ao dúo de jazz Sekadra, integrado por Paulo Silva e Arturo Ríos. / Olalla Dapena, de Olioli estudio

«É un proxecto de fusión de música tradicional galega, porque levo toda a vida dedicada á recuperación e á ensinanza destas músicas, xunto co dúo de jazz Sekadra, integrado por Paulo Silva e Arturo Rúa, e no que incorporamos sons máis contemporáneos como o jazz, o pop e outras músicas». Con estas palabras define a pandeireteira, recompiladora e intérprete viguesa Leni Pérez as características do seu novo disco, «Xa non ten ferriñas», que este venres verá a luz e que presentará oficialmente o vindeiro 7 de marzo nun concerto exclusivo na terceira edición da foliada O son da Rebullón, na sala Rebullón (Mos), ás 20.00 horas.
Sobre este novo proxecto musical, a artista viguesa indica que está integrado por varios temas que foron «recollidos» por ela mesma da tradición oral en distintos puntos de Galicia, tales como na aldea de Liñares, tamén en Carballo e mesmo dentro do propio municipio vigués, como é o caso dunha historia que rescatou da parroquia de Valadares. Neste senso, a mestra e pandeireteira sinala que «hai varios cortes que foron recollidos por min e logo tamén hai algunhas historias da tradición oral, e tanto as letras como as músicas están arranxadas».
A intérprete comenta que «os cantares de tradición oral como muiñeiras, xotas ou pasodobres non teñen unha temática concreta, porque a xente botaba unha copla detrás doutra. As que si teñen temática concreta son as historias ou músicas específicas como poden ser os cantos de Nadal. Neste proxecto, á hora de escoller coplas ou arranxar letras si que nos gusta darlle o noso toque». A modo de exemplo, Leni Pérez fai referencia a unha historia que ela mesma aprendeu dunha veciña de Valadares apuntando que «este tema fala dunha moza que se chamaba Clara» e tamén menciona que «consideramos que hai que ir cos tempos e pensamos que hai coplas que a estas alturas hai que desbotar, porque hai algunhas con letras machistas, por exemplo, e o que facemos é arranxar e desbotar ese tipo de letras que hoxe consideramos que xa non teñen cabida».
Xunto co dúo de jazz Sekadra, Leni Pérez explora en «Xa non ten ferriñas» a música de raíz envolta cunha roupaxe moderna que lle permite incorporar as influenzas do jazz contemporáneo europeo como doutras culturas. Así, a pandeireteira viguesa destacou que «Xa non ten ferriñas» ten o seu xermolo na iniciativa que tiveron tanto Paulo Silva como Arturo Rúa á hora de pedirlle levar a cabo unha colaboración nun par de temas, pero logo de sentirse moi cómodos traballando conxuntamente e ante a resposta do público tan positiva, «decidimos meternos nun estudio e tivemos a sorte de que o pequeno selo da Disonante nos botou unha man para gravar o disco», afirma a artista viguesa.
Con esta nova proposta, Leni Pérez pon en valor a súa traxectoria profesional que destaca moi especialmente por contar cun amplo arquivo privado froito do labor que leva feito dende que apenas tiña 12 anos, cando iniciou o seu percorrido por toda a comunidade galega con diversas agrupacións e amizades facendo traballos de gravacións de campo e recuperación de bailes, músicas, vestiario e cantares tradicionais. Na actualidade dirixe 9 escolas en asociacións e centros culturais da contorna de Vigo, con máis de 200 alumnas e alumnos.
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- El enredo judicial en torno a la cúpula acristalada del Celta
- Lola Galovart, Valedora da Cidadanía de Vigo, herida grave y en la UCI por el accidente de la AP-9 del sábado
- Chayanne, segunda confirmación de los conciertos de Castrelos en Vigo
- El otro milagro de Madonna con el Celta: «Hola Borja Iglesias, quería pedirte un favor; yo soy del Dépor...»
- Madonna responde al Celta y zanja el misterio de su camiseta: «¡La llevo puesta y represento a tu equipo con todo mi espíritu!»
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025