Teatro e danza
As artes escénicas con participación galega logran 18 candidaturas aos premios Max
Optan aos prestixiosos galardóns Marta Pazos, as pezas de danza «Baunsbak» e «Transeúnte» así como os espectáculos «Reconversión» máis «A burra, a mesa e o pau»

Fotograma dunha escena de «Reconversión», de Ibuprofeno Teatro, que ten tres candidaturas aos premios Max. / Ibuprofeno Teatro

Os premios de artes escénicas máis importantes do Estado español, os Max, xa teñen a súa roda en funcionamento. A engranaxe apunta á gala do 1 de xuño en Mérida e o teatro e a danza galegas confían en colarse nas finalistas. Contan con alomenos 18 candidaturas.
A obra galega que parte con máis é o espectáculo de danza de Elvi Balboa «Baunsbak», que é candidata en seis categorías: mellor autoría revelación, mellor coreografía, mellor intérprete feminina de danza (Berta Pascual), mellor intérprete masculino de danza (Joel Pradas), así como mellor espectáculo revelación e mellor elenco de danza.
A segunda con máis candidaturas é «Transeúnte», de David Rodríguez que aspira a mellor espectáculo de danza, mellor autoría revelación, mellor composición musical, mellor coreografía e mellor elenco de danza. Tanto Balboa como el son galegos que desenvolven o seu traballo entre Galicia e o exterior.
A continuación, séguenlle «A burra, a mesa e o pau» así como «Reconversión», con tres candidaturas cada unha. No caso da primeira, que é unha montaxe do Centro Dramático Galego (CDG), confía en acabar sendo finalista en mellor dirección de escena (Lorena Conde), mellor espazo escénico ou de videoescena (Carmen Casal e Montse Piñeiro) e mellor elenco de teatro. Pola súa parte, «Reconversión», de Ibuprofeno Teatro aspira ao Max á mellor autoría teatral (Santiago Cortegoso), mellor espectáculo de teatro e mellor elenco de teatro.
Tamén hai que destacar que a pontevedresa Marta Pazos aspira a mellor dirección escénica con «Orlando», do Centro Dramático Nacional, e que tamén presenta varias candidaturas.
Chegar a este punto non lles foi dodado. Un total de 512 espectáculos inscribíronse aos Max deste ano. Só 174 lograron candidatura para os galardóns.

«Reconversión», de Ibuprofeno Teatro. / Diego Seixo
«Reconversión» e a crise do metal
A peza teatral de Ibuprofeno Teatro, que segue en cartel, é un espectáculo de gran formato que interpretan oito actores-músicos. Estes forman unha charanga. O texto de Santiago Cortegoso (que tamén dirixiu a obra) propón recordar que foi da reconversión naval dos anos 80.
Nesa viaxe, tomou como punto de partida o vivido polo seu pai, que traballaba en Ascón, factoría que pechou no ano 1984.
A obra conta con figuras destacadas como Alonso Caxade no deseño do son ou Carlos Álvarez-Ossorio na codirección mentres que Marián Bañobre se encargou do vestiario.
En declaracións onte a FARO, Santiago Cortegoso sinalaba que o espectáculo de Ibuprofeno Teatro –que estrea este mes nova peza, Bioconstrución– tivo moi boa acollida e un «número alto de funcións. Isto non significa que eu considere que sexa suficiente xa que ao ter un caché alto por ser de gran formato, ten un mercado limitante. Hai moitos sitios aos que non pode ir. Para amortizar o gastos necesitamos máis funcións pero cústanos distribuílo fóra de Galicia. Agardamos que as candidaturas aos Max nos axuden a partir de agora».
Esta peza levou o premio do Público na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia o pasado ano.

«A burra, a mesa e o pau», do Centro Dramático Galego. / CDG
«A burra, a mesa e o pau» e a precariedade familiar
Esta foi unha das producións propias do CDG o pasado ano. Caracterizouse por contar cun elenco interxeneracional de 15 intérpretes. A autora Lorena Conde –que por mor da sobrecarga de traballo onte non puido atender a este diario– encargouse da dramaturxia así como da dirección.
A peza «é unha fábula arredor dunha familia obreira galega que mantén a esperanza teimuda nun golpe de sorte ou solución máxica para saír da precariedade na que vive a pesar da loita diaria».

Coreografía de Elvi Balboa para "Baunsbak", candidato a seis categorías dos Max. / E.B.
A distopía de «Baunsbak»
Elvi Balboa é una coreógrafa de Sanxenxo que vive en Barcelona. «Baunsbak»–estreada na Cidade da Cultura– colle o nome do fonema en inglés na palabra rebote. De feito, os bailaríns portan as «jumping boots», botas de rebote e salto.
O título e o movemento fan alusión á acción física de insistir. «Reflexionei sobre que significaba o rebote para min», detalla Balboa que tamén plasma a vulnerabilidade na peza.
A moza confirma que presenta un universo relacionado coa ciencia ficción con «Blade runner» como referente. «Querobuscar cousas fóra do meu alcance, pero falar tamén da búsqueda do equilibrio. Busco poñer o corpo ao límite na coreografía», destaca.
Os bailaríns mostran unha nova corporalidade, como se deshumanizaran como un centauro con prótesis.
Suscríbete para seguir leyendo
- El astillero francés Piriou se adelanta a Freire por el pedido de dos oceanográficos para Indonesia
- La «plaga» de pulpo persiste en el sur de Inglaterra: más de 400 toneladas en solo dos meses, un 450% más que el año pasado
- Vigo exhibe dinamismo urbanístico al cobijo del nuevo PXOM: se han tramitado más de 3.300 proyectos desde su aprobación
- Salgueiros perde a un mozo comprometido, cofundador de Vai Nela
- La Policía evita que la pareja de O Real okupe otra casa en Touzal
- Jóvenes que escapan del alquiler en Vigo y se hacen propietarios: «Todo son precios desorbitados sin sentido»
- Luz verde en Vigo a una inversión superior al millón de euros para levantar un edificio de viviendas
- El párking del hospital único se retrasa: el Sergas decide impulsar antes la cafetería