Charrascas, cristos e roncos entran a redobre no dicionario galego
O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega aproba a incorporación destes instrumentos de percusión populares, elaborados artesanalmente e exclusivos das rondallas

Patricia Pedrido Davila / Jose Lores
O dicionario da Real Academia Galega (RAG) soa a redobre. O Seminario de Lexicografía vén de aprobar esta semana a entrada de tres instrumentos de percusión populares, de arraigada tradición, e exclusivos das rondallas de Reis do sur da provincia pontevedresa: cristo (e a variante cruz), ronco e charrasca. Tamén aceptou a denominación dos seus intérpretes: os dous primeiros reciben a mesma nomenclatura que os elementos musicais, mentres que charrasqueiro pasa a designar á persoa que toca o último. Os novos termos subiranse á ferramenta de consulta online da RAG na súa próxima actualización.
«Era lóxico introducir os instrumentos da nosa cultura popular», explica Manuel González, catedrático de Filoloxía Románica e académico da RAG desde 1992. Calquera persoa pode propoñer vocábulos para engadir no dicionario galego ao Seminario de Lexicografía, encargado da súa actualización. Neste caso, a iniciativa partiu dunha persoa vencellada á cultura rondalleira por tradición familiar. «Estes termos xa se trataran hai anos, pero non se tiña suficiente información sobre as características propias de cada instrumento. Desta volta recibimos unha descrición con fotografías, que foron fundamentais», subliña.
«Son palabras moi nosas e vivas, que usamos dentro da vida cotiá rondalleira», celebra Serafín Rodríguez, presidente da Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo. Con este recoñecemento complétase o arco dos principais instrumentos destas agrupacións, que inclúen pandeiretas, gaitas, castañolas, cunchas, bombos, caixas, tambores, pratos e diversos elementos de vento metal.
«Teño colaborado con colexios e profesores que me teñen preguntado por eles: ‘É que estes nomes non aparecen por ningunha parte!’. Isto é un paso máis para poñer en valor a cultura rondalleira», destaca Daniel González, director da Rondalla A Merced de Chaín (Gondomar).
Cristos (ou cruces), charrascas e roncos teñen unha peculiaridade: non se atopan en tendas, son de elaboración artesá e cada rondalla garda celosamente o seu xeito de facelos, cos seus propios deseños e técnicas.
«Son instrumentos duns grupos moi puntuais, só desta zona do sur de Pontevedra. Non terían saída para a venda porque ademais poden durar bastante tempo», apunta Serafín Rodríguez. As rondallas só se forman catro meses ao ano, arredor do Nadal, polo que cada unha ten aos seus propios lutieres na percusión. «Antigamente cada unha tiña aos seus carpinteiros, que mesmo podían ser rondalleiros, e que foron aprendendo doutros, da xente maior. Parte diso mantense hoxe, pero non teñen nin que ser profesionais do oficio», engade o tamén director de Pontellas.
Todas as rondallas que integran a federación - un total de 18- contan con charrascas e só unha carece de sección de cristos. Menos presenza teñen os roncos, ausentes na metade, e nalgúns casos con apenas un elemento. Entre as agrupacións cun maior equilibrio destes tres instrumentos destacan Torroso (Mos), Parada (Nigrán), Valladares (Vigo), Guizán (Mos) e Chaín (Gondomar). FARO acode onda esta última para retratar que son estes instrumentos, como se tocan e como soan.
«Nós tratamos de conservar os roncos e as cunchas e, cando facemos as instrumentacións do repertorio, darlles o seu protagonismo», resalta Daniel González, batuta de Chaín.

Sergio Rodríguez, Alba Martínez e Iago Rodríguez, «rondalleiros de Chaín» coa charrasca. / Jose Lores
Charrasca. Este instrumento consta de dúas partes: unha chapa acanalada que se raspa cun pau de punta metálica, producindo un son agudo. «Orixinalmente marcaba os contratempos, calidade que mantén aínda que evolucionou moito», analiza Serafín Rodríguez. «Dá o contrapunto, é máis brillante; a súa característica é o ritmo a contratempo, o contraste», valora o batuta de Chaín.
«A maneira máis tradicional de elaboralas é picando a chapa de dentro a fóra, de xeito uniforme, e hai que saber facelo para que a prancha metálica non acabe retorcida. Hai plantillas con debuxos propios segundo a persoa que as realice», explica o presidente da federación.

Manuel Bastos, Daniel Fernández e Iago Rodríguez, «rondalleiros» de Chaín empuñan o cristo ou cruz. / Jose Lores
Cristo ou cruz. «O orixinal tiña forma de crucifixo, de aí o nome. Este estilo aínda se mantén nalgunhas rondallas pero foi evolucionando a outros deseños personalizados para poñerlles máis ferreñas, buscando unha maior sonoridade», detalla Serafín Rodríguez. Hainos con forma de rombo, triángulo, semicírculo, cruz celta, lira, grella…
Tamén consta de dúas partes: a estrutura de madeira principal, con sucos pola parte traseira, que se raspa con outro pau que se suxeita entre a man e o ombreiro do brazo contrario. «É un híbrido: ten a ferreña da pandeireta e o rascador de madeira do ronco. É unha sonoridade diferente. É moi visual, polo tamaño e por como se toca», describe Daniel González. «Apoia máis ás pandeiretas, vai de forma similar a estas», expón o director de Pontellas.

María del Carmen Costas, Teresa Do Espiritusanto e Rosa Quintas, «rondalleiras» de Chaín, cos roncos. / Jose Lores
Ronco. É unha peza de madeira que ten unha ou dúas fendas lonxitudinais e unha superficie con sucos que se raspan cun pau. Cada vez son menos as rondallas que o teñen. «Non aporta tanto como outros instrumentos. Ten toques máis sinxelos que a charrasca. É unha pena que se vaia perdendo... Tamén hai pouca xente que o toque», reflexiona Rodríguez.
«Garda parecido á castañola pola sonoridade da madeira e á charrasca pero non é tan brillante. Depende do tratamento que lle deas. En Chaín fai un traballo máis de base, cun son máis grave», puntualiza o director de A Merced.

José Millán Dacuña, o carpinteiro artesán que elabora os cristos e roncos da Rondalla A Merced de Chaín. / Jose Lores
«Téñenme vido doutras rondallas para que lles faga cristos pero non»
A produción de charrascas, cristos e roncos é artesanal, exclusiva e case baixo segredo. José Millán Dacuña nunca tocou nunha rondalla, pero hai décadas que encarnou ao lutier de Chaín. Este carpinteiro de profesión, xa retirado, empezou «copiando uns que tiñamos aquí, pero eran bastante pesados e funos levando ao meu xeito», relata. Desenvolveu un deseño propio con forma de semicírculo: «Isto foi un debuxo que fixen eu e parece que gustou. E se non, pois síntoo pero é o que hai», comenta entre risas.
«Un ronco fágoo rapidamente pero os cristos non. Están moi ben montados, levan máis tempo. Téñenme vido doutras rondallas para que llos faga pero non. Eu son de Chaín. Gústame facer para aquí, nada máis. E non teño nada en contra doutras. Pero eu quero que luzan na miña», confesa Millán que, previsor, ten dous cristos de reserva a maiores dos nove que están en activo.
«Recordo que en Pontellas un rapaz fora a xunto dun home maior que facía as charrascas de Atios pero que mantiña un pouco o segredismo e ao principio era reticente a explicarlle», revela Serafín Rodríguez.
Chaín conta con outro artesán exclusivo, pero das charrascas. «Non me gustaba o son das antigas que tiñamos. Eran distintas entre si e soaban diferente. Así que fun a un desguace e atopei unha boa chapa. Collina e fixen unhas novas», conta Daniel Pérez, rondalleiro que hai uns dez anos lanzouse a facelas sen que ninguén lle ensinase. Creou unhas 15 que aínda están en activo. Cando algunha se estraga, reponse. «Só fago para nós. Chamáronme para fabricar para outra rondalla pero díxenlles que non. Cada unha ten o seu instrumento, a súa maneira e o seu son», conclúe.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un colegio de Vigo, entre los 100 mejores de España según la revista Forbes
- «La generación Z consume menos alcohol porque encontró una droga nueva: la tecnología»
- Sorprendidos manteniendo relaciones sexuales dentro de un coche en el aparcamiento de un supermercado de Redondela
- La hélice del crucero «Spirit of Discovery» quedó al aire frente a la costa gallega: hubo un fallecido y más de 100 heridos
- Cortes de tráfico en Vigo: el Celta - Lyon y la llegada de aficionados franceses alterarán la circulación
- Panxón estrena el mayor camping de autocaravanas de Galicia con visitas de siete países
- Una mujer «Spider-Man» que trae de cabeza en Moaña
- Borja Iglesias responde al seguidor del Deportivo que le pidió la camiseta que el Celta lució en el homenaje a Madonna