Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día das Letras Galegas

Reencontro con Begoña Caamaño, a nena que perdeu un zapato no Calvario

Situado no barrio vigués no que transcorreu a súa infancia, o IES Castelao é o primeiro centro galego de ensino en render homenaxe a Begoña Caamaño, a quen a Real Academia Galega dedica este ano as Letras Galegas

O acto contou coa participación da irmá da xornalista e escritora, Beatriz Caamaño, e de varias amizades

O IES Castelao foi o primeiro centro de ensino galego en render homenaxe a Begoña Caamaño

Alba Villar / Carolina Sertal

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Hai algo máis de medio século, nuns tempos nos que as crianzas xogaban libres na rúa e enredaban até que os berros asomaban polas fiestras das casas a modo de «toque de queda» cotiá, neses mesmos terreos que hoxe coroan un centro de ensino e un patio cuberto non existía nada máis que un terraplén e unha lameira na que unha cativa perdeu un zapato. Aquela pequena respondía ao nome de «Bego», se quen o pronunciaba era a súa irmá, Beatriz Caamaño, con que medrou nun barrio vigués que foi «delicioso para a súa primeira infancia», O Calvario. E é precisamente por iso, porque Begoña Caamaño conformou parte da paisaxe humana que habitaba aquelas rúas de Vigo, que era natural que a primeira homenaxe que se lle rendera á autora a quen a Real Academia Galega (RAG) dedica este ano as Letras Galegas tivese lugar no instituto que hoxe lembra aquela lameira na que perdeu o calzado, o IES Castelao.

Na mesma semana na que o instituto vigués foi anunciado como gañador do certame do Día das Letras Galegas 2026, convocado pola Xunta de Galicia, pola mostra «De Circe a Morgana», o IES Castelao celebrou este xoves o primeiro acto que un centro galego de ensino dedica a Begoña Caamaño. Contando coa participación da propia irmá da xornalista e escritora, Beatriz Caamaño, así como de varias amizades e autoridades, o instituto aproveitou a ocasión para empregar como eixe vertebrador a biografía que explora esa infancia da autora que transcorreu no Calvario e que foi elaborada polo docente do centro Ramón Nicolás Rodríguez, «A nena que perdeu un zapato na lama».

Entoando a mesma canción que Begoña e Beatriz aprenderon de María Xosé Queizán no primeiro piso dun edificio situado na encrucillada da rúa de Aragón e o comezo do Calvario, o alumnado de música de Josefa Fernández inaugurou o acto coa interpretación de «Le petit cheval» para, a continuación, dar paso á intervención do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, quen amosou a súa satisfacción por ver que o barrio no que Caamaño viviu a súa infancia «é unha comunidade que segue viva, que a recorda e que a celebra. A Real Academia Galega propón a súa figura, pero a sociedade é quen a celebra», destacou.

A Academia acaba de devolvernos a oportunidade de reencontrarnos con Begoña

Beatriz Caamaño

— Irmá de Begoña

Monteagudo enxalzou a traxectoria e as contribucións da autora viguesa á historia da literatura galega facendo referencia a que a institución que preside na actualidade propuxo dedicar o Día das Letras Galegas a Begoña Caamaño «pola obra literaria extraordinaria que deixou, dúas novelas que son dúas pezas de ouro na historia da nosa literatura, e tamén pola súa traxectoria como xornalista en galego, comprometida coa profesión, coa veracidade da información e co foco posto nos problemas que máis preocupaban á sociedade». A beleza da escrita, a súa imaxinación e as mensaxes que foi quen de trasladar a través da reinvención dos mitos, dende a sororidade e amizade, foron aspectos que Henrique Monteagudo puxo en valor sobre a obra literaria de Caamaño para concluír afirmando que «as súas novelas son dous fachos que iluminan a nosa historia da literatura».

De esquerda a dereita, o editor de Galaxia Marcos Calveiro, a irmá de Begoña, Beatriz Caamaño, e o director do IES Castelao, Cándido Paniagua.

De esquerda a dereita, o editor de Galaxia Marcos Calveiro, a irmá de Begoña, Beatriz Caamaño, e o director do IES Castelao, Cándido Paniagua. / Alba Villar

Dende o persoal

O acto continuou cunha primeira mesa na que participaron o director do instituto, Cándido Paniagua, quen reivindicou a escola pública como «espazo de mediación cultural consciente»; o editor de Galaxia Marcos Calveiro, quen achegou ao alumnado do centro palabras da propia Begoña arredor da súa inquedanza como lectora e escritora, e a irmá da xornalista, Beatriz Caamaño.

Arroupada polo estudantado cun caloroso aplauso, Beatriz manifestou o seu agradecemento polo acto afirmando estar vivindo «un momento apaixonante e marabilloso»: «Non podedes imaxinar o que supón para nós, porque eu perdín unha irmá e a Academia acaba de devolvernos a oportunidade de reencontrarnos con Begoña, e iso é o máis marabilloso que nos pode pasar. Encantaríame que ela puidese velo e desfrutalo, por iso quero pedirvos que a leades e non como unha lectura obrigatoria, porque nun momento tan difícil, cunha tendencia social e deriva tan perigosa, é fundamental formarse e ter ideas propias», trasladou Caamaño ao alumnado.

Así mesmo, a irmá da homenaxeada apuntou que «Begoña foi unha nena rebelde que buscaba o seu espazo na infancia, porque non o tiña fácil. Aquela nena normal e corriente non atopaba o seu lugar, porque con aquela independencia e clarividencia non era doado atopar o seu sitio». É por isto que Beatriz Caamaño lanzou ao estudantado a mensaxe de que «ser distinto, diferente ou sufrir, non é condicionante de futuro, porque a incomodidade levou a Begoña a ler moito e logo a escribir, polo que se vos sentides así, camiñade o voso camiño: hai un futuro para vós», concluíu.

Era quen de transformar o cotiá en algo extraordinario

Maika Aguado

— Xornalista e amiga

Dende a amizade, foron An Alfaya e Maika Aguado as convidadas que achegaron outra óptica da figura de Begoña Caamaño aos alumnos e alumnas vigueses nunha segunda mesa na que tamén estivo presente a cantante e compositora Su Garrido Pombo, quen puxo en valor que Caamaño «foi unha pioneira que me ensinou que as secundarias poden e deben ser protagonistas». An Alfaya mencionou que foi na etapa de Coia na que coincidiu coa xornalista: «A miña lembranza é a dunha rapaza absolutamente luminosa, que sempre estaba na primeira fila do activismo, era rompedora e eu admirábaa», destacou, engadindo da súa amiga que era «emprendedora e loitadora, un verso solto, porque precisaba buscar o seu lugar».

Foi unha pioneira que me ensinou que as secundarias poden e deben ser protagonistas

Su Garrido Pombo

— Cantante e compositora

Pola súa banda, Maika Aguado rescatou tamén as acordanzas dunha infancia compartida cunha nena «cunha creatividade enorme e que era quen de transformar o cotiá en algo extraordinario, porque calquera cousa era unha faísca para ela, e sen sabelo xa estaba aí a comunicadora e a narradora».

Para pechar o acto, Ramón Nicolás Rodríguez explicou a orixe da biografía de Caamaño que vén de publicar en Galaxia e amosou o seu agradecemento a todas as persoas que o fixeron posible, así como ao alumnado pola súa implicación na organización do acto que inicia os festexos en Galicia arredor daquela nena que perdeu un zapato no Calvario e que hoxe é coñecida, valorada e querida polos estudantes dese mesmo barrio.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents