Dous talentos de cine nunha mesma familia
As viguesas Paula Pereira e Lucía Estévez non só comparten sendas nominacións aos Premios Mestre Mateo, senón que teñen a sorte de ser curmás e constituír un referente a unha da outra, chegando incluso a traballar xuntas nalgún proxecto

Pedro Fernández

Sente a candidatura como sinónimo de «calor e agarimo» por parte dos académicos e académicas que a votaron. É a primeira vez que figura na categoría de mellor dirección nos Premios Mestre Mateo e o certo é que este ano o seu nome aparece xunto aos de Oliver Laxe, Ángeles Huerta e Anxos Fazáns, polo que a viguesa Lucía Estévez sinala que «é moi ilusionante e sobre todo, para min, significa reivindicar a dirección dende o oficio, porque son a mesma cando dirixo por encargo que cando dirixo as producións propias».
Porén, se hai algo que fai aínda máis especial a meción deste ano para a cineasta viguesa é que nas categorías de mellor curtametraxe e mellor videoclip está presente a súa propia curmá, Paula Pereira.
Por «Weiss & Morales», no caso de Lucía Estévez, e por «Algo novo que contar» e o videoclip de «Non cho podo dar» (Sabela e María Escarmiento), no caso de Paula Pereira, estas dúas viguesas non só comparten a alegría de repetir candidaturas nos Mestre Mateo, pois ambas foron xa candidatas o ano pasado noutras categorías, senón tamén polo feito de facelo da man xa que, ademais de ser curmás, constitúen un referente a unha da outra, de aí a complicidade que deixan entrever á hora de contar como é ter na familia a unha «compañeira» de profesión.
Lucía Estévez explica que ao sector chegou «por casualidade», pois relata que «en Comunicación Audiovisual atopei o que era filmar a xente que me inspiraba, pero ao non ter referentes na familia nin como mulleres cineastas, nin tampouco ver moito cinema de pequena, era algo que non o vía como unha posibilidade. Co paso do tempo, xa comezou Paula, e somos curmás pero tamén moi amigas, polo que é un apoio no que sentirme segura, xa que aínda que eu son a curmá maior, para min ela é moi referente: como escribe, a súa mirada, a súa maneira de pensar,... Aprendo moito traballando con ela».
Eu son a curmá maior, pero para min ela é moi referente: como escribe, a súa mirada, a súa maneira de pensar,... Aprendo moito traballando con ela
Ao seu carón, Paula Pereira devólvelle a súa curmá o relevante da súa influencia nela, pois destaca que, malia que xa cando vía películas co seu pai agromara a súa inquedanza polo audiovisual, realmente foi «cando empecei no bacharelato artístico e vin que Lucía estaba cos seus proxectos e que gozaba, ela estaba creando camiño e eu pensaba que quería ser como ela, polo que decidín tirar polo mesmo camiño. Lucía para min non só é un referente profesional, senón tamén persoal, pero saber que entras nun mundo que non é fácil e que o fas acompañada é bonito, e sobre todo se estás acompañada dunha amiga e familia».
Traballar no mesmo sector, confiar plenamente na outra ao mesmo tempo que admiran os proxectos que cada unha leva a cabo é unha sorte compartida, pois Lucía Estévez apunta que «as dúas temos interese en que as nosas historias toquen temas familiares, persoais, hai algo de fogar en ser referentes a unha para outra. Somos moi parecidas nisto e no sentido do humor, pero tamén atopamos diferenzas nas que podemos aprender a unha da outra». Pola súa banda, Paula Pereira explica que «poder contar cunha persoa coa experiencia de Lucía é moi positivo porque eu sinto que estou protexida, ela aconséllame e agora estamos as dúas nun momento no que temos unha comunidade de compañeiras que é un círculo seguro, xa sabemos como queremos traballar, e isto é algo do que non se fala moito nin na universidade nin nas escolas».
Saber que entras nun mundo que non é fácil e que o fas acompañada é bonito, e sobre todo se estás acompañada dunha amiga e familia
Con respecto aos proxectos finalistas nos Mestre Mateo, Lucía Estévez comenta que está moi «orgullosa» do capítulo de «Weiss & Morales» que tivo a oportunidade de codirixir, pois explica que a produción foi unha codirección con Oriol Ferrer para Portocabo e RTVE, xa que «lembro unha experiencia de moitos coidados, de moita conversa cos guionistas e na que sempre me sentín respectada. Codirixir non é doado e eu atopei moito respecto e liberdade, foi toda unha aprendizaxe e estou moi contenta co resultado e a candidatura».
Fóra do posto de dirección, Lucía asumiu a produción en «Algo novo que contar», o primeiro gran proxecto de Paula Pereira, quen destaca que «é unha carta de amor a min mesma sobre que é posible ter unha primeira relación sexual doutra maneira, creando un espazo seguro, sen medos a sentirse xulgada e no que poder expresar o que sentes» e confesa estar «emocionada» polo recoñecemento que está colleitando. Ambas sinalan que repetirían a experiencia de traballar xuntas, pois para Paula ter a Lucía preto é sinónimo de «ter seguridade no proxecto e foi moi enriquecedor, ademais contamos cun equipo no que a maior parte eran mulleres e moi concienciadas coa historia», mentres que a súa curmá indica que «neste proxecto entendía por que é bo que as persoas que diriximos pasemos tamén por outros departamentos».
Tanto Paula Pereira como Lucía Estévez están inmersas na actualidade na fase da escrita de vindeiros proxectos. Neste senso, Estévez comenta que «estou escribindo a película de 'As defensas', que está en fase de financiación, e tamén varias curtametraxes con historias que quero contar, pero realmente necesito xa traballar en equipo e dende o colaborativo» e Pereira fai referencia a que 'non sae' «de experiencias persoais, porque agora estou escribindo sobre o abandono, que vai achegar outro tipo de visión, porque si que me gustaría posicionar o meu traballo dende unha mirada queer e persoal. Eu son unha persoa queer e penso que fan falta historias con esa mirada, faltan máis mulleres e tamén representar a colectivos que non están».
Suscríbete para seguir leyendo
- Una viguesa denuncia a su hija por okupar su piso que tiene en condiciones insalubres: su hijo la sacó de ahí «por su salud»
- Gaiarooms compra el Hotel Ipanema y lo transformará en el primer «alojamiento digitalizado» de Vigo
- De escapista a solidario: Pinki, el perro gallego que se hizo viral por plantarse en la plaza del pueblo
- Muere un trabajador tras caer desde una escalera en Mos
- «Cuando un niño te abraza y llora porque te vas, no hay palabras para describirlo»
- La otra represalia de EE UU contra España: el adiós al caladero de Boston para 70 pesqueros gallegos
- Una jueza de Vigo avala que las comunidades de propietarios prohíban las mascotas
- EE UU se afianza como el gran vendedor de petróleo y gas a Galicia con una factura de 1.200 millones, a costa de México, Libia y Rusia