Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música | Baiuca Músico

Baiuca: «Non fago música para dar o pelotazo»

O festival Emigrason en Bruxelas acolle en marzo o galego Baiuca

O artista galego chega cun novo álbum, «Barullo remixes» onde varios produtores lle dan unha nova volta ao seu anterior disco

Tamén puxo melodía á serie de éxito «Animal»

Baiuca

Baiuca

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

—A Riviera en Madrid e a Razmatazz en Barcelona son dúas das salas referentes no Estado. Vostede, Baiuca, vén de colgar o cartel de entradas esgotadas para dúas actuacións seguidas na primeira. En menos dun ano, fixo ‘sold out’ en catro ocasións neses dous templos. É para estar feliz.

Está sendo unha xira fabulosa para min e poder pechar deste xeito faime feliz pero non só por vender entradas senón porque cando estou no palco ou cando baixo e converso co público tralos concertos transmíteche esa gratitude. Para min, iso é importante. Dedico moito tempo a estar pechado no estudio e tamén a facer a miña vida durante meses sen estar pendente do que hai fóra, conectar coa xente é marabilloso.

—Mais saír de xira polas salas non dá un pouco de vértigo, polo medo a non encher, a perder cartos?

Si, penso niso. Este sempre foi un proxecto independente porque somos unha pequena estrutura que traballamos pola nosa conta sen contar con apoios. Non só tocamos en festivais que nos contraten senón que tamén tocamos en salas. Apostamos por facer cousas pola nosa conta e iso implica que hai que vender tiques. Hai artistas que non se atreven polo medo ao fracaso por se non consegues vender as entradas. Vivimos nunha voráxine de que todo son concertos esgotados. A xente responde nas salas aos noso shows, vemos que hai conexión. Iso implica que a veces hai momentos nos que pensas e a xente cansarase de min? Seguirá vindo a xente aos concertos de Baiuca?

Baiuca, nunha foto promocional.

Baiuca, nunha foto promocional. / Jordi Cussío.

—Entre o público, hai queixas de que o circuito de salas está en crise con case todo enfocado aos festivais.

Obviamente, hai algo diso. A xente cando ten que decidir en que gastar os cartos ten que elixir a que vai. Os festivais ofrecen packs cunha experiencia que me parece moi interesante. Iso implica que moitas veces a xente non vaia ás salas pero pola miña experiencia creo que hai moita regulación; moitas cidades perseguen as salas e iso fai que moitas acaben pechando. Son negocios que dependen de que a xente vaia. As salas non teñen capacidade para optar a colchóns de grandes patrocinadores ou subvencións. Para min, as xiras das salas é unha experiencia moi agradable porque tes o público máis preto. Podes tocar concertos máis longos. Hai cousas dos grandes concertos que me fascinan como subirte a un escenario enorme e ter unhas condicións acústicas e de iluminación máis pantallas tremendas.

Moitas cidades perseguen as salas e iso fai que moitas acaben pechando

Baiuca

— Músico

—Participou na banda sonora da serie «Animal», que foi un éxito en España e mesmo fóra.

Foi a primeira experiencia que tiven facendo bandas sonoras. Gustoume e repetiría porque enfoquei o traballo noutra dirección distinta. Cando me chamaron, dixéronme que querían o toque de Baiuca, con eses sons que emprego, pero aproveitei para explorar outro tipo de sonoridades, de cancións que tiveran máis sentido coa serie. Cando fas un tema propio ou un disco pensas que pasará pola cabeza de quen o escoite no club ou na casa, pero cunha banda sonora tes que ter en conta as imaxes, as secuencias. É diferente. Foi un traballo de moitas horas e intenso. Foi unha porta que se abriu para que, oxalá no futuro, faga máis bandas sonoras.

—Unhas poucas semanas atrás, publicaba «Barullo Remixes», un disco no que unha ducia de dj e produtores mesturan ao seu xeito os temas do seu último álbum.

O disco acaba de saír, si, e conta cun produtor por cada tema. Estou moi contento coa selección dos remezcladores [Glow, Dj Raff, Alvva, Panasoma, Dalila...]. Apetecíame facer un disco de remesturas. «Barullo» foi pensado para ser un álbum máis electrónico respecto do que facía antes, máis de clube, pero quería que as remesturas foran máis alá, para facer bailar máis a xente. É darlle outra vida á túa música, que a xente escoite os teus temas doutro xeito. A min, tamén me gusta pinchar. Fíxeno hai pouco no club Mazo, en Madrid. Obrígache a estar inmerso en todas as sonoridades que está habendo. Hai catro anos Spotify elixiume como o primeiro artista español para facer unha playlist. Gústame ir vendo o panorama inda que hai momentos nos que me dedico a non escoitar nada de música.

—Xa que menciona o Spotify, como ve o boicot de artistas a esta plataforma polos negocios da guerra do seu CEO?

É un tema complicado o do boicot a Spotify. Se cres na paz e o presidente dunha compañía inviste en armas para Ucrania é obvio que non che guste. Iso é coherente pero hai que mirar con detalle os CEO doutras plataformas porque hai máis historias por aí...

—Hai unha chegada importante ao mercado de músicas nas linguas cooficiais. Teme que quede nunha moda?

As modas non son malas, son oportunidades para poñer músicas ou xéneros nun contexto máis mainstream qoe que moitas veces non conseguen chegar. O problema das modas é que acaban cansado. Eu sempre fago música pensando nun horizonte longo, en ter unha carreira constante, non me deixo levar nunca por facer música para dar o pelotazo. Son cousas que rapidamente se esbotan. As modas permiten que certas cousas se queden como algo normal. Veremos que pasa nos próximos anos.

—O seu fin é aguantar o máximo posible na música.

Si, porque o disfruto. Vou intentar que sempre sexa algo que me guste. A música comeza por un lecer e acaba sendo un traballo. Eu busco que o traballo sexa unha paixón, que me emocione mentres creo algo novo. Se son dez ou vinte anos máis, xenial.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents