Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A derradeira despedida a un home con nome «di rivoluzione»

Profesor querido, loitador antifranquista, protector da memoria histórica, político combativo, tertuliano inesgotable, pai e avó. Vigo deu onte o derradeiro adeus a Xesús Alonso Montero nun emotivo e multitudinario acto respectando os seus desexos: poesía, «A Internacional» e a bandeira comunista arroupando o féretro

Vigo despide a Xesús Alonso Montero nun emotivo acto

Marta G. Brea

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Se cadra, erguer o puño e mantelo firme no ar. Entoar «A Internacional» en voz alta a coro ou tamén algún verso dos poemas seleccionados en voz queda, mais non chorar, chorar non. Porén, se Xesús Alonso Montero tivese a oportunidade de botar unha derradeira ollada a Vigo tan só 48 horas despois de «irse durmir fóra», pode que se permitira escorregar algunha bágoa faciana abaixo contemplando á multitude que onte se achegou até Pereiró para cumprir algunhas das súas últimas vontades en sinal de respecto, en sinal de recoñecemento pola loita compartida, de agrademento por un océano de ensinanzas de fondo calado, de admiración por un legado histórico en Galicia ou, sinxelamente, en sinal de agarimo cara a súa persoa.

«Profesor querido e admirado, loitador antifranquista, protector da memoria histórica, investigador infatigable, político combativo, eficaz editor e tertuliano inesgotable», tal e como a súa propia filla definiu, pero tamén pai e avó. Vigo foi este sábado testemuña da derradeira despedida ao histórico comunista, profesor, escritor e un dos grandes intelectuais contemporáneaos de Galicia, Xesús Alonso Montero, quen finou o pasado xoves aos 97 anos de idade na cidade olívica. Personalidades políticas, do mundo da cultura galega, antigo alumnado, compañeiros de loita e «camaradas», así como amizades e familiares «axuntáronse todos e todas» onte en Pereiró para participar nun emotivo acto que respectou boa parte da manda testamentaria que Alonso Montero deixou rubricada, sendo a persoa encargada de dirixir a despedida a súa propia filla, Sara Alonso Pimentel.

Minutos antes de que se abriran as portas para iniciar as honras fúnebres, «alleas totalmente a calquera ritual católico ou doutra confesión relixiosa», tal e como el mesmo detallara, a bandeira republicana en alto coroando a multitude sinalaba involuntariamente o punto de encontro. Coa sala abarrotada de persoas, tendo unha boa parte que ficar fóra, o acto deu comezo co reparto dun caderniño entre os asistentes ao coidado de África Cordal, Minerva Loureiro Alemparte e Octavita Ojea, como anticipo das lecturas que virían a continuación e como recordo, ao remate, en representación de todas as persoas que querían ao profesor e de cantos se achegaron até Pereiró na xornada da súa despedida.

Ante o cadaleito arroupado por una pequena bandeira comunista e namentres se proxectaban fotografías da súa etapa en Lugo, un período que o marcou fondamente, Sara Alonso Pimentel comezou o acto lembrando ao seu pai como un home que «quixo traballar sempre por mellorar as condicións de vida do ser humano, dos alumnos, dos amigos», engadindo que «desenvolveu un labor inmenso en moitos campos. Na docencia, Don Xesús, mestre ou profesor son apelativos repetidos para el; pero tamén a divulgación cultural, porque a cultura é algo que abre os ollos, como dicía Pedro Petouto».

Quixo traballar sempre por mellorar as condicións de vida do ser humano, dos alumnos, dos amigos

Sara Alonso Pimentel

— Filla de Xesús Alonso Montero

Xesús Alonso Montero a ombros do seu alumnado en Lugo, retratos familiares en festas, paseos e comidas, e tamén a icónica escena da súa retención por parte de varios gardas civís o día da chegada dos restos de Castelao a Galicia. Foron algunhas das instantáneas do carrusel de fotografías que foi proxectado durante o funeral, «a presentación dunha imaxe menos coñecida do noso pai», asegurou Sara Alonso, quen explicou que «o período de Lugo foron os mellores anos da súa vida. Aínda que era vigués de nacemento e sociolingüisticamente ourensán, de todas partes, o certo é que os 15 anos de Lugo foron tan importantes para el que alí foi onde se fraguou todo o que el foi despois. Nos anos de Lugo foi tamén pai, por iso as fotos seleccionadas corresponden tamén a esa etapa decisiva, outras recordan o seu activismo, a chegada restos de Castelao, actos da Real Academia Galega... Todo vén de Lugo. Dende alí tamén reeditou textos de Castelao e foi forxando a carreira que lle resultou numerosos recoñecementos».

Tivo unha vida moi longa que viviu con intensidade, con coherencia e con convicción

Sara Alonso Pimentel

— Filla de Xesús Alonso Montero

Para pechar a súa intervención, Sara Alonso quixo destacar o «inmenso legado que foi capaz de atesourar e transmitir á xente» o seu pai, un legado que apuntou que «permanecerá» co paso do tempo, mais coa peaxe dunha ausencia difícil de suplir no pensamento de moitos dos presentes.

Un emotivo recital

As honras fúnebres proseguiron coa filla de Xesús Alonso Montero dando paso a Gregorio Ferreiro, antigo alumno e amigo, quen procedeu a recitar o poema de Curros Enríquez «A Rosalía. Do mar pola orela», a quen relevou unha das netas do tamén académico e filólogo, Irene Alonso Vázquez, quen recitou uns versos do poema «1936», de Luis Cernuda, petición tamén do propio Xesús Alonso Montero: «Por eso otra vez hoy la causa te aparece/ como en aquellos días:/ noble y tan digna de luchar por ella./ Y su fe, la fe aquella, él la ha mantenido/ a través de los años, la derrota,/ cuando todo parece traicionarla./ Mas esa fe, te dices, es lo que solo importa».

Irene Alonso tamén aproveitou a súa intervención para dedicarlle unhas palabras ao seu «querido avó» para o cal escolleu un poema que, aínda que non era de Machado, «o teu favorito», dixo, si representaba o seu sentir .

O acto de despedida continuou coa amiga do intelectual Stella Maris González Valbuena recitando uns versos que a poeta Luciana Stegagno lle dedicara no seu momento a Xesús Alonso Montero, quen para ela tiña nome de «di rivoluzione». Titulado «Cantabile di Galizia», Stegagno facía referencia ao filólogo sinalando «chi fa lingua fa rivoluzione», un poema que Alonso Montero ignorou durante máis dunha década pero que finalmente acabou localizando nunha carta da historiadora e filóloga italiana a Ramón Piñeiro, na que ela expoñía: «Até escrevi um poema para o Xesús Alonso Montero que te copio. Vês se gostas. Ele publicou no FARO DE VIGO coisas muito belas a nosso respeito».

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo a voz a «Brinde», de Víctor Campio Pereira, e como última intervención, ante a imposibilidade da presenza de Xesús Rábade Paredes, foi outra neta de Alonso Montero, Carmen, quen pechou o acto coa lectura de «Volver a Lugo», rematando co acertado verso: «Un mestre con estrela de alto rango».

Traballador da cultura, republicano, marxista e ateo, era desexo de Alonso Montero que as súas amizades e asistentes ao funeral entoaran «A Internacional». Os presentes cumpriron e, logo de que un coro interpretara unha versión en galego, os asistentes alzaron a voz para cantar o himno obreiro adaptado e abreviado polo propio intelectual, esa mesma letra que foi entoada no primeiro mitin público do Partido Comunista Galego celebrado en Vigo en 1977: «Os privilexios e os atrancos,/ cairán coa fouce da razón,/ cairán coa loita organizada, / semente da Revolución./ Axuntémonos todos/ na laboura final/ levando no peito/ a Internacional!».

Vigo despediu así a un defensor do idioma e da cultura galega, a un home entregado á súa profesión e a un firme combatente antifranquista que deixa un legado tan valioso como imborrable en Galicia. Puños erguidos, «A Internacional» e poesía por Xesús Alonso Montero. Mais si bágoas por un «profesor e camarada». Chorar si, chorar tamén.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents