Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Xesús Alonso Montero xa dorme fóra, coas estrelas», por Carlos Núñez

O mundo da cultura e as letras galegas está de loito. O escritor, ensaísta, filólogo, historiador e académico Xesús Alonso Montero (Vigo, 28 de novembro do 1928) faleceu este xoves na mesma cidade onde naceu hai 97 anos.

O mundo da cultura e as letras galegas está de loito. O escritor, ensaísta, filólogo, historiador e académico Xesús Alonso Montero (Vigo, 28 de novembro do 1928) faleceu este xoves na mesma cidade onde naceu hai 97 anos.

Carlos Núñez

Carlos Núñez

O noso querido Xesús, o recoñecido intelectual Xesús Alonso Montero, acaba de pechar os ollos. Partiu, fronte ao mar, seguindo o camiño das estrelas que lle outorgaron a palabra, iluminado por fachos de liberdade. Partiu, e vivirá con nós mentres o lembremos dende as luces da memoria.

É hora de expresar o noso agradecemento ao erudito emblemático, investigador e lingüista incansable. Esta icona interxeracional da nosa cultura, protagonista activo ao servizo da historia de Galiza e dos pobos do mundo, posuía unha mente que vivía baixo o lume dunha estrela vermella, concibindo as súas palabras como emblema e explosión das súas emocións e dos seus coñecementos. A elegancia impertinente das súas palabras transformou a Xesús Alonso Montero nun símbolo escollido para a súa visión perdurable da rebelión ideolóxica da liberdade, mesmo arriscando a súa liberdade baixo a ditadura.

Galiza acaba de perder unha figura fundamental na loita pola cultura e a liberdade universais. O filólogo e profesor Alonso Montero deixa unha pegada imborrable na memoria do pobo, razón pola cal forma parte da súa historia desde hai tempo. A prosa dos seus numerosos libros é coma unha fonte do vento da eterna xuventude; máis aínda, coma a infancia perpetua dun neno da comarca do Ribeiro na república das letras. O legado público da investigación deste gran mestre foi o compromiso que deu voz aos silenciados, defendendo a lingua como factor determinante no ámbito sociocultural galeguista. «A lingua precisa que a defendamos», dixo, «porque o patrimonio cultural que a sociedade recibe do pasado estrutúrase a través da súa lingua, capaz de transmitir a creación popular, a arte e a acción social...».

Ese compañeiro insondable, traballador esforzado e home honesto, déixanos mil recordos que forman parte da gran riqueza da sociedade; por iso o patrimonio da súa palabra vibrará por moito tempo na memoria da nosa cultura galega. A oscuridade da noite sen lúa, acaba de ser alumeada por un Xesús vivo, permanentemente vivo. ¡Grazas por axudarnos a pensar, querido Xesús; déixasnos tantas ensinanzas que es case eterno. Con emoción, saúde e república, compañeiro…!

Tracking Pixel Contents