Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un «camarada» histórico

A figura de Xesús Alonso Montero é indisociable da loita antifranquista e dende a década dos 60 estivo vencellado ao Partido Comunista, motivo polo que foi represaliado en diversas ocasións

Alonso Montero, en 1987, cos seus compañeiros do PCE Carlos Barros (esquerda) e Manuel Peña Rey (dereita).

Alonso Montero, en 1987, cos seus compañeiros do PCE Carlos Barros (esquerda) e Manuel Peña Rey (dereita). / MAGAR

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Nun tempo no que as liberdades e os dereitos humanos estaban sendo vulnerados e minguados polo franquismo, Xesús Alonso Montero mantivo firme o seu compromiso político e social, militando na clandestinidade nas filas do Partido Comunista a principios da década dos 60. É por isto que pronunciar o seu nome é indisociable á hora de referir a loita antifranquista tanto en Galicia como en España, pois a súa militancia política foi motivo de persecución e represalias por parte do réxime franquista, chegando incluso a ter que ser trasladado no curso 1975-76 ao instituto de Montilla, en Salamanca.

Para Xesús Alonso Montero, a súa faceta política sempre foi motivo de orgullo e, neste senso, o escritor Ramón Nicolás Rodríguez apuntaba onte que o que fora o seu profesor «sempre insistía en que se consideraba un aprendiz de comunista e que as accións que levaba a cabo eran para poder chegar a ser comunista de verdade».

Militante tamén do Partido Comunista e amigo de Alonso Montero, o profesor e escritor Modesto Hermida lembraba a figura do intelectual destacando que «era unha inmesidade do saber, cunha capacidade de expresión incrible, e unha persoa moi entregada tanto a súa profesión como ao combate político contra o franquismo». Facendo memoria, Hermida rescatou para lembrar a Alonso Montero a primeira vez que coincidiron, unha anécdota que se remonta a principios dos 70, rodeados pola policía nun club cultural de Oviedo: «Eu traballaba alí e lembro que el viñera a dar unha conferencia a un club cultural progresista, estabamos rodeados da policía e houbo que poñer unhas televisións de funcionamento interno para poder ver da multitude que alí se xuntara», afirma Hermida.

Sempre insistía en que se consideraba un aprendiz de comunista

A amizade con Alonso Montero tamén deixou outro momento clave para Hermida, pois cando foi para Vigo lembra que comunicou ao Partido Comunista que «non facía falta que me buscaran enlace na cidade, nin poñer en perigo a ninguén, porque eu xa tiña o meu propio contacto, que era Xesús. Contactei con el no bar que tiña o seu irmán en Urzáiz, daquela el estaba fóra da disciplina organizativa, pero o que fixo foi mandarme a unha profesora do instituto da Guía para que me introducira na organización. Sempre foi amigo dos seus amigos, facía os favores que fixeran falta e sempre nos apoiamos mutuamente», asegurou Hermida.

Exemplo de compromiso

O Partido Comunista de Galicia (PCG) lamentou fondamente o pasamento do seu histórico «camarada», militante da formación dende o ano 1962, afirmando que Xesús Alonso Montero «é exemplo de tenaz compromiso militante coa cultura galega, a xustiza social, a memoria republicana e a liberdade. Un compromiso coa vida mesma dun home tan íntegro como modesto, que padeceu a represión do franquismo e fixo da loita polos dereitos dos máis febles o eixo da súa vida intelectual e política». Dende a agrupación tamén indicaron a través dun comunicado que «a importancia de Xesús Alonso Montero para Galicia é inmensa», pois o intelectual erixiuse na comunidade como un «pioneiro absoluto da sociolingüística galega, as súas obras denunciaron a situación de exclusión social do idioma e sacudiron a conciencia do país», destacaron.

Así mesmo, o Partido Comunista de Galicia lembrou que, o tamén «mestre de mestres», emprendeu como presidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia «unha das máis conmovedoras tarefas de restitución da dignidade dos que sufriron a barbarie franquista, recopilando as ‘Cartas de republicanos galegos condenados a morte’». Malia o inmenso legado que Xesús Alonso Montero deixa, se houbo un aspecto que o PCG quixo rescatar onte foi o da lembranza «dun home bo» do cal, afirmaron, «aprendimos as leccións da xenerosidade do saber compartido e a firmeza dos ideais». A formación na que o intelectual militou trasladou a súa fonda tristura polo pasamento de Montero, pero co «enorme orgullo de ter compartido con el loita e ideais», lanzando un último aceno a un gran combatente da liberdade a través da súa mellor aliada, a palabra: «Adeus, camarada!», rubricaron.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents