Adeus a Xesús Alonso Montero, un intelectual entregado a Galicia
A cultura galega chora ao profesor, escritor e académico que faleceu onte en Vigo aos 97 anos de idade. O funeral do filólogo terá lugar o vindeiro sábado en Pereiró

«Absolutamente afable», vitalista, alegre, moi entregado á súa profesión, mantendo sempre a proximidade co seu alumnado, moi comunicativo e, moi especialmente, unha persoa cunha capacidade intelectual e de oratoria extraordinarias. Tamén de compromiso, tanto co idioma como coa cultura galega, e dende logo, sen esquecerse endexamais da súa acérrima entrega ao combate político contra o franquismo e firme defensa da memoria democrática e antifascista, unha faceta que sempre espertou unha grande admiración entre quen o rodeaban ou tiñan a oportunidade de escoitalo nalgunha das súas conferencias ou intervencións públicas.
Son algunhas das achegas das amizades máis íntimas en memoria dun dos grandes intelectuais de Galicia, o «mestre de mestres» e académico Xesús Alonso Montero, a quen a cultura galega chora dende onte polo inmenso baleiro que suporá a súa ausencia dende agora, pois o filólogo, historiador e escritor faleceu en Vigo aos 97 anos de idade, deixando unha fonda pegada política, social e cultural e un inmenso legado digno dun «brillante erudito».
Figura de referencia da defensa e do estudo da lingua e da cultura galegas, Xesús Alonso Montero titulouse en 1953 pola Universidade Central de Madrid e doutorouse pola Universidade de Salamanca coa tese «Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega (1966)», exerceu a docencia no ensino medio en centros de Santiago de Compostela, Palencia e no Masculino de Lugo, actual IES Lucus Augusti (1960-1976), até que acabou incorporándose posteriormente á Universidade de Santiago de Compostela, onde chegou a ocupar a cátedra de Literatura galega. Membro de número da Real Academia Galega (RAG), a traxectoria «exemplar» de Alonso Montero, quen está considerado un pioneiro e referente na sociolingüística aplicada ao galego, tamén o levou a presidir a propia RAG entre os anos 2013 e 2017.
As súas contribucións nos ámbitos da ensinanza e da cultura en Galicia son inxentes, e é que se hai unha única característica que as súas amizades tiveran que escoller para definilo, nin dúbida cabe de que esa sería a «súa gran capacidade intelectual, de oratoria e de traballo, algo dificilísimo de emular hoxe en día». Porén, a súa vontade de colaboración sempre que fose necesario, así como a súa amabilidade e bo trato nas distancias curtas, cosían tamén o trazo da bondade no seu traxe de mestre e erudito.
Son estas precisamente as acordanzas que é quen de dedicar Carmen Carreiro, unha boa amiga de Xesús Alonso Montero, quen sempre gozaba da súa presenza en Fornelos de Montes durante a celebración dos actos de entrega dos premios de poesía e xornalismo Manuel Lueiro Rey, do que o mesmo Alonso Montero foi «camarada» debido á militancia comunista de ambos e resistencia antifranquista. «Mantivemos unha relación moi estreita porque estivo moi vencellado a estes premios e gardo algúns dos seus textos manuscritos que escribiu para ler alí. Sempre me dicía que me quedaban así para que tivese unha lembranza del», lembra Carreiro, quen non pode evitar emocionarse cando lembra que «era unha persoa extraordinaria coa que compartir un café e unha conversa. Gustábame moito a súa vitalidade e o seu entusiasmo, ademais da súa capacidade brillante que amosaba en cada unha das súas intervencións».
Unha pegada imborrable
Alumno, pupilo e inavitablemente, co paso do tempo, amigo de Xesús Alonso Montero, o escritor e profesor do IES Castelao Ramón Nicolás Rodríguez é se cadra un moi bo exemplo da pegada imborrable que o docente e intelectual imprimía naqueles que tiveron «o privilexio» de compartir aulas e rúa con el.
As primeiras lembranzas que Ramón Nicolás Rodríguez recupera sobre o seu profesor viaxan á decada dos 80, cando antes de partillar aula, el xa tivera a oportunidade de asistir a algunha das conferencias que Alonso Montero impartía. «Coñecino antes de que me dera clase e logo xa foi o meu profesor no CUVI e logo en Santiago. O meu trato con el inicialmente foi como alumno, pero por distintas circunstancias e proxectos en común, acabamos cultivando moita amizade. Foron moitos quilómetros compartidos: Fornelos, O Grove, A Coruña, Lugo... Visitamos xuntos moitísimos sitios e o seu trato, tanto comigo como coa miña familia, foi extraordinariamente cordial, e era unha persoa que se abría moitísimo no literario e no político. Son moi afortunado por ter gozado da súa amizade a pesar da diferenza de idade».

Xesús Alonso Montero, o pasado mes de outubro en Santiago, na presentación do libro "Correspondencia 1965-2014". / Xoán Álvarez
Outra característica que Ramón Nicolás quixo poñer en valor do intelectual foi a súa «memoria extraordinaria e fóra do común», así como «a capacidade oceánica de traballo. Sinto agora mesmo que quedo orfo da súa amizade e tamén como modelo a seguir en materia de investigación, porque como filólogo, profesor e investigador, teño claro que lle debo todo a el. É moi duro porque non entendo nin o meu traballo nin a miña maneira de ser sen Xesús Alonso Montero, foi o profesor que máis me marcou e quen me abriu a porta a moitísimos autores e, dende logo, a rescatar a memoria histórica, algo que aplico no meu día a día nas aulas».
Merecedor de numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa dilatada e polifacética carreira, Galicia despide a un dos seus grandes referentes culturais e intelectuais.A capela ardente de Alonso Montero abrirá mañá, venres 13 de febreiro, en horario de mañá en Emorvisa - Pereiró. A celebración do seu funeral terá lugar o vindeiro sábado 14, a partir das 12.00 horas, tamén en Pereiró.
Suscríbete para seguir leyendo
- El enredo judicial en torno a la cúpula acristalada del Celta
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- El otro milagro de Madonna con el Celta: «Hola Borja Iglesias, quería pedirte un favor; yo soy del Dépor...»
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025
- El tiempo da un vuelco en Galicia: lluvia, aire frío y un respiro a mitad de semana en Vigo
- Galicia queda desconectada de Valencia en avión: tres aerolíneas diferentes cancelan las rutas desde Vigo, Santiago y A Coruña
- El pequeño pueblo a dos horas de Vigo que debes visitar este invierno: rutas por la naturaleza, paisajes increíbles y una de las mejores carnes gallegas