Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Espantallos como metáfora da situación do agro galego

O fotógrafo Manuel Sendón inaugura hoxe, na Fundación Laxeiro en Vigo, a mostra «Espantallos», unha exposición que é resultado de rexistrar a evolución de tres espantallos durante unha década

Un dos espantallos retratados polo fotógrafo Manuel Sendón.

Un dos espantallos retratados polo fotógrafo Manuel Sendón. / Manuel Sendón

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

A ollada de Manuel Sendón leva case dúas décadas dirixíndose de maneira especial cara unha das figuras máis emblemáticas do rural galego, os espantallos. Se ben recoñece que unha vez publicado un traballo soe mudar de dirección co obxectivo da súa cámara, o certo é que logo do libro «Espantallos» (2015), houbo tres figuras situadas en Fisterra que seguiron captando a súa atención, polo que o fotógrafo decidiu rexistrar a súa evolución ao longo dunha década.

Froito daquelas secuencias temporais que foi quen de fiar a través da súa cámara e que poden ser interpretadas como unha metáfora da situación actual de boa parte do agro galego, hoxe terá lugar en Vigo, ás 19.00 horas na Fundación Laxeiro, a inauguración da mostra «Espantallos. 2012-2025».

O fotógrafo Manuel Sendón explicando a súa exposición "Espantallos" da Fundación Laxeiro (Casa das Artes en Vigo).

O fotógrafo Manuel Sendón explicando a súa exposición "Espantallos" da Fundación Laxeiro (Casa das Artes en Vigo). / Marta G. Brea

«Levo dende o ano 2007 fotografiando espantallos. Ao principio era porque me parecían atractivos, pero rapidamente pensei na idea da reciclaxe. Lembro estar paseando por Xenebra e ver nunha árbore unha lata reciclada nunha árbore para botar as cabichas, e nese contexto pensamos na cultura da reciclaxe con admiración, pero cando en Galicia vemos a alguén que cun tambor da lavadora fai un asador de castañas, rapidamente dicimos que iso é feísmo con desprezo. E a realidade é que as culturas labregas, non só as galegas senón as de todo o mundo, sempre foron recicladoras», explica Manuel Sendón, quen con respecto aos espantallos sinala que «son un producto obvio de reciclaxe, pero independentemente da función para os que son creados, tamén teñen unha función estética, porque hai algúns nos que se coida moito ese aspecto».

En relación coa mostra que o artista inaugura hoxe na cidade olívica, Sendón apunta que «a partir de 2015 deixei de fotografialos, pero si que continuei fotografiando tres de maneira continua no tempo e ese carácter de secuencia é o que dá significado á propia obra na que presento tres espantallos, cunha serie de entre 10 e 12 imaxes cada un e que cando comecei non podía evitar pensar no carácter metafórico que ten con respecto á maioría do agro galego. Porén, nos últimos dous anos creo que non só é unha metáfora do agro galego, senón da situación mundial que estamos vivindo».

Exposición "Espantallos" do fotógrafo Manuel Sendón na Fundación Laxeiro (Casa das Artes en Vigo).

Exposición "Espantallos" do fotógrafo Manuel Sendón na Fundación Laxeiro en Vigo. / Marta G. Brea

Sendón retrata o paso do tempo polas tres figuras, deixando constancia de como caen, volven ser incorporados, mudan a roupa, acaban deitados novamente e mesmo desaparecen, namentres outros fican como exemplo de supervivencia e resistencia.

Con respecto ao feito de que estas figuras sexan calificadas de «feísmo», Manuel Sendón fai referencia a un certo «clasismo» por parte dos residentes na cidade cara a poboación do rural galego e, neste senso, o artista recorre a Méndez Ferrín en «Con pólvora y magnolias»: «'A Europa campesiña que todos levamos dentro sen dicilo'. Cando eu nacín, o 80% da poboación en Galicia era rural e nestas afirmacións vemos esa colonización mental, porque realmente están ríndose da súas orixes», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents