Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Tortura branca», o libro da Premio Nobel Narges Mohammadi que Irán persegue, ve a luz en galego

As autoridades iraníes veñen de condear a sete anos de prisión á súa autora | A obra presenta os testemuños de 14 mulleres encarceadas en réxime de illamento polo estado persa | A escritora denuncia e critica o réxime que asasinou dende decembro a milleiros de persoas

A Premio Nobel da Paz, a iraní Nartes Mohammadi amosa na súa man escrito: "Fin ao apartheid de xénero"

A Premio Nobel da Paz, a iraní Nartes Mohammadi amosa na súa man escrito: "Fin ao apartheid de xénero" / Europa Press

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

No ano 2022, a xornalista e escritora iraní Narges Mohammadi escribía no prefacio dun libro seu: «Pódenme meter no cárcere de novo, pero non descansarei no meu cometido ata que no meu país prevalezan a xustiza e os dereitos humanos». Horas despois dese punto, entraba no cárcere en Irán. Por quinta vez, en réxime de illamento. A causa? A publicación do libro «Tortura branca».

Estes días, esa obra chega traducida ao galego da man de Hércules Edicións ás librarías do noso país. Nel, Narges -Premio Nobel da Paz no 2023- entrevista a 13 mulleres iraníes que sufriron torturas e prisión incomunicada en módulos especiais. Tamén presenta a súa testemuña.

Mohammadi é vicepresidenta e voceira do Centro de Defensores dos Dereitos Humanos, unha organización que loita por abolir a pena de morte, as torturas e o réxime de illamento en Irán. Na propia obra, detalla que as autoridades a acusaron de «lixar o nome de irán polo mundo» cun castigo de seis anos de cárcere e 74 latigazos.

Protesta en Barcelona contra as autoridades iraníes este febreiro.

Protesta en Barcelona contra as autoridades iraníes este febreiro. / Europa press

Tras anos pechada, liberárona con vixilancia despois de sufrir un ataque cardiaco no penal, do que a operaron nun hospital. Nas últimas horas, o seu avogado e a súa fundación daban a coñecer que volvería a estar baixo as reixas.

Horas atrás, o Estado iraní condenábaa a máis de sete anos de prisión polas súas verbas na cerimonia de despedida ao avogado e activista Khosrow Alikardi, a quen atoparon morto no seu despacho, pero tamén por asinar unha petición contra as autoridades iraníes polos asasinatos masivos no país.

Desde finais de decembro ata agora, as ONG calculan que varios milleiros de persoas foron asasinadas. Uns falan de 3.000, outros de case 10.000. Hai quen aventura 30.000. Non se coñece a cifra exacta polo apagón dixital informativo no país.

Amnistía Internacional leva semanas xuntando sinaturas en España para reclamar que se investigue esta represión e solicitar a liberación de Narges e doutros activistas encarceados. Entre eles, atópase o guionista do filme candidato aos Óscar «Un simple accidente», Mehdi Mahmoudian. El tamén asinou o mesmo manifesto que Mohammadi.

A mediados da pasada semana, a escritora iraní dáballe ao 'gústame' ao post no Instagram de Hércules de Ediciones sobre a tradución ao galego de «Tortura branca».  Laura Rodríguez, directora da editorial galega explica a FARO que «neste caso, non contactamos coa autora senón coa súa axente. Hai uns días etiquetamos o libro no Instagram e ela compartiuno. Foi moi emocionante que cun post en galego e con todo o que está vivindo que estea pendentes destas cousas. O que queren os autores é que os seus libros se lean. Unha lingua, inda que sexa minoritaria como o galego, é unha porta máis a que lectores coñezan a obra».

Laura Rodríguez, directora de Hércules de Ediciones.

Laura Rodríguez, directora de Hércules de Ediciones. / H.E.

Sobre «Tortura branca», resalta Rodríguez que «é un libro moi duro pero é necesario e moi valento. Ela entra en prisión por escribir libros como este, por reivindicar».

O título do volume non é unha invención poética senón que fai referencia a unha forma de tortura real e psicolóxica no país de Persépolis. «Eu non sabía o que era a tortura branca ata que lin este libro», recoñece laura Rodríguez. «É unha violencia psicolóxica que non deixa pegada fìsica pero que é desgarradora. Nas prisións de máxima seguridade de Irán, poñen en illamento externo a activistas e xente defensora dos dereitos humanos. Non poden socializar, están en celas moi escuras ou completamente blancas con luz as 24 horas do día para non ter conciencia do espazo que ocupan. Sofren interrogatorios».

Hércules inclúe a obra na colección Púrpura que inaugurou no 2019 e na que inclúe obras de referentes feministas contemporáneas de diversos puntos do mundo. «En Occidente, damos moitas cousas por conseguidas. En Galicia, estamos nunha sociedade avanzada; inda que quedan moitas cousas por conseguir pero en Irán hai mulleres encarceadas por saírse un pouco da norma. Non son criminais. Estes libros axúdannos a tomar conciencia», resalta.

A encargada de traducir a obra foi a galega María Fe González que tomou a versión en inglés. «O libro permítenos ver os diferentes tipos de tortura desde finais do século XX ata agora a través dos casos que expón Mohammadi. Na tortura branca, péchannas en celas moi pequenas sen saber por que, de que as acusan, sen contacto sen ninguén. Téñenas aí semanas ou meses, notan que perden a identidade total. A algunhas acúsanas de espionaxe, de exercer o xornalismo.. Realmente, non cometeron ningún delito», denuncia a tradutora.

González confesa que lle «impactou» o libro: «Son moi valentes porque elas seguen dentro dese país e dan entrevistas polas que son susceptibles de recibir represalias. Eu notei que hai silencios nesas entrevistas. Como lectora, tiven a sensación de que non contan todo, de que inda pode haber cousas máis crueis que aconteceron. Nunca sabes ata onde chegou a tortura».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents