ARTE
O mellor muralista do mundo suspira por pintar nas rúas de Vigo
O galego Edgar Goás, de As Pontes, lamenta que inda non ten obra na cidade olívica pero si en Londres, Francia e outras partes de Europa | O seu mural As Mouras en Fene serviulle para que o panel de expertos de Street Art Cities o declarase o mellor do mundo no 2025

Atlas News

A voz do galego Edgar Goás Blanco, de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña) grava un sorriso na frase «estou moi contento». Non é para menos, cando falamos con el, hai poucas horas que sabe que o panel de expertos de Street Art Cities, a maior comunidade do mundo de grafiteiros e muralistas, elixiu o seu mural «As mouras» -pintado en Fene- como o mellor do mundo.
Para Wedo Goás, a selección ten un engado especial porque son os artistas como el os que o elixiron: nesta votación non pode participar a audiencia ou fans. «Faime especial ilusión porque tivemos a sorte que ese mural foi pintado en Fene, moi preto de As Pontes», sinala por teléfono dende Barcelona onde vive dende hai anos desde que marchou estudar Belas Artes alí.
No seu caso, foi na infancia cando se iniciou no grafiti. «Pintabamos moito en espazos abandoados. Despois, estudei Arte e fun tirando máis cara a pintura. Ao rematar a carreira de Belas Artes en Barcelona tiven a oportunidade de pintar nun festival e cando o probei xa nunca máis o deixei».

Edgar Goás, muralista galego que logrou con As Mouras ser o mellor para os expertos de Street Art Cities. / Instagram Wedo Goás
No caso de «As Mouras», aclara que «moitas veces fago fotos a veciños ou coñecidos para pintalos pero neste caso, son persoas imaxinarias. Non existen. Iso dáme moita liberdade para o traballo. Se pintas alguén coñecido, sabes da súa personalidade e queres que quede o máis parecido posible. Ás veces, metes un personaxe que non coñeces, sénteste máis libre coa pintura».
Para esta obra, recibiu o contacto do Perla Mural Fest, un festival de Fene. A liberdade de creación foi total. Só había unha petición: que tivera algunha conexión coa música. «Investiguei e lin que as mouras engatusaban os homes coa música e os cánticos. Pareceume unha forma bonita de unir todos os cabos», engade o artista galego.
Para el, as mouras supoñen unha figura mítica da que leva escoitando «toda a vida. Gústame a mitoloxía galega e sempre as quixen representar. Normalmente, din delas que son loiras ou con pelo roxo pero pinteinas morenas. Tomeime esa liberdade».

Obra en Londres do muralista galego Wedo Goás. / Instagram Wedo Goás
Goás Blanco destaca a importancia da arte urbana xa que facilita admirar arte nun museo aberto, «non forma parte dunha colección privada; está na rúa e todo o mundo pode disfrutalo. Ademais, permítelle á xente ver todo o proceso creativo. Normalmente, o artista fai o traballo no estudio, pero ao facelo fóra a xente aprende sobre o proceso. Así, tamén establecemos unha conexión directa co andante. Cando a xente pode ver todo o proceso creativo e o traballo que trae consigo máis, empatiza máis con estas obras; deixa de velo como unha ameaza para consideralo a arte que é».
O creador leva asentado na cidade condal máis de 12 anos. Alí, forma parte do colectivo La Séptima BCN. «É un estudio de música, deseño e vídeo. Xuntámonos catro amigos e un deles é HardGZ que agora vive en Cangas. Temos a música de nexo e queriamos que a xente fora alí gravar a música e facerlle os vídeos, as portadas dos discos, así como a roupa. Así, os clientes saen dalí con todo feito», detalla.
Un proxecto seu que chama a atención é a serie «Street Bites». Son obras de pequeño formato que aúnan debuxo, escultura, pintura, artesanía e muralismo. «É o proxecto no que agora estou máis metido. Unifica o traballo no estudio e o da rúa. Preparo maquetas de edificios reais que interveño co óleo para facer murais. Pódense colgar como un cadro. Agora estou construíndo un para un concello do norde de Francia que tamén organiza un festival de arte urbana. Realizo unha reprodución da casa consistorial para pintarlle grafitis por riba e darlle vida», indica.
Esta serie realízaa con todo detalle cortando madeiras a man, pegándoas, pintándoas. «É un traballo superartesanal. Hoxe en día está moi ben que colla importancia outra vez o artesanal. Gústame que o mural teña unha crítica social, unha mensaxe. Na maqueta dun edificio de Barcelona, os papeis dos xornais son novas de cando ardeu a fábrica textil en New York e en Asia onde morreron moitas mulleres. Foi cando saiu fume violeta e o movemento feminista tomou esa cor como simboloxía», explica para indicar que as pequenas pezas véndeas dende 1.500 euros e as grandes poden chegar aos 8.000.
Goás suspira polo programa «Cidade de cor». Ao respecto, sinala: «Tendes unhas pezas tremendas aí». Lamenta que en Vigo non ten «nada e gustariame moito facer obra alí. Contacteinos un par de veces pero non houbo oportunidade. A ver se este ano é posible. Gustariame moito. Teño moitas amizades aí».
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- El enredo judicial en torno a la cúpula acristalada del Celta
- Lola Galovart, Valedora da Cidadanía de Vigo, herida grave y en la UCI por el accidente de la AP-9 del sábado
- Chayanne, segunda confirmación de los conciertos de Castrelos en Vigo
- El otro milagro de Madonna con el Celta: «Hola Borja Iglesias, quería pedirte un favor; yo soy del Dépor...»
- Madonna responde al Celta y zanja el misterio de su camiseta: «¡La llevo puesta y represento a tu equipo con todo mi espíritu!»
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025