Xeración pódcast: o formato vai a máis en Galicia con temáticas sobre o 1936, as minorías europeas, o true crime, o feminismo ou a diversidade funcional
Os vicepresidentes de dúas peñas celtistas en Londres e Bruxelas impulsan "Fóra de mapa", finalista ao mellor pódcast galego | Tamén aspiran "A ferida aberta", "Prendidísima" e "Diversos" | Elena Villanueva analiza crimes na Galicia

Juan Vergara, vigués afincado en Bruxelas, e María Sabarís (de Meis pero que vive en Londres) desenvolven o pódcast "Fóra do mapa" que opta a un premio de YouTubeiras. / J.V.

YouTubeiras elixen o mellor pódcast galego. No mundo, rondan os cinco millóns. Amosamos casos galegos sobre o 1936, o feminismo, o ‘true crime’, as minorías ou a diversidade funcional. Un exemplo é "Fóra de mapa" de dous galegos 'emigrados'.
A peña celtista de Bruxelas Europa Celta naceu no 2025 e o vicepresidente é o vigués Juan Vergara quen se atopa estes días na Galicia. Acompáñao a súa amiga María Sabarís, que vive en Londres. Ademais de seren galegos na diáspora hai outras dúas curiosidades que os unen. Primeira, ela tamén é vicepresidenta doutra peña celtista, London Celtas, que cumpre dez anos.
As minorías de "Fóra do mapa"
A segunda, ambos os dous son os artífices do pódcast en galego «Fóra do mapa», dedicado ás minorías no continente. De feito, o seu último programa fala das peñas celtistas alén da fronteira galega, de quen as integra ou de como o Brexit minguou a presenza de galegos na capital inglesa e, polo tanto, do colectivo de siareiros alí do equipo vigués.

Juan Vergara, vigués, autor do pódcast "Fóra de mapa". / J.V.
«Fóra de mapa» opta ao premio do mellor pódcast de 2025 dos galardóns YouTubeiras. Hoxe saberemos se gañan. A gala celébrase no Ferrol.
«Creámolo unha amiga e eu durante a pandemia en decembro do 2020. O que nos motivou foi, basicamente, que tiñamos tempo libre. Desde que empezamos o pódcast, creo que nos vimos unhas tres ou catro veces. Facémolo todo online. Tiñamos unha amizade de 11 anos e unhas destrezas que se complementaban. Ela estudou Xornalismo; e eu Políticas e Relacións Internacionais», explica Vergara.
Decidiron dedicar «Fóra do mapa» ás minorías porque «moitas veces coñecemos países por guerras ou conflitos como Bosnia-Herzegovina pero son lugares que teñen moitas cousas importantes que aportar, non só traxedias».
Resalta Vergara que ser finalista aos YouTubeiras dálles máis «visibilidade» xa que ao estar fóra de Galicia é máis difícil que os coñezan no seu país de orixe.
Para este galego afincado en Bruxelas, os pódcast son «un medio moi importante e democrático» ao tempo que subliña que na pandemia houbo un momento de saturación, saían moitos».
Cinco millóns de pódcast no mundo e subindo
Segundo podcastatistics.com hai case cinco millóns de podcast disponibles no mundo con 584 millóns de oíntes. A previsión para final deste ano é sobrepasar os 610 millóns.
Este site engade que España é o sexto estado do mundo onde porcentualmente máis adultos escoitan pódcast: o 41%. Sitúano por diante de Estados Unidos (39%) e China (38%). Nos primeiros postos: Sudáfrica (68%), Arabia Saudí (59%), Indonesia (57%), Tailandia (52%) e Brasil (44%).
Se o termo pódcast naceu no 2004 acuñado por un xornalista inglés hai que agardar só un ano para atopar os primeiros galegos. Desde podgalego.agora.gal, citan o libro «Podcasting tu tienes la palabra» onde Uxío Broullón sinala como primeiros Plan Galicia de Mariano Grueiro (que só tivo unha entrega), E-music de Isaac González e Casatlántica da escritora María Lado.
Catro finalistas ao mellor pódcast de YouTubeiras
Nestes 21 anos que lles seguiron, os pódcast convertéronse en todo un fenómeno na Galicia. Se en anos anteriores YouTubeiras recoñeceron propostas como O faiado ou Exército Mekemeke, nesta nova edición os finalistas son «A ferida aberta do 36», da xornalista coruñesa pero afincada en Compostela Nuria López; «Fóra de mapa», con contidos sobre as minorías en Europa; «Diversos Podcast», con membros da asociación Ámbar da Pobra do Caramiñal con diversidade funcional; e «Prendidísima», de Mai Ínsua, psicóloga e sexóloga especializada en xénero e diversidade sexual.
«A ferida aberta» do 1936
A xornalista Nuria López ideou «A ferida aberta» pensándoo como un espazo radiofónico. No seu caso, os episodios están dedicados ao golpe de estado do 1936 e a represión contra a poboación nos anos do franquismo. «A memoria histórica sempre me interesou porque as persoas da miña xeración tivemos unha formación na escola sobre este tema un tanto incompleta e bastante simplista. Eu non souben a ta maior que houbera campos de concentración por exemplo. Tampouco fun consciente do alcance da represión en Galicia», lamenta a xornalista da CRTVG.

Nuria López, autora do pódcast "A ferida aberta". / N.L.
Ademais, a realización do pódcast coincidiu cun momento delicado para López. «Eu diría que me metín neste proxecto case con fins terapéuticos porque no meu posto de traballo non teño a posibilidade de desenvolver este tipo de traballos de investigación», sinala.
YouTube ou Spotify son dúas plataformas onde podemos atopar os seus pódcast. Nos capítulos, ten abordado os 50 anos da morte do ditador, Castelao ou as vivencias en San Simón, os últimos asasinados no franquismo, así como a represión en Vigo, Compostela ou O Barbanza, entre outros lugares.
Sen dúbida, o grande mérito do seu traballo é a selección dunhas fontes idóneas nas que inclúe historiadores, membros das asociacións ou familiares de xente represaliada. «Gustariame dalgunha maneira, recoñece, achegar este tema a persoas alleas, aínda que só escoiten algo durante un minuto (a través dos reels). Se iso fai que alguén colla interese e vaia á biblioteca ou libraría por un libro para ampliar a información, eu sería a persoa máis feliz do mundo», destaca.
Engade que a mellor forma de combater o negacionismo ao redor do 1936 «é a través dos datos, que están aí. As historias están aí. Isto non é unha interpretación. Aí están os arquivos, as investigacións e libros dos historiadores, as análises dos restos que se exhuman das fosas franquistas, o relato das vítimas ou familiares...», recalca unha persoa que resalta que «ser finalista» aos YouTubeiras xa é un premio.

Angy Vane Sonia Raúl e Fran, na gravación de "Diversos podcast", da Asociación Ámbar. / Ámbar
A diversidade sexual e a funcional en dous programas
A el, tamén opta «Prendidísima», a proposta de Mai Ínsua con programas gravados en vivo sobre temas relacionados coa muller. Por exemplo, o feminismo na terapia, a violencia sexual na infancia, como crecen as lesbianas e como ligan as primeiras veces, música electrónica feminista e queer, ou a historia LGBT galega, entre outros.
Os galardóns tamén incluíron a proposta «Diversos» da asociación Ámbar, da Pobra do Caramiñal. Unha decena de persoas con diversidade funcional, orientadas polas terapeutas e comunicadoras do colectivo, puxeron en marcha Diversos Podcast. Noelia Argibay (Ribeira) e Francisco Romero (Boiro) foron dous dos que máis participaron. Ambos levan case 30 anos na asociación.
Dende o inicio, viron que era un proxecto difícil pero «axudáronnos moito e ensináronnos», apuntan para resaltar que «é unha alegría e unha satisfacción ser finalistas ao premio». O seu fin é «buscar a realidade do mundo e falar diso», segundo a óptica destas persoas con necesidades especiais.

A xornalista de FARO Elena Villanueva leva adiante o pódcast "Fundido a negro". / E.V.
Unha proposta en castelán curiosa ao redor dos true crime galegos
No planeta galego dos pódcast, unha parte da produción faise en castelán. Neste eido, atopamos exemplos con temáticas novidosas como «Fundido a negro», da xornalista do FARO Elena Villanueva que no último ano recorreu a historia negra galega a través de true crimes explicados desde o punto de vista psicolóxico e que se poden oír no YouTube, Spotify ou ivoox. «Quería, explica, profundizxar máis na psicoloxía das persoas que cometen os crimes. Pensar por que o fixo? Por que actuou desa maneira?».
Para a elección dos casos aplicou o criterio da actualidade e o xeográfico, que se cometeran os asasinatos en Galicia ou foran galegas as vítimas.
Villanueva sinala que non busca monetarizar os seus pódcast. «Non quero que se vexa que quero gañar diñeiro con isto. Simplemente, quería expresar as miñas opinións», indica a xornalista cuxos programas son seguidos por xente galega pero tamén alén das fronteiras, mesmo dende América.
Suscríbete para seguir leyendo
- Unos padres de Ponteareas ceden la representación legal de su hija con discapacidad a sus hermanos por falta de «competencias digitales»
- Locales de hostelería de Vigo ya exigen consumición mínima a los clientes para poder sentarse y limitan el número de carritos de bebé
- Las huelgas y el cambio de pacientes de Povisa lastran las listas de espera del Chuvi
- Inhabilitado y condenado al pago de 913.000 euros un empresario de Vigo por llevar una fabricante de maquinaria a la quiebra
- Balbi, «una pequeña ferretería del deporte» que resiste en Vigo tras casi 40 años de historia
- Pinchan las ruedas de varios coches de alquiler de aficionados del Lyon en el entorno de Balaídos
- El gerente del Área Sanitaria de Vigo: «Los médicos sin MIR están de apoyo administrativo y no pueden ver pacientes»
- Once conductores de Uber en Vigo se quedan sin el «título habilitante» para circular