Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Nervo e Frank Huxley Integrantes do grupo de rap Rebeliom do Inframundo

«'Orgulho' é unha viaxe sonora; neste disco hai moita raíz»

A banda galega lanza este mes o seu novo disco, «Orgulho», un traballo marcado pola satisfacción do logrado na última década e que os levará de xira por España a partir de marzo, cunha única data en sala en Galicia: o 8 de maio na Capitol, en Compostela

De esquerda a dereita, Dj Pol, Busto, Nervo, Malvares e Frank.

De esquerda a dereita, Dj Pol, Busto, Nervo, Malvares e Frank.

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Resistencia, orgullo de clase e de país, así como a reivindicación da raíz e da tradición como espazos de felicidade e comunidade fronte a un sistema que aniquila ás persoas, a súa saúde e inquedanzas, atravesan o novo disco do grupo de rap Rebeliom do Inframundo, «Orgulho», un traballo que lanzarán integramente o vindeiro 26 de febreiro e co que iniciarán unha xira por España a partir do 6 de marzo, recalando primeiro en Barcelona para logo pasar por Bilbao e Vallecas, namentres que a única ocasión para ver en Galicia o seu potente directo en sala será o 8 de maio na Sala Capitol, en Santiago de Compostela. Nas instalacións de Galunk, Nervo e Frank debullan o fondo do novo traballo da banda galega.

-De onde nace este «Orgulho»?

-Realmente do que significa a palabra, de orgullo. Levamos moitos anos xa e ninguén nos regalou nada, este xa é o quinto disco do grupo e estamos moi orgullosos de chegar a onde estamos chegando por méritos propios, por traballo, por constancia, e tamén entra o orgullo de vida, do que nos rodea, do círculo no que estamos, de todo o que a xente leva traballando, do acontecido na Guerra Civil, do que se segue loitando hoxe, orgullo de país e orgullo propio persoal e de clase.

-Con respecto a «Amor ou barbarie», que marca a diferenza no novo disco?

-Cremos que este é o disco que máis rápido se pasa e é unha viaxe sonora. Na nosa música sempre metemos cantos populares, neste disco hai bastante disto, por iso o concepto de orgullo está moi presente tamén, porque neste traballo hai moita raíz, moita terra nosa.

-Cara esas raíces é cara onde tiran as novas propostas.

-Si, porque son un orgullo e temos que mantelas, cada un ao seu xeito, pero mantelas o máximo posible. E sobre todo cun goberno do PP que está aniquilando toda a nosa cultura, porque está pasando o mesmo que aconteceu cos Reis Católicos, que é denigrar unha lingua até o punto de que os nenos lle teñen manía porque é unha asignatura, en vez de ser cultura propia, é dicir, un orgullo.

-Neste senso, Sés afirmaba recentemente que a música coa que podemos valorar o estado de saúde da lingua é precisamente a que non é tradicional, coincidides?

-Totalmente.Por sorte, está habendo músicas en galego de todos os estilos, porque cando intentas rachar ou oprimir algo tamén van saíndo propostas para loitar contra iso e é moi guai que haxa grupos de pop en galego, por exemplo, aínda que debería haber moitísimos máis. Isto é envexa sa, pero é que o circuíto catalán nos saca séculos de distancia, porque calquera grupo catalán medio pode chegar a ter 50 bolos no ano e pode vivir da música, pero en Galicia para ter 50 bolos ten que haber concellos que te contraten, e a maioría os leva quen os leva, igual que a televisión pública, na que hai programas que levan a Feijóo a sentarse nun trono de ferro, normalizando a quen denigra a nosa cultura, é por todo isto que é marabilloso que haxa música galega en todos os estilos, se só queda na tradicional, acabouse. E o certo é que grazas ao que pasou con Tanxugueiras, volvemos saír un pouco do ostracismo.

Calquera pode escribir cousas que rimen, pero o rap non é de dereitas nin o será nunca

-Volvendo a «Orgulho»: Wöyza, Hard GZ ou Fillas de Cassandra son artistas coas que tedes traballado e, agora, incorporades unha colaboración con Kaze; como foi traballar con el en «Balas»?

-A verdade é que foi moi natural, pero nós traballamos así. Con Kaze foi quedar un día, poñernos a facer a base e crear dende cero. As colaboracións son unha oportunidade de compartir, de ensinarnos os uns aos outros, sempre é moi enriquecedor. Neste disco, sobre todo por datas, houbo ‘colabos’ que non pudieron ser, pero no seguinte que saquemos si que temos pensado que haxa moitísimas e, se saen, van ser moi potentes.

-A xira de presentación xa está pechada e levaredes o disco fóra. Tendo en conta que o rap non é un xénero «mainstream», é máis doado hoxe en día xirar en España para vós? Contribúen as redes sociais?

-Nós en Madrid temos moitos colegas, porque fomos xa hai máis de dez anos, e ao final é tirarte e ir, aínda que ao principio vas perder cartos. Que ocorre? Que se non o fas, tendo o problema que temos aquí no circuíto, que é moi moi pequeno, vas quedarte estancado ou estancada. Por iso animamos, a todos os grupos que poidan, a falar cun centro social en Vallecas ou onde sexa, por exemplo, e así tamén aprendes o que é a realidade, para ser consciente da realidade da música tes que vivir unha serie de procesos que son moi importantes. Por outra banda, no mundo no que estamos agora, de redes sociais, parece que se tocas nun sitio e non fas «sold out», xa foi mal, e é todo o contrario: estás tocando! Non hai que deixarse levar polos falsos «sold out», que hai moitos. É necesario saír fóra, si ou si, e por sorte seguen existindo moitos centros sociais para poder tocar.

-Van xa tres adiantos, que máis novidades atopará o público?

-Faltan dous adiantos máis por saír e todos os temas van ter «visualizer», os cinco adiantos teñen, aínda que en realidade son seis, porque neste disco vai estar «Contra vento e marea» -o tema con Fillas-, xa que non sería xusto para esa canción que quedara fóra, e o resto tamén van ter videoclip.

-En canto ás letras, está moi presente a clase traballadora, é máis necesario que nunca reivindicala?

-Hai unha semana, escribindo, outra vez estaban saíndo machetadas: pero como non van saír se non temos onde vivir? Se o soldo marcha en 900 euros de aluguer e gasolina... Estamos nun momento moi «jodido», e coa extrema dereita subindo, ‘en teoría’, pero si que cun gran problema coa xuventude, que sempre fomos contestatarios, pero hoxe hai un cambio e están sendo contestatarios nun certo porcentaxe os de dereitas, porque lles comen a cabeza coas redes sociais.

-En relación coa extrema dereita, nos últimos meses están agromando unha serie de artistas vencellados ao fascismo; o rap pode ser de dereitas?

-Ti podes facer o que queiras, pero outra cousa é que teña sentido. Partimos da base de que todo ten connotación política, e que vendas que unha música que vén da clase totalmente marxinal pode ser de dereitas é mentira e ridículo. Pasa no rap porque é máis doado, calquera pode escribir cousas que rimen, pero o rap non é de dereitas nin o será nunca. Que se esquezan.

Temos dereito a ser felices, a vivir dignamente e a non estar cun nivel de cortisol extremo

- «Orgulho» é o quinto disco do grupo, como evolución Rebeliom dende os seus inicios?

-A nivel de grupo, cando comezamos eramos dous, pero xa eramos colegas todos e acabou sendo moi natural a unión. E musicalmente medramos moitísimo, pero tamén porque somos moi inquietos, se facemos un rollo moi boom bap, xa nos aburrimos, queremos probar novos estilos e de feito pensamos que isto é un punto guai do grupo, pero tamén na evolución como persoas, porque se sempre estás facendo o mesmo vas podrecer. Hai que abrir un pouco a mente e facer un pouco de todo para ver como funciona, é tamén unha cuestión de curiosidade.

Cando sacamos «A sorpresa», no underground noso fora un bum, vendemos 500 copias nunha semana, e puidemos ter feito «Lume e rebeliom» igual que «A sorpresa», pero ao final é moi «mainstream» iso tamén, estar facendo sempre algo que funciona é estar facendo «mainstream», é ir ao seguro, acomodarse, e o que mola é investigar, arriscar. É moi importante tamén que, pase o tempo que pase, dá igual o tipo de «beat» ou o tipo de canción, que é recoñecible, a nosa esencia sempre está. A nivel persoal, «Orgulho» foi un disco moi moi difícil de facer, o disco máis complicado de facer, e saíu porque os dous mandamos á merda os nosos traballos, porque se non non tería sido imposible, porque por tempos non dá e cada vez queremos facer mellor as cousas. Antes para gravar un tema, gravabas nunha hora e media, e agora botamos tres días para algo de tres minutos, detrás hai moitísimo moitísimo traballo e moitísima moitísima verdade. E tamén a nivel persoal estabamos como todo o mundo, hai moita xente que ten rachas de depresións ocultas e que non queremos aceptar.

- Isto é algo que tamén reivindicades moito no novo traballo, que o sistema actual pasa factura.

- Si, e as persoas creativas sofren mogollón. De feito, é que o tema de «Bate fado» ten unha letra moi dura, xa dende o comezo: «Estamos sempre sentíndonos mal, estar por estar, dime para que?». Estamos asustados de como está todo, temos dereito a ser felices, a vivir dignamente e a non estar cun nivel de cortisol extremo, a un nivel de estrés que chega a tal punto no que te esqueces das cousas.

Tracking Pixel Contents