Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Mara Sánchez Actriz finalista aos Mestre Mateo por «As liñas discontinuas»

«Cunha película cada catro anos non podo vivir disto»

A actriz critica que os papeis para intérpretes femininas maiores de 45 anos case non existen e louva o guion e bo facer da nova película de Anxos Fazáns coa que opta aos Mestre Mateo

Mara Sánchez, protagonista de «As liñas discontinuas», de Anxos Fazáns.

Mara Sánchez, protagonista de «As liñas discontinuas», de Anxos Fazáns. / S. Eirís

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A compostelá Mara Sánchez lembra como Anxos Fazáns a chamou sen casting previo para «As liñas discontinuas» onde comparte protagonismo co mozo Adam Prieto. O papel foi unha creba nun deserto actoral sen case oasis. O resultado é unha espléndida interpretación coa que opta ao Mestre Mateo. A película chega aos cinemas o 20 de febreiro. Conta a historia dun rapaz transexual que entra a 'roubar' nunha vivenda nunha noite de farra. Alí, queda durmido ata que a dona da casa o esperta de malas maneiras. A pesar dese abrupto inicio, o diálogo comezará entre eles como un paréntese na vida.

—Que lle chamou a atención do guion?

Primeiro, eu tamén vira a nova que foi o xerme da película, esa nova sobre a muller que atopa o ladrón durmido na súa casa. Fíxome graza pero ao mesmo tempo pensei como o ía resolver a directora no guion. O difícil era manter a situación. Ti ves un ladrón durmido na túa casa e non te pos a falar con el. Na película, hai un achegamento e Anxos resolveuno xenial. Tamén me chamou moitísimo a atención que unha muller de 50 anos fora a protagonista da película.

—Si, e é unha muller á que non lle pasa nada grave. Só está a divorciarse.

Non é habitual un personaxe así. Tampouco é habitual un protagonista rapaz transexual. Normalmente estes dous son papeis secundarios ou terciarios. Parece que todos os protagonistas no cinema teñen que ser adolescentes ou como moito de 30 anos. As de 50 anos e pico ou máis estamos vivas, movémonos polo mundo.

Adam Prieto e Mara Sánchez, nunha escena da película.

Adam Prieto e Mara Sánchez, nunha escena da película. / Sabela Eiriz

—Pensa que o filme pode axudar a mulleres nunha situación semellante?

Eu creo que si. O meu personaxe, Bea, é nai pero a maternidade non é o motor da súa vida. Eu, na realidade, teño máis anos ca ela. As mulleres destas idades téñennos arrinconadas nas series e nas películas. Na realidade, facemos cousas, temos intereses, somos activas, traballamos... pero a imaxe que se dá no audiovisual maioritariamente non é esa.

—Denís e Bea teñen unha gran diferenza de idade; están rodeados de xente pero sós.

Así empeza a película, os dous no medio do barullo e sós. Ela ten toda a vida detrás e non esperaba ter que mudar de vida agora. El ten toda a vida por diante pero non saber para onde tirar. Tivemos moitos ensaios.

—Que lle supuxo recibir este papel?

Teño que ter outros traballos (Correos) porque cunha película ou unha serie cada catro anos non podes vivir disto. Este papel foi tremendo, unha emoción moi grande tras anos de ter que dedicarme a outras cousas. Ofrecerme unha protagonista desta categoría foi atopar portas abertas cando pensaba que estaban pechadas para sempre.

—Unha cousa, no seu currículo pon que ten nivel alto de italiano e ruso.

Estudei italiano en Filoloxía Clásica. A min, dáme ansiedade ter que dar clase. Solucionaría a miña vida pero non podo. O ruso seino porque vivín alí. Formeime na Academia Rusa de Artes GITIS nos anos 90. Só admitían dez actores por curso e eu fun unha delas cunha bolsa da Deputación de A Coruña. Cando volvín pensei que ía comer o mundo pero non foi así. Nomináronme varias veces ao Mestre Mateo pero nunca o gañei.

—Como viviu as escenas íntimas do filme cunha persoa máis nova?

Sempre tiven parellas uns dez anos máis novas. Pero no filme era unha cousa que me preocupaba desde Mara, non desde o personaxe. Anxos tratou o tema con delicadeza e intelixencia. O amor dos dous é fugaz e eles saben que non é para sempre, é un escalón para tomar impulso para seguir na vida.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents