Entrevista | Luis Campos Codirector do Festival Son Estrella Galicia Sinsal
«Metéronnos no medio dunha guerra política»
Anuncia que en breve concretarán en que localizacións se celebrará o evento musical, considerado un dos mellores fitos culturais do ano
Non descarta que Sinsal dea un paso cara Portugal: «Estamos traballando en traspasar fronteiras»

Luis Campos, organizador do Festival Sinsal / Jose Lores

O informe «Lo mejor de la cultura en España» inclúe o Festival Son Estrella Galicia Sinsal entre as mellores iniciativas culturais de España no 2025. Situárono no posto 71 por diante de iniciativas como La Pedrera en Barcelona ou os Premios Princesa de Asturias, entre outros. Ademais, no mesmo informe, inclúeno na listaxe dos dez festivais de música imprescindibles no Estado no que foi noveno.
Estes recoñecementos ao Sinsal -que se vén celebrando en San Simón (Redondela)- son a cara amable dun ano fatídico por mor das críticas recibidas por colectivos da Memoria Histórica que o acusaron de ser irrespetuoso coas vítimas e as familias dos presos no campo de concentración durante o franquismo.
En setembro, a illa era declarada oficialmente Lugar de Memoria Democrática. Falamos co codirector do evento musical Luis Campos para saber se haberá Sinsal este ano.
—Facer un festival de pequeno formato dende Galicia e situalo no mellor do Estado é para estar felices.
É sorprendente pero é un éxito de todo o mundo, non só dos organizadores. Tamén dos patrocinadores e das institucións que apoian o festival así como do personal traballador e, por suposto, do público sen o cal non é posible o evento. Deberiamos sacar peito todos con isto en Galicia e pensar: Que sorte ter un festival como este aquí! Falamos dun festival cuns recursos moi limitados que está ao lado de eventos de millóns de euros. É moi forte, pero isto non se transforma en conseguir máis recursos. Por exemplo, desde o cambio de goberno municipal en Redondela, non temos nin tan sequera apoio económico do Concello. Eu creo que é un orgullo para todos que unha vila pequena como Redondela apareza cada ano na lista do mellor da cultura de España, e este concretamente entre os dez eventos musicais imprescindibles.

Vigo. Luis Campos, codirector do Festival Sinsal. / Jose Lores
—Na pasada edición, xente da organización lamentaba que podería ser a última. Haberá festival este ano?
Si, esperamos poder anunciar as datas entre este mes e o que vén así como a localización.
—Logo, Sinsal deixa San Simón?
Estamos estudando espazos. Na nosa idea temos varios posibles, mesmo facer un proxecto expandido. Temos unha proposta que nos parece bonita e interesante e estamos traballando en diferentes alternativas; unha delas é con diferentes enclaves. Temos varios plans, mais en breve anunciaremos que imos facer.
—Pero a marca Sinsal prosegue ou cambia de nome?
Sinsal segue de nome , sería baixo o paraugas de Sinsal.

Edición de 2025 do Festival Sinsal. / Mar Mato
—Están tendo tamén contactos con Portugal?
Si, estamos traballando en ampliar, en traspasar fronteiras.Temos ademais moito público portugués.
—Como lles afectou ou viviron as críticas recibidas de determinadas voces e colectivos da Memoria Histórica que calificaron o festival de irrespetuoso coas vítimas do campo de concentración en San Simón?
Foi moi duro o que aconteceu nos últimos meses. Reflexionamos moito, démolles moitas voltas para ver que podiamos facer a raíz de iniciar a declaración de San Simón espazo da Memoria Democrática. O último mes antes do festival, cando saíu o do encontro de bachata, estoupou todo. Foi moi polémico, violento, irrespetuoso e, por que non dicilo, clasista. A partir de aí amplificouse o ataque contra nós, imaxino que porque somos o evento da illa con máis repercusión mediática. Sorprendeunos moito, pois xente e institucións que viñan apoiando o festival, e que incluso estiveron nel, de súpeto posicionáronse en contra. A polémica que xurdiu a raíz da celebración do evento da bachata foi o detonante que causou o maior número de ataques contra eventos que se fan na illa, tanto de empresas privadas coma de colectivos ou asociacións, e que se focalizaron especialmente no Sinsal. Entendemos que se nos meteu nunha guerra política e nós non somos políticos de profesión. Foi desolador escoitar certos adxectivos contra o festival. Nos anos de historia de Sinsal, unha das premisas foi e segue a ser dar a coñecer a illa, a súa historia. Pasaron por ela máis de 30.000 persoas que, doutro xeito, non coñecerían desde a proximidade a historia que ten. Fomos un altofalante para que moita xente soubera a historia da illa e que alí, ademais dun lazareto, orfanato, etc. tamén houbo un campo de concentración no franquismo. Cremos que non merecemos o que nos botaron por riba, pois somos aliados da divulgación. Hai xente que nos critica que nunca viu ao festival, que non sabe o que facemos alí, que non se informou o suficiente das nosas actividades nestes anos...
Non cremos que bailar ou tomar algo á vez que escoitas música, mesmo de refuxiadas políticas, sexa irrespetuoso.
—As voces críticas sinalaban que había barras e espazos de baile e festa nun sitio no que se encarceou xente e onde parte dela morreu.
Nós non ocultamos a historia de San Simón, e cremos que a cultura debe ser o camiño para transformar os espazos, lembrar o pasado e non deixar que se esqueça o que aconteceu. Non cremos que bailar ou tomar algo á vez que escoitas música, mesmo de refuxiadas políticas, sexa irrespetuoso.
Ao mellor San Simón precisa de lugares onde realmente se poña en valor a súa historia
—Outra cousa que lles espetaron foi que o Sinsal non incluía na súa programación actividades da Memoria.
Pero non é certo: temos publicado textos informativos do pasado da illa como campo de concentración na web accesibles en tres idiomas; temos feito itinerarios durante o festival con Xosé Lois Faílde repasando ese pasado. Isto é accesible a través dos códigos QR que temos en paneis por toda a illa para as 800 persoas que veñen ao festival cada día, pero tamén para as traballadoras do evento e moi especialmente para as bandas e solistas, fascinadas non só co patrimonio natural e paisaxístico da enseada de San Simón, senón coa historia da illa e, polo tanto, do período de represión franquista. E todo isto lévase aos concertos. Por exemplo, foi o caso do músico Seso Durán, a través do proxecto Son da Memoria. Tamén de María Arnal, que se fixo eco do pasado do arquipélago durante o seu directo. Ou da homenaxe ao pontearéan Reveriano Soutullo e ao seu cuñado amigo, Diego San José de la Torre, quen estivo detido en San Simón.
—Puxéronse en contacto con vostedes asociacións da Memoria Histórica para organizar actividades conxuntas?
Non, pero si que compartimos distintos espazos de reflexión sobre os seus usos, cadaquén cos seu puntos de vista, mais todas temos en común o interese pola divulgación da historia da illa. É certo que ao mellor San Simón precisa de lugares onde realmente se poña en valor a historia, pero iso é algo que debe promover quen xestiona o espazo. Pareceríame ben e lícito. Neste sentido, o que poderían facer as administracións sería sumar, non restar, e non meter a Sinsal polo medio.
- Varios heridos y destrozos en el Twenty de Vigo en una pelea entre ultras del Celta y el Lyon
- Sorprendidos manteniendo relaciones sexuales dentro de un coche en el aparcamiento de un supermercado de Redondela
- La hélice del crucero «Spirit of Discovery» quedó al aire frente a la costa gallega: hubo un fallecido y más de 100 heridos
- Unos padres de Ponteareas ceden la representación legal de su hija con discapacidad a sus hermanos por falta de «competencias digitales»
- Locales de hostelería de Vigo ya exigen consumición mínima a los clientes para poder sentarse y limitan el número de carritos de bebé
- Las huelgas y el cambio de pacientes de Povisa lastran las listas de espera del Chuvi
- Cortes de tráfico en Vigo: el Celta - Lyon y la llegada de aficionados franceses alterarán la circulación
- Inhabilitado y condenado al pago de 913.000 euros un empresario de Vigo por llevar una fabricante de maquinaria a la quiebra