O feble estado de saúde do mercado do libro galego
A creación literaria en lingua galega vive na actualidade un momento de esplendor que contrasta coa crúa realidade do mercado do libro galego, cuxas últimas estatísticas o desprazan a un teito negativo do 7%, un punto porcentual menos que hai anos. Os directores de Xerais e Galaxia, as grandes editoras da comunidade, analizan a situación

Reunión do xurado dunha das últimas edicións do Premio Xerais de Novela. / Marta G. Brea

Na última década, a creación literaria en galego acadou cotas de excelencia obtendo máis dunha ducia de premios nacionais outorgados polo Ministerio de Cultura, tanto nos eidos de poesía narrativa, literatura infantil e xuvenil e ensaio. Nin dúbida cabe de que autoras e autores galegos fan gala nas súas obras dunha extraordinaria calidade da escrita, porén, este momento de esplendor cultural contrasta abruptamente coa crúa realidade do libro galego, pois as estatísticas máis recentes amosan que acadou un novo teito negativo, desprazándose a cota de mercado a un 7%, un punto porcentual menos que hai anos. É a cifra que manexan tanto o Consello da Cultura Galega como os responsables das principais editoras da comunidade galega, Xerais e Galaxia, Fran Alonso e Xosé Manuel Soutullo, respectivamente, quen fan balance sen perder a esperanza na capacidade de resiliencia e «resistencia» do sector.
Ao peche de 2025, no caso concreto de Edicións Xerais, as vendas do libro en papel eleváronse a un total de 220.000, unha cifra que é notablemente superior aos 208.000 exemplares de 2015. Dende a editora sinalan que dende que tivo lugar a crise económica de 2008, o fluxo de venda experimentou unha baixada paulatina, acadando o seu mínimo en 2014, exercicio que pecharon con 197.000 libros despachados. Logo dun importante incremento tras a pandemia, acadando en 2022 preto de 260.000 libros, a editora constata unha tendencia á baixa nos últimos anos.
A narrativa acapara o principal interesese dos lectores e o título máis destacado en 2025 e no primeiro mes de 2026 para Xerais foi a novela «Onde nacen as bestas», do vigués e colaborador de FARO Pedro Feijoo, pois superou os 8.000 exemplares, seguido de «Astérix en Lusitania», «Tras do ceo», «O que sei do silencio», «Cartas de inverno» - de Agustín Fernández Paz, sendo con máis de 125.000 exemplares a novela máis vendida da historia de Xerais-, «O clan das barbies», «Detective Ferruchi», «Mulleres que viven xuntas», «Curriño. O can influencer» e «Pel de cordeiro», da tamén colaboradora de FARO Ledicia Costas.
Temos moitas dificultades para defender o libro galego
Fran Alonso analiza que «é moi difícil cuantificar a situación do libro galego, porque os estudos da Xunta, lamentablemente, non só están centrados no libro en lingua galega e non é operativo para nós, porque seguramente agromarían uns datos máis pésimos. Por experiencia e dende a miña visión, o que acontece é que temos moitas dificultades para defender o libro galego, sen ir máis lonxe, este Nadal estiven en varias cidades galegas e era abraiante a escasa presenza do libro galego nos escaparates, cando a súa visibilidade é fundamental para poder impulsalo».
Neste senso, o responsable de Xerais fai referencia a que a administración pública debera implicarse na evidente problemática do sector a través «dunha liña de políticas de apoio ás librarías que venden o libro galego, así como un plan de lectura en lingua galega potente, dotándoo de accións e orzamentos como estratexia para que realmente sexa efectivo, e dende logo, outro aspecto moi importante, é poñer os medios de comunicación públicos ao servizo do libro galego. Nos anos 90 podías ir a 'prime time' a falar do libro galego, mentres que agora mesmo está relegado a programas culturais».
Con todo, Fran Alonso mantén a esperanza na «capacidade da eterna resistencia do libro galego, que é real, porque dende hai moito tempo leva movéndose en límites moi estreitos, aínda que non se trata de ter esa capacidade, senón de ser unha cultura normal, pero é que na cultura o libro é o núcleo, sen el non é posible a cultura porque todo parte da palabra e creo que é fundamental entender que o libro ten que ter ese protagonismo e non sometido a unha posición de resistencia. De todos os xeitos, quero ser optimista e para min é moi positivo que emerxan novos proxectos editoriais, se ben a industria é moi feble, cantas máis novas iniciativas, máis fortaleza terá, e segue habendo espazo para a innovación e novas propostas».
Un ano especial
O 2025 foi un ano ben especial para unha histórica en Galicia, a editorial Galaxia, pois festexou o seu 75 aniversario cunha morea de actividades que sen dúbida impulsaron as vendas, de aí que Xosé Manuel Soutullo afirme que «para nós foi un ano: na venda de exemplares subimos un 20%, un aumento moi importante que nos enche de alegría, pero a realidade é que o libro galego está feblemente instalado no mercado, de feito vai en descenso. Na actualidade podemos dicir que nos situamos en cifras prepandemia, pero non todos os anos son iguais e depende moito de se contas con libros cun comportamento especial ou no catálogo lanzas unha boa colleita, como foi o noso caso o ano pasado».
Non vai ser doado reverter esta situación porque a realidade do libro galego non é allea á situación sociolingüística
A este respecto, Xosé Manuel Soutullo fai referencia á incorporación de voces novas á narrativa galega sinalando que «a produción literaria realizada por mulleres está tendo unha potencia importante, de feito, as novas escritoras son líderes». Así, o responsable de Galaxia apunta que «o ano pasado, a obra de Carmen V. Valiña, 'As tolas que non o eran', foi un verdadeiro fenómeno comercial e rematou redondeando o ano gañando o Premio Repsol. Son este tipo de cuestións as que explican que tiveramos un bo ano».
Soutullo coincide con Fran Alonso en que para paliar a feble realidade do libro galego é preciso que «gañe presenza nos medios de comunicación e nas librarías, así como políticas públicas de promoción e mesmo de discriminación positiva, apoiando aos libreiros para que nas mesas de novidades teña unha mellor posición. Non vai ser doado reverter esta situación porque a realidade do libro galego non é allea á situación sociolingüística que atravesa o idioma e o tecido civil debera concienciarse de que o libro é importante para a saúde cultural de Galicia».
Contraste no índice de lectura
A dramática situación do libro galego contrasta co índice de lectura en Galicia, posto que segundo o último informe de «Hábitos de lectura e compra de libros en España 2025» da Federación de Gremios de Editores de España, é unha das comunidades que máis mellorou o índice de lectura nos últimos cinco anos, situándose na actualidade no 65,9%. Xunto con Extremadura e Andalucía, a comunidade galega é unha das que máis aumentou o hábito lector en tempo libre e por ocio dende a pandemia até 2025, en concreto, incrementándose nun 4,3% con respecto a 2020.
Con estas cifras, Galicia é hoxe en día a sétima comunidade autónoma de España con mellor índice de lectura, tan só superada por Madrid, País Vasco, Cataluña, Navarra, La Rioja e Aragón. Porén, malia a mellora da estatística no hábito lector, a comunidade galega aínda fica por debaixo da media nacional española, que na actualidade está fixada no 66,2%. Esta realidade contrasta, por outra banda, co descenso paulatino de galegos e galegas que escollen a literatura no propio idioma, sendo este un significativo indicativo do feble estado de saúde do mercado do libro en lingua galega, posto que non é a primeira opción para os lectores e lectoras da comunidade.
A este respecto, o propio director de Edicións Xerais, Fran Alonso, apunta que «hai que pensar que dese 65% o libro galego representa un 7%, e isto sumando lectores habituais e ocasionais, porque se só temos como referencia os habituais, a cifra si que sería dramática: cae a un 1,3%. Esta é unha realidade que vai parella á normalización da lingua en Galicia, se o galego recúa na poboación, evidentemente, no mercado do libro en galego tamén repercute».
A nivel xeral, cómpre destacar que a práctica da lectura en tempo de ocio non só vén determinado pola rexión, senón tamén por razóns de sexo, nivel educativo e idade. Así, segundo o informe, en 2025 tivo lugar un repunte especialmente entre a poboación maior e nos perfís de educación Primaria e Secundaria, ademais de ser as mulleres as que cun 72,3% lideran as estatísticas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Varios heridos y destrozos en el Twenty de Vigo en una pelea entre ultras del Celta y el Lyon
- Sorprendidos manteniendo relaciones sexuales dentro de un coche en el aparcamiento de un supermercado de Redondela
- La hélice del crucero «Spirit of Discovery» quedó al aire frente a la costa gallega: hubo un fallecido y más de 100 heridos
- Unos padres de Ponteareas ceden la representación legal de su hija con discapacidad a sus hermanos por falta de «competencias digitales»
- Locales de hostelería de Vigo ya exigen consumición mínima a los clientes para poder sentarse y limitan el número de carritos de bebé
- Las huelgas y el cambio de pacientes de Povisa lastran las listas de espera del Chuvi
- Cortes de tráfico en Vigo: el Celta - Lyon y la llegada de aficionados franceses alterarán la circulación
- Panxón estrena el mayor camping de autocaravanas de Galicia con visitas de siete países