Unha guía pioneira para preservar os «Entroidos» galegos
Dende os boteiros de Viana do Bolo e de Mormentelos ata os xenerais da Ulla, pasando polas mázcaras de Manzaneda e polos clásicos peliqueiros ou cigarróns, os docentes Alba de Evan, Xabier Domínguez e Iria Prol documentan uns 40 «Entroidos» galegos e curiosidades sobre esta celebración ancestral en Galicia

Xabier Domínguez, Alba de Evan e Iria Prol cun exemplar da guía. / Cedida

Envolto en panos de cores, fermosas xoias e coroado cunha crista do máis fachendosa, cando chega o Entroido, a figura do galo é a gran protagonista dos festexos en San Pedro da Mezquita, parroquia do municipio ourensán da Merca. Porén, a só un par de concellos de distancia, en Riós, con rostro humano, perilla de la, orellas de abano e cunha coroa ben distinta, erguida neste caso con vimbios e fitas de cores, o rei destas festas é o denominado vellarrón. Sen esquecerse dos clásicos cigarróns, peliqueiros ou as pantallas, os docentes Xabier Domínguez, Alba de Evan e Iria Prol lanzaron hai escasos meses a «Guía ilustrada do Entroido galego» na que documentan máis de 40 celebracións co obxectivo de preservar este patrimonio inmaterial tan arraigado na comunidade.
Con gran meticulosidade, tanto os autores dos textos como a ilustradora, Iria Prol, abordaron todas as aristas desta celebración ancestral en Galicia recopilando na publicación dende os personaxes típicos de cada un dos «Entroidos» seleccionados e os seus traxes característicos, así como tradicións habituais nestes festexos e a duración dos mesmos. O libro divulgativo, editado por Xerais, contempla tamén curiosidades como que en Galicia son celebrados máis de 175 «Entroidos» tradicionais en máis de 200 localidades, que a referencia máis antiga á festa é un documento achado no mosteiro de Ramirás que xa mencionaba o «introido» no século XIII ou que a comunidade galega pode presumir de festexar o Entroido máis longo de toda Europa, o de Xinzo de Limia, que se prolonga cinco fins de semana continuadas.

Representación do boteiro de Viana do Bolo. / Iria Prol
«Nós somos de Vilar de Barrio, estamos nese triángulo máxico entre Laza, Xinzo e Maceda, e vivimos moito o Entroido dende cativos. Eramos conscientes de que se nos alonxabamos da zona, descoñeciamos outro tipo de festexos, polo que a idea do libro nace por aí: queriamos facer un libro divulgativo para todas as idades e representar algunhas das celebracións», explica Xabier Domínguez, quen engade que a selección das manifestacións culturais a incluír non foi nada doada, pois apunta que «veñen recollidos máis de 40, algúns foron recuperados recentemente e levan menos tempo que outros que deixamos fóra, pero guiámonos pola intuición e tamén pola intención de poñer en valor festividades que non son as máis típicas».
É un bo libro para coñecer e valorar o noso patrimonio inmaterial
Neste senso, Xabier Domínguez fai referencia á dificultade do proceso de documentación, pois indica que «é unha temática moi estudada, pero da que non hai moita bibliografía, polo que nalgúns casos tivemos que botar man de asociacións que están facendo un importante traballo de recuperación destas tradicións. Recuperados, na actualidade, haberá máis ou menos uns 50 ou 60, pero moitos desapareceron porque eran do rural e coa despoboación foron perdéndose».
Dende Vilar de Barrio, en plena Limia, para toda Galicia, esta guía pioneira que pretende preservar os «Entroidos» galegos e servir de referencia para crianzas e adultos é, na opinión de Domínguez, «un bo libro para coñecer e valorar o noso patrimonio inmaterial, porque o que non se coñece non se valora. É unha boa ferramente para os colexios, porque é moi visual, pero tamén é un bo libro para casa», conclúe.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de la comunidad
- Inversores compran tres edificios en el centro de Vigo para dedicarlos a pisos turísticos
- Concierto de Juan Luis Guerra en Sanxenxo: el artista salda su deuda con Galicia en una fiesta de ritmos latinos ante 15.000 seguidores
- Juan 'Pegatinas': O San Benito máis triste de todos
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- Tres accidentes casi simultáneos dejan dos heridos, uno de ellos grave, en el sur de la provincia de Pontevedra