«A min, sálvame o animal que levo dentro»
Eva Veiga é unha das grandes poetas das Letras Galegas actuais. A súa nova obra, «O que se volve raíz» (edición bilingüe en galego e castelán con Olifante), evidénciao a través de 95 poemas. Onte, o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega anunciaba que Veiga recibiría no seu natal Pontedeume a Homenaxe A Escritora na súa Terra-Letra E neste 2026.

A poeta Eva Veiga. | E.V.

Non sabe nada o reloxo dun acorde/ nin de quen o leva atado ao seu corazón/ nin de quen volve miralo unha e outra vez/ como a un deus inexorable/ non sabe que é muro de lamentacións/ ou a espoleta dun arterial disparo/ non sabe nada o reloxo/ de como na noite se retorce/ o latexo dalgunhas horas. Estes versos conforman o arranque do poema 52 no libro de Eva Veiga, «O que se volve raíz» (Olifante).
Nos seguintes versos, a composición fala «do abismo que se abre entre os dous tempos» e sona acaído. A entrevista que agora publicamos coa poeta plasma parte dunha conversa mantida semanas atrás. Ao comezala, Veiga era sinónimo de felicidade. Só un par de horas despois, o tempo ou o destino levoulle a vida a un ser moi querido por ela. Onte, a súa voz era pesadume. Dende aquí, enviamos un raíño de sol a quen ten que «termar deste íntimo derrubo», como un día escribiu.
O poemario rezuma amor pero falamos de amor pola poesía ou o terreal?
Para min, o amor é moi importante como unha forma de estar no mundo. O amor para min é a atención, un concepto que abrangue todo, unha posición ética, unha maneira de estar no mundo. O amor é o único que nos pode salvar, é atención, compaixón. O que está no libro é o encontro co outro. É fundamental saír dun para estar co outro. É fundamental para unha mellor convivencia no mundo, que presenta unha complexidade sen precedentes. Por iso, o ser humano se ve relegado a miúdo a unha individualidade patolóxica, nada saudable para a sociedade.
Vostede agarda pola inspiración para escribir ou fórzase a compoñer versos?
Nunca me poño como unha oficinista a escribir. O que fago considéroo como un proceso de afinación, de análise e de sentir o mundo para escribir poesía. O poema vén cando o que latexa dentro (un sentimento, unha emoción, unha idea...) cando está ben lograda. Pode ser que nun día veñan cinco poemas como noutro ningún. Escribir un poema é estar nun grao de concentración moi grande. É estar entregada a un estado de conciencia que permita o impensado, o que antes non estaba. Despois traballo os poemas cambiando as palabras, buscando o ritmo. Podo estar corrixindo un poemario toda a vida, sempre me parece que pode mellorar a súa eficacia expresiva.
Esa insatisfacción tamén se dá noutros eidos da vida?
Son moi autoesixente a verdade, nunca estou contenta. Son pouco compasiva comigo mesma. Cando escribes tomas unha distancia sobre o que che pasou. Escribes unha emoción. O ritmo do poema ten que ver coa emoción, co ritmo fisiolóxico do corazón que non vai á mesma velocidade cando estás tranquila que cando estás airada.
No poemario, tamén está moi presente a dó e a morte.
Por un lado, está a morte do meu pai. A morte sempre está presente na miña poesía non como un elemento tráxico, que o é. Alguén dicía que a morte dun ser humano é a morte do universo. A morte está presente na miña obra como a liña refrectante que nos vai sinalando o camiño dos lindes, dos límites. Está aí a fugacidade da vida, a súa capacidade. Non é unha abordaxe tráxica senón como a conciencia sobre a morte para vivir doutro xeito o instante. Interésame moito. Non lle teño medo á morte. O que me interesa é saber que o que temos é o instante que vivimos; o seguinte non se sabe. Intéresame que a vida cobre sentido ; é un posicionamento ético.
Por que ético?
Porque formo parte dun todo e son responsable non só da miña vida senón da parte que me toca do mundo ao formar parte del. Teño unha responsabilidade.
Raíces, mar, humedais, terra, ríos... A natureza abonda nos versos.
Eu son de aldea, nacín e medrei en plena natureza. O territorio fundacional da miña conciencia, da miña concepción de todo é a natureza. É con quen aprendo as metáforas. Son das Fragas do Eume. Dende a miña casa, vese como se entrega o río ao mar. Hai tamén unha intención de volver ao animal que nos habita. Esquecemos a percepción animal que temos. A min, sálvame o animal que levo dentro. Volver á natureza é volver a aquilo do que formamos parte.
A pesar da importancia do amor, do tempo, da vida e da morte e a natureza observo que quizais o obxectivo principal do libro é falar do feito poético.
A reflexión sobre o propio feito poético é fulcral (sic, en portugués significa central) como tamén o é reflexionar sobre a linguaxe convencional que é incapaz de dar conta daquilo que só a poesía pode traer. É outra maneira de usar a linguaxe e é outra maneira de coñecemento. É achegarse ao real doutra maneira. A linguaxe constrúe o noso pensamento e sentimento. Por iso, hai que derrubar esa estrutura que nos conforma, a da linguaxe, para poder ver e pensar doutro xeito.
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- El Concello de Moaña contrata, por primera vez, un técnico para acelerar las tramitaciones en todos los departamentos
- Un desahucio sin inquilinos en Vigo que se prolongó año y medio: «Se fueron, dejaron de pagar el alquiler pero no pudimos entrar hasta ahora»