Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Mediarea Cuarteto de música tradicional de O Morrazo

«Hai quen di que somos gaiteiros medio punkis»

Despois de toda unha vida vencellados á música tradicional no Morrazo, Rodri Martínez, Gael Pérez, Zé Pumar e Luis Malvido fundaron no 2022 o cuarteto Mediarea. Continuadores da tradición gaiteiril desta comarca, o vindiero 27 de decembro estrean en Cangas o seu segundo disco «Virando por avante».

Rodri Martínez (percusión), Gael Pérez (gaita), José «Zé» Pumar (acordeón) e Luis Malvido (percusión).

Rodri Martínez (percusión), Gael Pérez (gaita), José «Zé» Pumar (acordeón) e Luis Malvido (percusión). / FdV

Cangas

Traen debaixo do brazo un bo regalo de Nadal: o seu segundo disco «Virando por avante» que presentarán en vivo e en direto no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas o vindeiro 27 de decembro. O cuarteto de música tradicional de O Morrazo «Mediarea» está composto por Rodri Martínez, Gael Pérez, Zé Pumar e Luis Malvido. Son animais do direto e de facer que a xente baile . O mostrarán nesta estrea deste traballo —segundo tras «Sebo de Ghrilo» (2023)—, no que métense en novos estilos e que ten no «Pasodobre da Confederasión» un himno da resistancia contra va turistificación masiva na comarca, especialmente no Hío. O disco, gravado na parroquia canguesa co enxeñeiro de son Ibán Pérez e no seu estudo Terraforma, contén nove composicións propias con colaboracións de Sabela Galbán, María Prado, Alfonso Malvido e as pandeireteiras «3 pés p´un banco».

— Como están a preparar esa estrea e presentación en directo, na que “xogan” na casa?

— Con moita ilusión, ganas e traballo. Nestes últimos anos, fomos adquirindo bastante experiencia enriba dos escenarios, pero o de organizar un evento de maneira integral é novo para nós. Aspectos como o deseño da escenografía, equipo de son, luces, xestión da venda de entradas, publicidade do evento, persoal, merchandaising, etc... Son cuestións ás que hai que enfrontarse nesta ocasión, tratando de non esquecer que ademáis, somos os músicos. Cada mínimo detalle está pensado e executado con esmero. Aparte de nós os catro, contamos con Sabela Galbán (a nosa representante) e os nosos técnicos de Son e luces Michi e Suso.

— Vostedes son animais de directo, de tocar e facer festa desde o escenario. Entendo que vai ser unha actuación especial e con moitas colaboracións.

— O noso último concerto ata a data foi o do 30 de agosto, no Son do Pazo de Mos. Dende entón, estivemos centrados na composición, gravación e edición do novo disco, así como do videoclip da Foliada do Gheu. De unhas semanas ata agora, estamos xa centrados na preparación do concerto do 27, que será especial e único por diversos motivos. Haberá que vir para descubrilo, pero quen nos siga mínimamente, ben sabe que a colaboración con amigas e amigos é algo inherente a nós. Como ben dis, somos animais de directo e de facer que a xente baile.

— Xa na primeira escoita e con respeto a “Sebo de Ghrilo” (2023) percíbese a novidade das voces coa presenza de temas cantados. En que outros aspectos hai un cambio ou evolución con respecto ao primeiro álbum?

— Quizais sexa o arriscar algo meténdonos en novos estilos tanto a nivel percusivo como a nivel melódico e harmónico… tocando ritmos nos que aínda non nos atrevéramos a entrar pero sempre mantendo a nosa esencia e estilo, que cremos que cada vez é mais recoñecible. Sebo de Ghrilo foi gravado nun momento moi primixenio do grupo, cando aínda nos estabamos a coñecer, e para o que incluso rescatamos algunhas composicións anteriores á formación de Mediarea que tiñamos de cada un de nós. Somos esencialmente un grupo instrumental pero quixemos atender a unha demanda do noso público que nos pedía que cantásemos máis. E o certo é que ese desafío supuxo un reto do que saíron temas que, a día de hoxe, nos encantan e identifican. Gústanos sentir que Mediarea é un proxecto en constante cambio, flexible e aberto, polo que cada tema novo pretende achegar algo aínda non escoitado na nosa música, ben sexa unha letra, un ritmo, un guiño estilístico…

— Todos os temas son composición propias, salvo un que ten unha historia moi especial: “Foliada do Gheu”, en alusión a un topónimo da parroquia do Hío. Un tema recuperado no seu día a través de señora Carme do Gheu, que era a avoa da muller dun de vostedes e que neste disco canta unha das bisnetas desta veciña do Hío [Dora Pumar, integrante de 3 pés pa un banco xunto a Eva Paredes e Desiré Cotobad].

— Non acostumamos facer temas basados en recollidas ou cancioneiros . Pero neste caso fixemos unha excepción, andabamos na composición dunha xota cando decidimos fusionala cun tema aprendido da avoa política de Zé Pumar, o noso acordeonista. Ao tratarse dunha peza tan especial decidimos arranxala con varios instrumentos e voces e darlle un carácter máis grandioso. É a nosa particular homenaxe a todas esas mulleres que transmitiron un riquísimo legado cultural en forma de cantigas. O Morrazo non é unha terra moi prolífica neste sentido polo que esta canción ten un valor singular. 3 pés pa un banco é un grupo de mozas moi novas que representan para nós ese relevo tan valioso e que xa teñen colaborado con nós en varias ocasións. No disco pódense escoitar tamén noutros temas facendo coros pero é nesta Foliada do Gheu onde teñen maior protagonismo.

— Este disco case se pode dicir que foi parido en dous partos: primeiro cun EP titulado “Fillos da virasón”, publicado a principios deste ano como un adianto, e agora coa versión definitiva, “Virando por avante”. Títulos con connotacións mariñeiras e cun deseño gráfico interior que representa ao Morrazo a través dunha carta náutica. Como acolle o público, tanto no Morrazo como noutros lugares, esas composicións tan apegadas a un lugar concreto?

— O noso proxecto é en esencia, morracense. Bebemos da tradición gaiteiril do sur das Rías Baixas e curtímonos en contextos como o do Entruido do Hío. Pódese dicir que a nosa música condensa a ansia pola liberdade da xente do mar así como o arraigo á terra de quen creceu nunha península. Tamén estamos orgullosos do carácter reivindicativo que se nos atribúe e certa bravura que non temos medo en mostrar. Hai quen di que somos gaiteiros medio punkis. Creo que o público de outros lugares valora positivamente a nosa reivindicación de identidade e considéraa un signo de autenticidade que, por desgraza, non é moi frecuente na música actual tan condicionada polas modas. Ao princípio cortábamonos un pouco nas presentacións, agora xa imos dicindo que somos do Caribe Galego, e tan panchos. De todos xeitos, no deseño gráfico do disco mesturamos o mapa do Morrazo cuns versos de Manuel Antonio, ilustre rianxeiro , co que nos identificamos neste proxecto.

— «Pasodobre da Confederasión» reflicte a realidade da turistificación masiva coa que os veciños do Morrazo, especialmente no Hío, conviven cada verán.Perciben que esta canción xa se convertiu nalgo así como nun himno de resistencia?

— Encantaríanos que se convertera nun himno de resistencia, xa que iso significaría que existe un movemento amplo concienciado coa problemática.Vémolo en cada concerto que facemos na casa, onde a xente corea o retrouso neste tema con rabia e emoción.

— E logo está «Suroeste», que alude tanto a situación xeográfica do Morrazo como a certos fenómenos asubiadores que propicia este vento neste recuncho.

— Certo! Quixemos vacilar co claro exemplo de contaminación acústica que temos en Cangas cando vai temporal. Por iso gravamos o noso videoclip nas casetas dos mariñeiros, que ben o pasamos! Por outro lado, é un alegato á nosa identidade, como o Mediterráneo de Serrat, pero en versión galega, por iso cantamos “chámaste Atlántico e tesnos dentro” ou “somos os fillos da virasón”. Suroeste son as nosas coordenadas no mapa de Galicia, pero tamén a conexión coa música latinoamericana, que deixou bastante pegada neste disco.

— Todo o proceso de composición e gravación levouse a cabo no Morrazo. Voltan a traballar co enxeñeiro de son Ibán Pérez e no seu estudo Terraforma, no Hío. Que clase de son buscaban para gravar “Virando por avante"?

— A decisión de apostar novamente por Terraforma é motivada por dúas razóns: Por un lado, á proximidade xeográfica e humana que nos ofrece Ibán que fai que nos sintamos como en casa, como nun ensaio máis, e coa confianza de poder dicirlle o que nos gusta e o que non ata ir dando co son que queremos. Por outro lado, é unha persoa que nos entende, que coñece ben a nosa música, e se esforza por plasmala nun disco da maneira máis fiel posible. Isto por riba de convencionalismos ou ideas preconcebidas. Por iso gravamos sen claqueta e do xeito que quede plasmada a frescura dos temas acabados de compoñer. O excelente equipo e a mestura en analóxico engaden calidade á gravación. Mediarea é diferente no panorama da música tradicional e o disco tamén soa diferente. 

—Mediarea tamén semella unha forma de resistencia fronte a músicas sobreproducidas, demasiado iguais e nas que as veces os propios instrumentos son case convidados de pedra. Seguindo coas alusións mariñeiras, a súa é unha aposta por navegar a contracorrente e avanzar co impulso da gaita, acordeón, percusión e voces?

— No contexto xeral actual, ás veces faise complicado non atender aos cantos de serea que buscan atraernos cara o uso de aparellos electrónicos, e pode que tamén á homoxeización das propostas artísticas. O que a nós nos motiva e o que sabemos facer é música tradicional en 2025. A babor temos a música tradicional de sempre, e a estribor o novo trad. O que queremos é ter nós o mando do timón e dirixilo cara onde nos peta, independentemente de onde veña o vento ou a corrente. Se isto é un ave raris no panorama musical deberíamos reflexionar sobre que non estamos facendo ben como colectivo e como sociedade. Por sorte, non somos os únicos, hai propostas moi interesantes na música galega que escollen rumbos inesperados e que teñen moi boa acollida polo público. Non temos nada en contra da electrónica pero estamos encantados de ter un son 100% acústico e defendemos os nosos instrumentos a tope. Despois de varias actuacións en escenarios grandes podemos afirmar que se pode facer música potente con gaita, acordeón e percusións. O que non pode fallar é a actitude, e diso nós temos para dar e tomar. 

— Despois deste parón para gravar “Virando por avante” e para artellar o concerto do 27 de decembro en Cangas volverán a percorrer escenarios de todo o país para voltar ao directo. Como serán eses concertos e o paso das cancións do disco á interpretación ao vivo?

— A través da nosa produtora DZPro xa estamos a traballar para facer máis presentacións do disco por Galicia adiante e mesmo fóra do país. Despois do dinamismo que tivemos este dous últimos anos, divulgando o noso primeiro traballo “Sebo de ghrilo” pensamos que temos gañado un lugar no panorama da música tradicional galega. Agora a nosa intención é ofrecer un novo traballo froito da evolución do son de Mediarea. Encantaríanos seguir afianzando público ofrecéndolle a nosa música con sinceridade e entusiasmo. 

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents