Entrevista | Sés Cantautora
«Este disco busca confiar na canción por si mesma, sen artificios»
A artista coruñesa publica hoxe o seu novo traballo , «Nadando na incerteza»

María Xosé Silvar, Sés. / Cedida

Con máis dunha década de traxectoria na industria musical e con nove discos publicados, a cantautora María Xosé Silvar, Sés, lanza «Nadando na incerteza», un traballo que pon palabra e melodía no centro, marcando unha nova etapa profesional para a artista que iniciará xira o 10 e 11 de xaneiro na Coruña, no Teatro Colón, para continuar en Vigo o día 17, no Teatro Afundación. No marco das actividades do 25N, a cantautora visita hoxe a cidade olívica para ofrecer un concerto no Teatro Salesianos, ás 20.00 horas.
-Este novo disco chega nun momento delicado, nace destes tempos convulsos?
-«Nadando na incerteza» ten unha diferenza principal e moi curiosa en relación co resto de discos,xa que sendo de cancións como todos os anteriores, estes temas, na súa práctica totalidade, son coetáneos. O normal é que eu escolla no meu caixón de cancións aquelas que máis me apetece cantar, pero neste disco só hai dúas cancións antigas, do ano 2015 ou 2016, porque o resto de temas son actuais e é precisamente porque as persoas que somos máis permeables, un pouco máis fráxiles, neste momento de cambio de paradigma tras a pandemia e que transcende todo, creo que o máis drástico que experimentou a humanidade, a min o que me provoca é e moita incerteza e moito sentimento de desubicación, o que obriga a exercitar a tolerancia á incerteza. Moitas das cancións xiran arredor deste estadío.
-No tema que dá nome a este traballo é certo que se percibe a procura de refuxio ante o contexto actual, mais tamén deixa a porta aberta a esperanza.
-Si, completamente. Este é un disco moi vitalista. Penso que de practicamente todo, agás da morte, pode sacarse algo bo, unha aprendizaxe. Desta situación actual pode sacarse algo marabilloso, de feito, ese retrouso de que «a vida é un absurdo» vén por Albert Camus, quen cando lle preguntaban polo sentido da vida respostaba iso mesmo. Ante a ausencia de sentido, o máis intelixente non é o derrotismo, senón o aproveitamento e ser vital, sempre intentando mellorar e, por suposto, vivindo dende o absoluto vitalismo.
-Que outros aspectos explora?
-Son unha gran defensora da xuventude, de toda esa xeración que está sendo inxustísimamente «vapuleada», pero hai un punto destes novos códigos que non critico, pero si me satura, e é a sobreprodución na música en xeral. Todos estes avances dixitais levaron consigo un impacto na sonoridade, que me interesa moito, pero que si recoñezo que ás veces se me fai empalagoso e que me alonxa da canción como molécula, como átomo. O que é «Nadando na incerteza» é un disco que busca volver a confiar na canción por si mesma, no texto e na melodía, co menos artificio posible, indo ao estritamente necesario, de feito, tiven que facer un exercicio de contención brutal, de confiar exclusivamente na canción, que creo que é o que agora non pasa, e sobre todo no texto. Penso que vivimos unha época na que o texto está sufrindo un pauperismo moi crítico, temos que recapacitar sobre isto e non deixar tan de lado os textos.
-Semella ademais que vivimos nunha época na que se camiña cara a neutralidade, e precisamente vostede, tanto nas súas letras coma nos concertos, sempre se amosou combativa. Como de necesario é posicionarse actualmente dende o escenario e que papel pode xogar a música a este respecto?
-Non hai posibilidade de non posicionarse, non existe. A ausencia de posicionamento é un posicionamiento e non só é un posicionamento, senón que o silencio é o posicionamento máis perigoso con moita diferenza, é o que permitiu os grandes xenocidios da historia e estámolo vendo actualmente. Ninguén non se posiciona, absolutamente ninguén. Por outra banda, gustaríame ser máis como Maiakovski ou como Bertolt Brecht, que eran máis optimistas con respecto á arte, pero eu creo que a arte non é causa, senón consecuencia da sociedade na que se orixina, polo que creo que as posibilidades da arte chegan até onde chegan. Cando a xente me di que coas miñas cancións igual podo axudar a moitas mentes a que se abran, eu o que considero é que a mente que se abre escoitando unha canción miña xa estaba destinada a abrirse, non é mérito meu.
-Recentemente compartía que un dos seus proxectos pendentes é versionar en galego a grandes letristas da historia da música, chegará?
-Fáltame vida! Cando me preguntan que me gustaría facer profesionalmente eu nunca penso en que me gustaría tocar en tal escenario, eu o único que quero é facer un lote de discos. Aínda non presentei «Nadando na incerteza» e xa estou pensando no seguinte, é que poñería unha liteira no estudio! Gozo moito dos directos, creo que se nota, pero ao que nin de broma renunciaría é a facer cancións, incluso sería feliz traballando para outras persoas.
-Facía antes referencia á xuventude; que opinión lle merece a nova fornadade artistas, tanto a nivel musical como na aposta polo idioma propio?
-Eu recibo con moitísima alegría todas as novas incorporacións á música galega e a verdade é que me fan moitísima ilusión. Agora mesmo hai un grande auxe da música de raíz e o que hai que ter en conta é que as músicas de raíz son indisociables do código vehicular co que conviven. Ninguén fai bulería en alemán, por exemplo, co cal evidentemente a muiñeira sempre vai ser en galego. Penso que toda esa explosión da música tradicional quizais o que fixo foi que nos enganaramos un pouquiño, porque en Galicia sempre é e sempre será en galego, viva a lingua fóra ou non. A música que verdadeiramente podemos empregar para valorar o estado de saúde dunha lingua é a que non é música tradicional e, neste sentido, se cadra boto en falta algunha proposta máis. Pero bueno, o certo é que eu sempre quero máis e máis.
-Con respecto á presenza da muller na industria musical, cre que evolucionamos?
-Non evolucionamos, non. O sitio da muller no escenario, o rollo vocalista, existiu sempre e non é certo que nós foramos menores, en moitas tradicións de feito fomos máis numerosas, pero a presenza das mulleres como compositoras, letristas, produtoras, instrumentistas, etc, aí é onde a muller segue no mesmo lugar no que estaba hai 50 anos. Todo o mundo pode dicir 10 produtores famosos, pero non poden dicir 10 produtoras. Todo o mundo pode dicir 20 guitarristas famosos, pero non 10 guitarristas famosas. Se nos deixamos enganar e non profundizamos, pois si, cada vez hai máis mulleres nos escenarios e en que tesituras! Iso si, sempre dentro do «entertainment». Dime 10 autoras do «mainstream» admiradas por ser grandes letristas? Isto que é o que hai que mirar, pero obviamente si, para entreter e mover o cu seguimos sendo as favoritas.
Suscríbete para seguir leyendo
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Quiebra la excontrata gallega de centros logísticos de grupo Inditex
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- El Hotel Bahía logra el «OK» para su reforma: más de 5,4 millones de euros
- La copaternidad llega a Galicia: desconocidos que se hacen amigos para tener un hijo
- El juez ordena cerrar un piso turístico en Vigo por estar «prohibido» en los estatutos
- ¿Por qué conviven vecinos y huéspedes en el Hotel Bahía de Vigo?
- Punto y final a la burla de Cerdedo