Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Castelao e Paz Andrade, mitin en Fornelos

Apenas un mes despois da proclamación da Segunda República e medio ano antes do nacemento do Partido Galeguista, Castelao e Valentín Paz Andrade reuniron na praza de Fornelos de Montes á veciñanza para defender a autonomía de Galicia. A crónica publicada en FARO recolle detalles daquel acto que gozou de grande acollida na contorna. O Concello celebrará un evento para conmemoralo.

Castelao, á esquerda, con Valentín Paz Andrade, en pé, noutro evento.

Castelao, á esquerda, con Valentín Paz Andrade, en pé, noutro evento. / Arquivo

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Fornelos de Montes

«A pesar del mal tiempo, muchas personas se congregaron anteayer en la plaza de aquella villa, para escuchar la palabra de los luchadores galleguistas. Más de treinta automóviles realizaron viajes repetidos desde Puentecaldelas, La Lama, Gajate, Pazos, Forzanes y otros pueblos conduciendo gente al mitin. Comenzó este a las cinco de la tarde pronunciando unas palabras de presentación el maestro de Justanes, Sr. Briones, que hizo un cálido elogio de los oradores y expuso la finalidad de la campaña. Habló el distinguido letrado, vicepresidente del Grupo Autonomista Galego, señor Barros Martínez, que hizo una descripción del vivir labriego, poniendo de relieve sus angustias, y analizando el problema del rural gallego desde puntos de vista económicos y políticos. Abogó por la solución federalista, que representa para Galicia el camino de la redención. Se le aplaudió calurosamente, como asimismo a Castelao cuando apareció en la tribuna para comenzar su discurso».

Baixo o título «Por la autonomía de Galicia. El mitin de Fornelos de Montes», daba comezo así a crónica publicada en FARO DE VIGO o 19 de maio de 1931 que deixaba constancia da presenza de Castelao e Valentín Paz Andrade neste concello pontevedrés para levar a cabo a defensa dun estatuto de autonomía para Galicia, unha visita que tivo lugar apenas un mes despois da proclamación da Segunda República e sete meses antes do nacemento do Partido Galeguista. A descuberta deste feito histórico, precisamente cando se celebra o Ano Castelao, foi motivo de gran emoción no Concello de Fornelos de Montes e co obxectivo de dar a coñecer este episodio terá lugar un acto de homenaxe o vindeiro domingo, día 30 de novembro, ás 12.00 horas no multiusos.

«Foi toda unha casualidade. A historiadora Ana Requejo, que é fornelense, estaba procurando información para outra investigación cando atopou esta nova, e foi a xornalista Carme Vidal, tamén fornelense, quen deu co artigo publicado en FARO que ampliaba moito máis a crónica do acto. Soubemos desta información hai uns meses e emocionámonos moito, claro, porque para Fornelos é moi boa noticia, co cal pensamos en propoñerlle ao alcalde, Emiliano Lage, facer un acto para conmemoralo», explica Carmen Carreiro, que asumiu a coordinación da homenaxe.

Soubemos desta información hai uns meses; para Fornelos é moi boa noticia

Carmen Carreiro

— Coordinadora do acto

A crónica publicada no diario decano da prensa española non só dá conta do paso dos intelectuais por Fornelos de Montes, senón que tamén amosa a boa acollida que gozou o seu discurso entre os presentes, pois FARO recolle sobre Castelao que «hizo una certera disección del régimen centralista, analizándolo desde diversos aspectos (...) El público se entusiasmó con su palabra, haciéndole objeto de clamorosas manifestaciones de simpatía». Aquel fervor popular tamén se fixo extensivo a Valentín Paz Andrade, pois a crónica continúa: «Se repitieron estas, al iniciar el señor Paz-Andrade su discurso, pronunciado en tonos vibrantes, que sacudieron el ánimo de los oyentes, abriéndole horizontes de ciudadanía para ellos hasta entonces cerrados. Dijo que los galleguistas vienen realizando una obra de conciliación y de paz, independientemente de las banderías de la vieja política y de la Dictadura. ‘Non vimos contra ninguén, mais tampouco a indultar a ninguén’, excitando a todos para que cumplan escrupulosamente sus deberes ciudadanos en bien de la República y de Galicia, sin pensar a la codicia del mando. Expuso la tesis autonomista con gran abundancia de argumentos concluyentes, que arrancaban grandes aplausos».

Campaña de concienciación

O presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, sinala que «é toda unha sorte» ter achado esta crónica, pois na súa opinión, «constatamos que un grupo de intelectuais minoritario fixo un grande esforzo por chegar a toda a cidadanía nunha importante campaña de concienciación».

Realmente fan un esforzo encomiable por que Galiza defenda a súa identidade e dignidade

Miguel Anxo Seixas

— Presidente da Fundación Castelao

Seixas apunta que «constitúen en decembro de 1931 o Partido Galeguista, aínda que previamente existía o movemento cultural e nacionalista das Irmandades da Fala, e son conscientes de que a Segunda República abre a posibilidade de que as nacións poidan ter un estatuto de autonomía, e a nova Constitución vai concederllo primeiro a Cataluña. E no caso de Galicia, eles fan campaña de concienciación co discurso de que é bo tamén para Galicia».

Aproveitando feiras, festas ou a forte presenza do movemento agrarista, inician así un percorrido por distintos puntos da comunidade galega para espallar os seus ideais e é así como recalan en Fornelos de Montes. Neste senso, o presidente da Fundación Castelao expón que «non tiñan moitos recursos económicos e por iso tiñan que ser moi estratéxicos. Desprázanse a aqueles puntos nos que hai moito público para predicar e achegarse a toda esa xente que non podía ler os seus estudos e investigacións. Realmente fan un esforzo encomiable por que Galiza defenda a súa identidade e dignidade. Aínda que tamén usan moito a prensa, como proba o artigo de FARO, queren tamén achegarse á xente pronunciando discursos, de feito, Castelao é un gran orador que conecta moi ben co público, porque é moi emotivo».

A presenza de Castelao e Paz Andrade en Fornelos deixa a porta aberta a investigar cal foi o motivo polo que se desprazaron até este concello pontevedrés para dar o mitin pola autonomía, pero para Miguel Anxo Seixas está claro que «había algo que lles obrigaba a ir, pode que houbera unha asociación agraria potente ou movementos de esquerda e concienciación labrega que tiveran forza», conclúe.

Homenaxe

Co obxectivo de conmemorar este acontecemento histórico, o Concello celebrará o vindeiro domingo un acto no que estará presente o propio presidente da Fundación Castelao e se levará a cabo a inauguración dunha placa conmemorativa. Así mesmo, os poetas Silvia Penas e Samuel Merino, primeira e último gañador do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey que convoca o propio Concello de Fornelos, ofrecerán un recital poético arredor da figura do intelectual galego que será homenaxeado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents