Cantares do Brión madura voz e identidade
Con motivo do seu 15 aniversario, o coro galego Cantares do Brión lanza o seu terceiro traballo en formato libro-disco achegando novo repertorio á música tradicional galega, pero sen esquecerse tampouco da divulgación de pezas de formacións históricas. Na actualidade, preto de 60 persoas integran esta agrupación, un coro con sede en Vincios, no Val Miñor, que preserva tradición e idioma a través de letras que prestan especial atención á igualdade de xénero, á paz e á liberdade.

Marta G. Brea

«Somos fíos deste pano, / desta Terra que nos tece, / somos fillas dunha lingua / que do corazón nos prende. / Pasa o tempo, corre a vida, / todos nós imos marchando, / mais ela non esmorece / porque a seguimos falando». Con letra de Rosa Hervella e música de Luís Correa, esta é unha das novas composicións incluídas en «Unha lingua para amar», o terceiro traballo do coro tradicional galego Cantares do Brión que, con motivo do seu 15 aniversario, non quixo deixar de festexar a ocasión co lanzamento do que será o seu primeiro libro-disco.
Cunha coidada edición, «Unha lingua para amar» non só compila o novo repertorio que vén de sumar á música tradicional galega esta agrupación con sede en Vincios, no Val Miñor, senón que tamén incorpora fotografías e textos sobre a traxectoria da formación, así como sobre a historia dos coros en Galicia e, neste senso, é preciso remontarse a finais do século XIX para dar coa primeira formación deste estilo, Aires da Terra. Herdeiros dunha longa tradición que experimentou un rexurdimento logo de 1960, cun forte impulso do movemento coralístico, foi no ano 2009 que un grupo de amigos decidiu facer un chamamento para constituír Cantares do Brión, paraugas daquela de até 65 personas procedentes de distintos puntos da área suroeste da comunidade galega.

O coro Cantares de Brión, de Vincios, cumpre 15 anos / Marta G. Brea
O actual director deste coro, Pablo Rial, explica que «naceu un pouco dunha arroutada, porque no sur da provincia de Pontevedra hai unha canteira moi abundante, grazas a todos os profesores que houbo, de gaiteiros, percusionistas e cantareiras. Nós botabamos en falta traer un poco esta dinámica a un coro galego e como eramos uns namorados dos coros históricos quixemos probar este formato. A idea callou moi rápido, a xente comezou a unirse e presentámonos oficialmente en 2010. Hoxe non temos queixa, porque somos máis de 55 integrantes e somos un grupo moi forte e moi unido».
Con respecto a «Unha lingua para amar», Pablo Rial sinala que «había tempo que non gravabamos novo repertorio. Sempre estamos moi pendentes das letras con respecto á igualdade e á paz e tamén nos gusta homenaxear a poetas galegas, do pasado e do presente. Hai unha parte de repertorio composto por nós, pero tamén outras cantigas de homenaxe a eses coros históricos que son os nosos referentes».
Hai que aproveitar esta nova onda da música galega para poñer en valor a cultura de base
Pablo Rial ve con moi bos ollos o estado de saúde da música tradicional galega na actualidade, se ben recoñece que bota en falta máis apoio institucional para formacións como Cantares do Brión, e apunta que «estamos moi a favor de abrir portas e que a xente nova beba da música tradicional incorporándoa a novos formatos, é moi positivo. Hai que ter en conta que o que está de moda son eses novos formatos, a raíz non tanto, pero hai que aproveitar esta nova onda da música galega para poñer en valor a cultura de base».

Ensaio do coro Cantares do Brión. / Marta G. Brea
Pola súa banda, Noli Moo, quen se sumou a Cantares do Brión apenas dous meses despois de que iniciara a súa andaina, indica que se hai algo que caracteriza a esta formación de Vincios é o seu compromiso co idioma e coa sociedade galega: «Somos un coro que vai máis alá do ocio, do plano lúdico, porque queremos facer reflexionar sobre a situación social. Por exemplo, á hora de compoñer temos moi en conta o tratamento da muller, porque nas letras históricas hai unha problemática, moitas teñen un punto machista que para nós é inconcebible hoxe en día. E, por outra banda, na liña do título do noso terceiro traballo, sempre intentamos poñer en valor a nosa lingua, a nosa identidade».
Somos un coro que vai máis alá do ocio, queremos facer reflexionar sobre a situación social
Neste senso, o director de Cantares do Brión comenta que, «dende o principio, para nós hai cousas que son irrenunciables e polas que estamos realmente preocupados porque pensamos que corren perigo, como é o caso do idioma. É por isto que intentamos incorporar novos temas á música galega e non só quedarnos coas cantigas de antes, para así poñer tamén o foco na igualdade, na paz e na liberdade».
Como mostra do seu compromiso social, Noli Moo fai referencia a que Cantares do Brión, malia a súa recente traxectoria en comparación con outras formacións galegas, xa foi pioneiro en Galicia grazas á implantación da lingua de signos na interpretación das letras das cancións e diálogos teatrais. Así, Moo menciona que «incluso se chegaron a facer cursos de lingua de signos para os integrantes do coro. Este é un proxecto moi chulo e segue incorporándose xente nova», conclúe.
A presentación de «Unha lingua para amar», que tamén conta con poemas musicados de Luisa Villalta, Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro ou do vigués Antonio García Teijeiro, terá lugar o vindeiro sábado 29 de novembro, ás 19.30 horas, cun gran concerto no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un ciclón llega a Vigo: vientos de más de 80 kilómetros por hora, lluvias fuertes y olas de hasta seis metros
- Beatriz Fernández (27 años): «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- Davila 09/12/2025
- El presidente de la Diputación de Lugo, acusado de acoso sexual
- Varios vehículos destrozan unas jardineras en el centro de Vigo al aparcar para ver las luces
- Cambio de rumbo para las cabañas turísticas de Bueu, que salen a la venta
- Los pisos de Toralla se revalorizan: su precio casi se ha duplicado por la elevada demanda
- Vigo levanta las restricciones a las actividades al aire libre tras el paso de lo peor del temporal