Armando Requeixo: «Con este libro quero contaxiar a alegría da lectura»
«A nosa sociedade pode ter un espello positivo e fermoso nas súas creadoras e creadores», afirmou o profesor e crítico onte en Vigo, na presentación da escolma «Literatura insólita»

De esquerda a dereita: Luis Rei, Marcos Calveiro, Xosé Ramón Pena e Armando Requeixo / Marta G. Brea

Unha inocentada literaria non demasiado coñecida e da que foi vítima un dos autores de referencia do sistema galego, Carlos Casares, a quen os seus amigos impresores amosaron unhas probas do seu libros de relatos «Os escuros soños de Clío» e ás que practicamente deu o visto bo o propio autor até que reparou nunha letra distinta que mudaba por completo o título da súa obra: un ce colocado deliberadamente polos seus «colegas» enlugar do ese que preside a palabra soños alarmou inmensamente a Casares, quen non concibía a súa obra en man dos lectores e lectoras coa cuberta encabezada por aquel título alternativo, brincadeira dos seus impresores. Foi unha das curiosidades que o profesor, crítico literario e colaborador de FARO Armando Requeixo expuxo como exemplo das pezas que lectores e lectoras poden atopar na escolma de artigos que compoñen «Literatura insólita», o libro que vén de publicar en Galaxia e que onte presentou en Vigo no marco do club FARO.
O autor estivo acompañado polo director de Edicións de Galaxia, Marcos Calveiro, o xornalista Luis Rei Núñez e tamén polo escritor e doutor en Filoloxía Xosé Ramón Pena, quen coordina o Faro da Cultura e quen comezou a conversa preguntando a Requeixo onde acha a inspiración para as temáticas dos seus artigos, pezas que se ben parten da realidade semellan verdadeira ficción, segundo apuntou. O profesor e crítico literario respondeu a Pena indicando que «este libro está feito da materia dos soños que o alimentan a un», engadindo que «algunhas veces son ideas recollidas por parte dos coordinadores de medios, que se moven a cabalo entre a literatura e o xornalismo (facendo alusión aos propios Pena e Rei), pero a gran maioría nacen porque sempre procuro estar atento á actualidade, non teño prexuízos, penso que todo pode ser materia literaria e en moitos busco que teñan conexión coa realidade do día a día».

Luis Rei, Xosé Ramón Pena, Armando Requeixo e Marcos Calveiro, durante a charla-coloquio no Club Faro / Marta G. Brea
Dende a pandemia ás guerras, Armando Requeixo apuntou que «a actualidade dá pistas de moitas cuestións» e, no seu caso, debido a unha inquedanza que cultivou dende cativo anotando detalles insólitos e singulares das súas lecturas en cadernos e posteriormente en documentos, «arremuiñar esas informacións foi o que me serviu de base para moitas das creacións que nacen da curiosidade e que fan ver a literatura doutro xeito».
Neste senso, o profesor destacou de «Literatura insólita» que, a diferenza do que moitas veces acontece na súa profesión, «cando polo agobio do temario, deixamos de contar o máis humano e ameno, e que pode conectar moito máis cos lectores e lectoras, neste libro quixen facer o contrario, quería facer un libro para a xente, porque a literatura ten moitas cousas para aguilloar a curiosidade e eu quería facer un libro para todo tipo de lector, para amantes das palabras que quixeran afondar nas vidas de autores e autoras, nas súas aventuras, nas súas manías».

Armando Requeixo, crítico literario, secretario do Centro Ramón Piñeiro para investigación de Humanidades, e profesor da USC, invitado no Club Faro / Marta G. Brea
É por isto que elaborou unha coidada selección de historias as cales moitas «semellan inverosímiles», dixo. Así, o autor puxo de exemplo narracións de autores que realmente foron premonitorias como foi Matthew P. Shiel publicando unha fantasía futurista titulada «As SS» que describía unha Europa asoballada por uns asasinos que queimaban os corpos das persoas, catro décadas antes do Holocausto da Alemaña nazi.
Xornalismo literario como anzol para cubrir un baleiro
O crítico literario e colaborador de FARO comentou na presentación de onte en Vigo que o obxectivo de «Literatura insólita» é «arrincar un sorriso, porque son textos breves, pero moi documentados nos que procurei imprimir un estilo discursivo, son pezas de xornalismo literario e realmente o libro podería definirse como un libro-anzol, unha ollada ao envés do mundo da escrita».

Luis Rei, Xosé Ramón Pena, Armando Requeixo e Marcos Calveiro, durante a charla-coloquio no Club Faro / Marta G. Brea
Na conversa do club FARO, pola súa banda, o xornalista Luis Rei preguntou a Armando Requeixo se na escolma pretendía abrir un espazo a novo público, xa non só cara o acto en si da lectura, senón tamén cara unha posta en valor dos propios autores e autoras que arman o sistema literario propio de Galicia coas súas obras. A este respecto, o autor de «Literatura insólita» respondeu que «a nosa creación, xa non só literaria, senón cinematográfica, pictórica e cultural en xera,l é incrible. A nosa sociedade realmente pode ter un espello positivo e fermoso nas súas creadores e creadores, temos luces e sombras, pero basta con revisar os premios nacionais de poesía dos últimos anos, todos galegos, co cal o que facemos interesa».
Así mesmo, Armando Requeixo fixo especial fincapé en que «Literatura insólita» é unha obra para todos os públicos a raíz de ter detectado un baleiro no eido literario, sinalando que «con este libro quixen abrir unha porta, quero contaxiar a alegría da lectura, as cifras caen, pero eu son optimista e por iso recollín textos para convidar precisamente a coñecer dende manías dos escritores, mortes novelescas, historias detrás dos títulos dos libros, erratas históricas ou detalles das vidas de autores e autores ben interesantes».
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El emblemático Hotel Bahía de Vigo renueva su imagen: adiós a los azulejos azules y más de 5,4 millones de inversión
- Retenciones en Vigo: varios autobuses de turistas portugueses complican el tránsito en Beiramar
- El ourensano Diego Fuentes, futuro 'copadre': «Pensé que no tenía por qué ser peor que otro sistema porque al final se trata de conocer a alguien con quien establezcas una afinidad»
- ¿Por qué conviven vecinos y huéspedes en el Hotel Bahía de Vigo?
- Villa Elisa ya es propiedad municipal
- Punto y final a la burla de Cerdedo