Entrevista | María Calado Doutora en Psicopedagoxía e psicóloga
«As redes xeran malestares co corpo que aínda non aparecen nos manuais médicos»
A presión estética é unha manifestación máis da violencia contra as mulleres e, na actualidade, esta tende a unha homoxeneización de rostros e corpos. A experta viguesa María Calado analiza como a «extrema delgadeza» segue fomentándose e alerta de novos trastornos vencellados ás redes

María Calado, o ano pasado en Vigo, amosando o informe que elaborou para o Instituto das Mulleres sobre TCA. / JOSE LORES

No marco das xornadas formativas «A cosificación e a mercantilización do corpo das mulleres», organizadas polo Concello de Vigo a vindeira semana, a doutora en Psicopedagoxía e psicóloga viguesa María Calado impartirá a conferencia «Ser muller e estar delgada: da violencia estético-saudable a un enfoque de saúde en todas as tallas».
-Considera que a extrema delgadeza dos 2000 está regresando como canon de beleza? Cales diría que son as causas?
-Diría que máis ben continúa a presión estética sobre as mulleres para que estean moi delgadas e penso que principalmente se debe a motivos económicos, porque está constatado que hai un montón de industrias que viven das inseguridades e da insatisfacción corporal normativa que temos as mulleres. A cosificación e a presión estética sempre estiveron presentes, en diferentes culturas e distintos séculos, o que cambia é o tipo de cosificación en función do paso do tempo e das modas.
-Esa presión estética, ademais de manter o foco no peso, semella que se desprazou cara a homoxeneización do rostro. Que papel xogan nisto as redes?
-Totalmente. Un dos exemplos podemos velo na campaña de Zalando, na que aparece Uma Thurman, quen vai pola rúa comparando como van vestidas as demais persoas para coller ideas para vestirse e todas teñen en común o ideal estético do modelo Barbie: son rubias, delgadas e co mesmo corte de pelo. Isto é algo terrible. Penso que cada vez hai unha maior presión por ir vestido igual, por acadar un aspecto homoxéneo con respecto ao pelo ou á tez, e isto choca coa diversidade de corpos e rostros en función da súa bioloxía, da súa idade, das súas orixes, cando saímos á rúa. Con respecto ás redes sociais, están xerado novas formas de malestar relacionadas co corpo e a alimentación que aínda non aparecen nos manuais médicos oficiais, pero xa afectan a millóns de mulleres. A ortorexia, por exemplo, é a obsesión patolóxica por comer só alimentos puros ou saudables. En Instagram, case a metade das que seguen contas deste tipo amosan sinais deste problema fronte a menos do 1% da poboación xeral. Tamén sucede que moitas mulleres novas eliminan grupos enteiros de alimentos baseándose en informacións falsas. Por outra banda, a dismorfia dixital aparece polo uso constante de filtros de beleza. As adolescentes, por exemplo, están afeitas a verse retocadas e acoden ao cirurxián plástico pedindo parecerse a esa versión con filtros de Snapchat ou Instagram. Adolescentes, cada vez máis novas e novos, piden bótox preventivo, recheo nos beizos ou intervencións no nariz para parecerse a eses estándares dixitais. Estas realidades existen e causan sufrimento antes de que a mediciña as recoñeza oficialmente como trastornos, deixando ás afectadas sen diagnóstico nin tratamento axeitado.
-E eses ideais de beleza practicamente son inalcanzables. Moitas veces, aínda cumprindo con ese canon, son habituais os comentarios sobre o aspecto físico.
-Claro. Unha das cuestións que sempre destaco nas miñas intervencións é que as influencias son múltiples. Por unha banda temos a presión dende as redes sociais, os medios de comunicación ou as industrias interesadas en que consumamos determinados produtos, pero tamén existe a presión na contorna próxima, como familias, parellas ou amizades, nas que non está mal visto que se xulgue os corpos das mulleres. É por isto que penso que debería haber máis campañas de concienciación e sensibilización sobre as repercusións que este tipo de comentarios poden ter.
-Mesmo repercute nas carreiras profesionais, como foi o recente caso de Nelly Furtado.
-Totalmente. Na campaña deste 25N fixen un vídeo titulado «Taylor ya no encaja: Edadismo estético y presión corporal en la fama», no que a través de letras das súas cancións vemos como afonda nesa presión estética e como, cando están cima, sempre haberá quen as compare con como eran na mocidade ou con mulleres máis novas.
-De que outras formas inflúen nas mulleres estas presións estéticas?
-Indudablemente na saúde mental. Dende a pandemia os trastornos da conducta alimentaria (TCA) experimentaron un incremento e tamén está moi vencellado coa ansiedade e depresión. Por outra banda, na economía, porque a presión estética incita a gastar nestas industrias para acadar determinada apariencia. Se temos en conta a feminización da pobreza, xa que os nosos salarios son menores e non ocupamos tantos altos cargos, e se a isto lle sumamos que gastamos moito máis para lograr certas apariencias, isto repercute aínda máis na nosa economía.
-E como é posible construír unha ollada máis diversa cara os corpos?
-É difícil cando dende ámbitos educativos e sanitarios segue manténdose unha mirada «pesocentrista», porque segue asociándose que unha persoa está enferma ou non en función do seu tipo de corpo, única e exclusivamente por un parámetro físico. O primeiro que temos que traballar é que ter un determinado corpo pode resultar un factor de risco para desenvolver ou non unha determinada enfermidade, pero non é o único que hai que analizar. Cómpre facer pedagoxía corporal, do respecto das persoas en todas as tallas e non asociar enfermidade a un determinado corpo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Cambio de rumbo para las cabañas turísticas de Bueu, que salen a la venta
- Al menos cinco personas estafadas en el área de Vigo por una oferta de empleo publicada en Milanuncios
- Davila 09/12/2025
- Las denuncias al presidente de la diputación de Lugo por acoso sexual: «Me dijo que debía acostarme con él si quería ser funcionaria»
- Davila 10/12/2025
- Acoso en las redes y amenazas a una peluquería canina de Bueu por la muerte de un perro
- Sandra Osorio, la campeona de España de pesca submarina que aprendió sola en Vigo: «Era un deporte de hombres y nadie quería venir conmigo»
- Vigo cambiará todas las placas de sus calles, pero ¿qué ocurrirá con las que tienen valor histórico?