Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Antón Reixa: de estar en coma a converterse en bailarín

«Teño 68 anos e non é a mellor idade para comezar na danza. Pero empecei», confesa o artista que baila a pesar de ter unha discapacidade do 65%. A obra chega a Vigo este venres, vén de amosarse en Alemania e o ano vindeiro pasa a América

Reixa e Kirenia, en "Cicatriz".

Reixa e Kirenia, en "Cicatriz". / K. Danza

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Sobre as táboas de «Cicatriz», a bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez Acosta e o poeta e agora bailarín Antón Reixa. Ela acumula máis de 25 anos de xiros e chimpos sobre o palco pero tamén unhas lesións que trata de esquivar en cada espectáculo para sacalo adiante. El aprende cada día a sobrepoñerse ás secuelas do accidente de tráfico que lle deixou unha discapacidade física do 65% tras permanecer días en coma.

Os ollos ven o trazado dos seus corpos e o cerebro pensa que quen diría que é a primeira vez que Reixa se entrega á coreografía pautada. «A danza contemporánea era un código que non lograba entender», confesa el.

A primeira lección de corazón foi co espectáculo «Afectos» –coprodución de Kirenia Danza co Centro Coreográfico Galego– no que a danza e os versos de Reixa experimentaron a súa intersección. El limitouse a ser un espectador «encantado».

Antón Reixa: bautismo bailarín aos 68

Antón Reixa: bautismo bailarín aos 68 / K. Danza

A segunda lección chegou cando Kirenia Martínez lle pediu ao cantante de Os Resentidos que escribira un poemario completo para un novo espectáculo. O resultado foron 500 versos que falan do desexo. «Todos empezan pola palabra quero», destaca Reixa.

Despois xurdiu un novo chanzo. «Díxome que tiña que estar en escena con ela. Eu pensaba que era recitando. A sorpresa foi que tiña que bailar», confesa.

Bailarín aos 68 e tras pasar un coma

Aí comeceu un «adestramento acelerado de catro meses. Primeiro, tiven que poñer o meu corpo en forma xa que teño unha discapacidade física do 65% despois do último accidente (de tráfico) que tiven», explica o artista.

«Teño 68 anos e non é a mellor idade para comezar na danza. Pero empecei. Botei man –sinala Antón Reixa– de vídeos e libros. O resultado vouno amosar este venres no Auditorio Municipal de Vigo ás oito da tarde».

O espectáculo –coproducido polo Centro Coreográfico Galego– ten carácter inclusivo. «Desafía as discapacidades físicas; tamén o edadismo», resume el.

A principal secuela de Reixa é unha neuropatía, «que é unha dor constante e permanente nas pernas. Pero, coa danza e co exercicio, a verdade é que fun mellorando moito. Fun coñecendo o meu corpo. Aprendín que é moi importante a respiración».

Cos códigos da danza contemporánea

Ademais de incluír o exercicio físico na listaxe de deberes –Reixa nunca o incorporara ata o de agora–, o novo bailarín fíxose cos códigos da danza contemporánea, en especial, co código de solidariedade: «Tes que ceder o teu peso; soportar o peso da outra persoa».

Pero, sobre todo, o que fora presidente da SGAE e que dirixiu a adaptación ao cinema de «O lapis do carpinteiro» de Manuel Rivas resalta que tivo que «vencer» prexuízos que posuía ao redor da danza contemporánea. «Non é acrobacia; ten que ver moito coa emoción e cunha expresión plástica. Por iso, eu puiden ir avanzando no proceso», completa.

Galicia, Huesca, Baviera e América

«O que pensaba que ía ser unha estrea e nada máis converteuse nunha xira que ata me levou a un festival de Alemania na Baviera e que pronto me levará a América o ano que vén. É un espectáculo que ao final ten que ver co que fixen estes anos e que ten que ver coa performance, coa posta en escena da poesía. Voume sentindo moi a gusto pero tamén moi compracido porque, se seguimos, é porque en cada sitio o espectáculo vai gustando», resalta.

A arela é que tamén vaian xurdindo novas datas no Estado español. A esperanza deposítase tras asistir semanas atrás á Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca donde se puxeron en contacto Reixa e Kirenia M. Acosta con varios programadores culturais.

Os Resentidos, coa súa formación actual con Reixa.

Os Resentidos, coa súa formación actual con Reixa. / ALBA VILLAR

Unha reflexión sobre o desexo e as arelas

En canto ao sentir da obra, resalta que «é unha reflexión sobre o desexo. Hai que pensar no desexo de ter desexos. A vida faise tediosa e deprimente. É unha tese que presento nesa batería de 500 versos cunha voz en off da actriz Antela Cid (a súa filla) que declama os poemas baixo o traxe da spoken word para «crear unha atmosfera sonora», matiza Reixa. Esa voz vai acompañada da música dixital de Marcos Payno e Bruno Baw para bailar.

Os desexos para Reixa nesta montaxe diríxense cara a «unha motivación para seguir vivindo. Tamén hai desexos que teñen que ver co corpo; outros son máis ben sociais ao ter que ver coa política ou coa conservación do medio ambiente». Para o autor «o conxunto de desexos debería configurar unha sociedade mellor e unha vida máis levadeira para todos».

Kirenia Martínez e Antón Reixa, nunha foto promocional da obra de danza "Cicatriz".

Kirenia Martínez e Antón Reixa, nunha foto promocional da obra de danza "Cicatriz". / K. Danza

Ante estas ideas positivas, xorde a cuestión de por que incluír barrotes nas escenas. Están enxaulados os protagonistas? Séntense pechados? Reixa contesta: «Non; é un elemento escénico que debería simbolizar o territorio da vida do que se entra, do que se sae. Os barrotes permiten ser movibles ao longo do palco».

O poemario de "Cicatriz" será publicado por Elvira

Outra pregunta xorde ao redor do título de «Cicatriz». «É porque o desexo ten secuelas, deixa cicatrices en ti no teu paso pola vida», resume o poeta.

Arestora, dúas vías a maiores se abren para el. Por unha parte, a publicación do texto do espectáculo. O poemario verá a luz como libro coa Editorial Elvira en breve. Por outra, a propia exercitación física: «Eu era un absoluto inimigo do deporte, nunca fixen nada. E aquí fago exercicio que ten sentido porque está en función de que execute o espectáculo. Con el, coñezo mellor o meu corpo e voume sentindo mellor. Os días que actúo con esta obra son días que agradezo».

A montaxe –de 50 minutos de duración e en galego– pode verse este venres día 14 no Auditorio Municipal de Vigo coas entradas a dez euros.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents