Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Literatura oral que dilúe fronteiras

Comparando cantigas populares galegas previas a 1885 coas compiladas en Portugal, os investigadores Domingo Blanco e Carlos Nogueira deron con máis dun centenar idénticas. Ponte... nas ondas! alumea un novo cancioneiro galego-portugués que será presentado a finais de mes no Culturgal

Ilustración de Meixide para o Cancioneiro.

Ilustración de Meixide para o Cancioneiro. / Andrés Meixide

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Santo San Xusto da Fraga, / casamenteiro das vellas, / por que non casais as mozas, / qué mal vos fixeron elas?», cantiga galega datada en 1785, compilada no volume Poesía popular en Galicia. «S. Gonçalo de Amarante,/ casamenteiro das vélhas! / Porque não casais as novas? / Que mal vos fizeram elas?», cantiga presente no Cancioneiro de Celorico de Basto, publicado en 1935. Diferenciados unicamente polas referencias locais, a comparativa destes dous cantares é tan só un dos máis dun centenar de exemplos de literatura oral e popular compartida entre Galicia e o norte de Portugal que os investigadores Domingo Blanco e Carlos Nogueira lograron cotexar analizando unha escolma de cantigas populares galegas previas a 1885 coas compiladas no país luso a principios do século XX.

En plena era dixital e no marco do seu 30 aniversario, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, en colaboración coa Deputación de A Coruña, vén de alumear un novo cancioneiro galego-portugués que dá conta dun patrimonio común na área occidental da península ibérica entre o Cantábrico e o Douro, un fondo traballo de investigación elaborado por dous especialistas na materia: Domingo Blanco, quen se ocupou de analizar a oralidade galega, e Carlos Nogueira, experto na portuguesa. Grazas ás dúas autorías, «O Cancioneiro Galego - Portugués», que será presentado ao público o vindeiro 28 de novembro no Culturgal (Pontevedra), amosa a afinidade das letras compartidas no tempo polas sociedades galega e portuguesa, moitas das cales seguen cantándose e bailándose en festas e romarías de ambos territorios.

Sobre este proxecto, que aspira a converterse nunha ferramenta para a transmisión desta cultura común entre as novas xeracións de ambas rexións e que se completa cunhas fermosas ilustracións de Andrés Meixide, o presidente de Ponte…nas ondas!, Santi Veloso, destacou que «este patrimonio común que sobreviviu por enriba das fronteiras reflíctese neste cancioneiro tradicional que se mantén vivo nos territorios da lusofonía e nós, como sociedade, temos a responsabilidade de coidalo e transmitirllo ás novas xeracións. Ponte…nas ondas! reivindica a existencia dun patrimonio común galego-portugués e este cancioneiro é unha achega imprescindible para o seu coñecemento e a súa difusión».

Comparativa de cantigas incluída no cancioneiro de Ponte... nas ondas!

Comparativa de cantigas incluída no cancioneiro de Ponte... nas ondas! / O Cancioneiro Galego-Portugués

O pobo que o mantivo vivo

«O Cancioneiro Galego - Portugués», que xa é posible revisar na páxina web da asociación cultural, inclúe estudos comparativos por parte de Domingo Blanco e Carlos Nogueira onde ambos autores contrastan aspectos como a métrica, a rima e as variantes que viaxaron dun lado ao outro da fronteira.

Pola parte galega, Domingo Blanco explica que «nesta comparativa entre as cantigas populares galegas anteriores a 1885 e as de Nogueira, recollidas en torno a 1920 e 1945 en Portugal, sobre todo Cancioneiro de S. Simão de Novais, atopamos que moitas son practicamente as mesmas, de feito comprobamos que máis de 70 son idénticas, son as mesmas cantadas en Portugal e en Galicia, neste caso, 150 anos antes. Eu engadín outra comparativa entre o cancioneiro de Carlos do 2000 e as mesmas cantigas galegas e logrei sacar preto de 60 máis semellantes, é dicir, amósase así que entre o cancioneiro popular galego e o portugués hai moito de común. A publicación ten tamén un fin didáctico, a escolma de cantigas presentadas están pensadas para a escola, para que se poidan estudar tanto nas aulas galegas como portuguesas».

A xente do pobo nunca deixou de cantar as mesmas cantigas no norte de Portugal e en Galicia

Domingo Blanco

— Coautor

En canto ás temáticas presentes nestes cantares, Domingo Blanco comenta que «non son especialmente orixinais e están na liña do folclore e da tradición oral do ámbito europeo. Os principais temas que atopamos nestas cantigas son a familia, a vida cotiá, o galanteo, o sentido da vida e, por suposto, o traballo. Aparecen personaxes coma carpiteiros, mariñeiros, ferreiros... E tamén teñen moita importancia as liortas, entendidas como rivalidades, liortas entre aldeas, parroquias, entre homes e mulleres ou entre os da mariña e os da montaña», analiza o investigador, quen engade: «Non son dunha lírica extraordinaria, pero son os grandes temas que preocupaban á xente normal e corrente, a galegos humildes sen moita preparación literaria e cuxas principais preocupacións eran as cousas do día a día, o amor ou o traballo, e sobre o que cantaban tanto para socializar como para divertirse».

Neste senso, o coautor de «O Cancioneiro Galego-Portugués» xunto a Carlos Nogueira fai referencia a que a oralidade, en concreto a través das cantigas, era a «única alternativa» do pobo para, dalgún xeito, deixar rexistradas as preocupacións de toda a comunidade. Así, o investigador indica que «falamos de xentes que só tiñan un idioma, galego ou portugués, que non dominaban a escritura, e o seu contacto co mundo era puramente a través da oralidade, a través do propio idioma, e cantaban». Así mesmo, Domingo Blanco sinala que «hai que dicir que non só as preocupacións estaban presentes, a diversión e a agresión, que se domesticaba na literatura, convertendo a mala uva en literatura oral, en arte, fabricaban estas cantigas que unían moito máis que separaban».

Do proxecto deste novo cancioneiro, Domingo Blanco pon en valor que, «aínda que diferenciada a día de hoxe, temos que quedarnos coa idea de que somos a mesma cultura» e conclúe apuntando que «no século XVIII, cando os eruditos que sabían escribir escoitaban cantar á xente analfabeta, esa literatura común xa existía, a xente do pobo nunca deixou de cantar as mesmas cantigas no norte de Portugal e en Galicia, temos diferenzas, pero hai máis elementos de unión entre ambas rexións que elementos que nos separen».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents