Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Cris Iglesias Actriz en «Un fantasma en la batalla», película sobre ETA en Netflix

«A primeira manifestación á que fun foi a de Miguel Ángel Blanco; tiña 4 anos»

Cris Iglesias abráianos en cada papel. Actúa en «Un fantasma en la batalla», no catálogo de Netflix, sobre unha axente infiltrada en ETA. Para esta coruñesa afincada en Vigo, «todo o que sucede na vida é material artístico. A través da arte intento comprender as persoas, o mundo, a vida».

A actriz Cris Iglesias fíxose famosa co seu papel en «Fariña».

A actriz Cris Iglesias fíxose famosa co seu papel en «Fariña». / C.I.

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

¿Como foi a súa entrada en «Un fantasma en la batalla?

A directora de casting, Juana Martínez, traballara comigo en «Tratamos demasiado bien a las mujeres».Para o filme de Díaz Yanes entrei para este personaxe de reparto. Fíxome moita lusión. Por parte da produción están Bayona, Atienza e Sandra Hermida que foron produtoras de «La sociedad de la nieve». Eu teño a Agustín como un referente no cinema español.

Vostede era moi pequena cando foi o abandono das armas de ETA. Como preparou o papel?

Inda que eu era pequena, teño moi presente o conflito no País Vasco. A primeira manifestación á que fun na miña vida foi a de Miguel Ángel Blanco. Tiña uns catro anos. Teño moi gravado ese momento. Na miña casa, sempre se falou disto. Meus pais explicáronmo. Eu sempre considerei importante coñecer a realidade daquel momento. Foi unha guerra por dicilo dalgún xeito. Viñamos dunha ditadura anterior e houbo vítimas polas dúas partes. Aquí, cóntase un punto da historia. Grazas á produtora, falei con xente que falou desarticulando o comando. Falamos con grupos policiais que nos contaron as vivencias. Foi impactante. Inda falta moita memoria histórica para sanar esa ferida neste país. Sería importante analizar por que pasou todo iso.

Que lle chamou a atención?

Chamoume moitísimo a atención a cantidade de dor e como se puido chegar ata aí, como se puido perder tanto a cabeza por parte dun comando terrorista e como é posible que pasase iso dentro dun país. Ao final, en todo o pobo de Euskadi, foi moi dolorosa esa historia; tamén por parte dun Estado que foi inxusto e moi duro co pobo do País Vasco.

O filme, de feito, trata de pasada as torturas no cuartel de Intxaurrondo.

É importante coñecer a realidade dos conflitos para entender que hai vítimas por ambos os lados. Hai vítimas de ETA pero tamén hai vítimas da represión policial. O inxusto é a xente inocente que acaba sendo unha vítima.

Como foi traballar con Yanes?

É un gusto traballar con el; é moi respetuoso co oficio do actor e da actriz. Sabe moito de cinema pero tamén confía en que ten diante. Deixa liberdade. Había moito mimo en cada plano. Aprendín moito de facer cinema ao grande.

O filme paréceme máis redondeo que «La infiltrada».

O nexo é o mesmo conflito pero son dúas películas diferentes. Están cercanas no tempo pero na narrativa e no enfoque non teñen nada que ver. Son películas distintas e marabillosas. «Un fantasma en la batalla» está moi ben feita.

Fixo de Virxinia, a muller de Castelao, en «Antes de Nós», rodada en galego e que estivo meses entre os filmes españois máis vistos.

«Antes de Nós» foi unha pasada en Galicia pero tamén no resto de España. É unha peli moi ben feita. Estou orgullosa de que sacaramos á palestra á Virxinia Pereira, unha muller descoñecida para moita xente cando é fundamental na historia de Castelao e de Galicia. Fáltalle recoñecemento histórico a ela por todo o que fixo por Galicia. Grazas a ela, Castelao puido brillar.

Netflix era criticada antes por entrar no cinema.

A cultura é un ben que hai que financiar. Este tipo de plataformas reinvirten en dar oportunidades, en facer moitas producións. Están contratando produtoras galegas. De momento, a produción propia e a allea son compatibles. É importante atopar un nexo entre facer un cinema más humilde e o cinema con máis posibilidades. Pido que confíen nos elencos locais.

Está na segunda tempada de «Clanes»?

Estou, estou e o meu personaxe crece. O personaxe de Torres colle un camiño interesante. Non podo contar máis.

Vostede imparte un obradoiro de teatro no rural galego.

É un proxecto de teatro comunitario para mulleres do rural. Eu fixera un proxecto coa Deputación de Pontevedra anos atrás e agora a través da Dirección Xeral contra a Violencia de Xénero realízoo en cantro concellos: Viana do Bolo, Trasmiras, Ribadumia e Arzúa. Facemos varias sesións e obradoiros que acaban nunha mostra aberta. Estou moi contenta. O teatro é unha ferramenta social e pedagóxica moi potente. Estas mulleres sustentan o país. Se non fora por elas, non sei que faríamos nestes pobos. Estas mulleres teñen dereito a ter os seus espazos lúdicos comunitarios. O teatro pode ser terapéutico.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents