Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A cara b ‘descoñecida’ de Castelao

Coñece a sociedade actual quen foi realmente Castelao? Por que algún grupo da poboación só sabe que foi escritor e debuxante? E por que non saben que foi un dos construtores da nación galega? O grupo de teatro Chévere válese do seu coñecemento e descoñecemento para preparar a súa nova obra, «Ictus». Ao IES Santa Irene de Vigo, levaron o Gernika galego para falar coa rapazada.

Xesús Ron de Chévere, co alumnado do IES Santa Irene de Vigo e o cadro de Castelao «A derradeira lección do mestre»

Xesús Ron de Chévere, co alumnado do IES Santa Irene de Vigo e o cadro de Castelao «A derradeira lección do mestre» / Marta G. Brea

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

«Hai coñecemento da figura de Castelao pero vemos que sempre está determinado cara consideralo como escritor», reflexiona Xesús Ron, dramaturgo e director teatral en Chévere, compañía galega que logrou o Premio Nacional de Teatro no 2014.

Neste 2025, celebramos o Ano Castelao por mor do seu 75 cabodano. Para averiguar que sabe a sociedade galega actual sobre o político e autor galego, a xente de Chévere leva percorrendo Galicia dende o ano pasado amosando unha reprodución do cadro «A derradeira lección do mestre» que pintou el.

Sinala Ron que a pintura «é o punto de partida e o fío da historia» do novo espectáculo da compañía, que levará o nome de «Ictus». Trátase dunha coprodución co Centro Dramático Nacional que conta co apoio de Agadic, da Consellería de Cultura.

«Fixemos –sinala– unha reprodución do cadro a tamaño real [dous metros de alto por 1,6 de ancho]» para levalo por diferentes lugares de Galicia, incluída a Universidade de Santiago. En cada sitio, ían preguntando á xente se coñecía a pintura, os seus personaxes e a súa simboloxía.

«A ruta do cadro acabou no IES Santa Irene de Vigo (a finais de outubro). Estivo alí 15 días exposto. Acompañábao un código QR cun test cunha serie de preguntas sobre o contexto da pintura e a interpetación que cada persoa daba dela», engade Xesús Ron.

Non foi o único centro de ensino secundario onde o amosaron e onde ofreceron unha charla e coloquio. A conclusión do director de Chévere é que a rapazada descoñece en xeral a figura política de Castelao.

«Algúns indicaron que facía ilustracións, viñetas xornalísticas, que era pintor. A uns poucos, sonáballes como galeguista, a outros como político. Castelao é unha figura que está na conversa pública pero non se estuda en detalle na escola onde se fixan nas súas obras escritas», reflexiona.

«Non me sorprende», sinala o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, autor da biografía máis completa ata agora do xenio de Rianxo. «Antes, a escola actuaba como formadora. Na escola, podían ter unha biblioteca ou unh enciclopedia. Era máis controlable a información. Tamén estaba a Igrexa como formadora. Agora, cada persoa ten na súa man un trebello máxico, o móbil, que permite que teñas acceso a toda a cultura do mundo. E é o móbil o que máis forma agora. Esa información constante fai que a información da escola se dilúa porque non é tan atractiva», reflexiona Seixas.

Xesús Ron de Chévere, co alumnado do IES Santa Irene de Vigo e o cadro de Castelao «A derradeira lección do mestre»

Xesús Ron de Chévere, co alumnado do IES Santa Irene de Vigo e o cadro de Castelao «A derradeira lección do mestre» / Marta G. Brea

Deste xeito «as horas de clase non son suficientes para que a rapazada teña unha bagaxe para coñecer a xente como Castelao, Otero Pedrayo... Dende a cultura galega, habería que facer cousas interesantes. Por exemplo, para a mocidade, sería máis atractivo ver unha serie sobre Castelao que ir ao Museo de Pontevedra ver a súa obra nas paredes».

Pola súa parte, admite Ron que «os adolescentes saben máis do que falan e iso é un atranco» para abrir un debate. Porén, ante a pregunta de quen era Alexandre Bóveda, moi poucas rapazas e rapaces de instituto dixeron coñecelo no tour de Chévere. Tampouco sabían que amosaba o cadro que tiñan endiante, «A derradeira lección do mestre».

Mais non son os únicos. Dende Chévere sinalan que «o detonante» de «Ictus» foi cando a pintura chegou da Arxentina no 2018 para ser amosada en Galicia na Cidade da Cultura para unha exposición. A compañía lembra que, antes da inauguración da mostra, o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, sinalou que «se trataba dunha obra moi significativa (...) pola lección histórica que representa, a homenaxe que dedica aos mestres».

Porén, en realidade, a obra pictórica non é un tributo aos profesores. Dende Chévere, subliñan que, nesta pintura, «Castelao quixo ofrecer un testemuño contemporáneo da violencia desatada en Galicia polos autores do golpe (militar) de 1936».

O protagonista é Alexandre Bóveda, a persoa que está sen vida deitada no chan tras ser fusilado xunto a dúas árbores. Dous nenos o choran. A imaxe non é nin foi ficción; resume o asasinato do pontevedrés o 17 de agosto de 1936 en Poio.

Bóveda era funcionario do Ministerio de Hacienda; participara na creación da primeira caixa de aforros galega e era contable do Instituto Bioquímico Miguel Servet, precursor da empresa biotécnolóxica Zeltia. Foi fusilado por ser un dos impulsores do Partido Galeguista, ter un papel importante na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia do 36 –antesala do actual– e ser responsable da campaña de propaganda do mesmo para o plebiscito popular do 28 de xuño de 1936 que o aprobou.

«Quen decide o que lembramos ou esquecemos como sociedade? Como se escribe ou reescribe a historia?», preguntan os Chévere na documentación de «Ictus». «Nós funcionamos con preguntas. Habéra algunha relación entre que a xente nova perda a confianza na democracia e que estean morrendo as derradeiras persoas que viviron o golpe do 1936?», engaden.

Seixas indica que «sería importante que A Galega e outros medios de comunicación prestaran máis atención á cultura galega. Hai valores que se aprenden ao coñecer a Historia. É fundamental ter independecia intelectual e logo económica. Iso faise con cultura».

Unha réplica do cadro de Castelao «A derradeira lección do mestre», exposto no IES Santa Irene de Vigo

Unha réplica do cadro de Castelao «A derradeira lección do mestre», exposto no IES Santa Irene de Vigo / Marta G. Brea

Unha figura esencial para a nación galega

Castelao: médico, debuxante, escritor e político. Asegura Henrique Monteagudo –hoxe en día presidente da Real Academia Galega– no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega que en Castelao «cultura e política van da man, como nunca deixará de acontecer ata o final da súa vida». El foi e é unha figura esencial para a nación galega.Foi xunto a Alexandre Bóveda impulsor do Partido Galeguista. O político rianxeiro acudeu ás eleccións xerais do 1936 formando parte da Frente Popular que gaña as eleccións. Castelao foi o deputado máis votado en Galicia.O novo goberno abre a porta a aprobar un Estatuto de Autonomía para a rexión galega. Este establecía que Galicia ía organizarse como unha rexión autónoma. É dicir que xa non tería que depender para todo do goberno de Madrid e podería tomar decisións propias e ter leis de seu. Abría a porta a ter eleccións en Galicia e un presidente con órgao de goberno propio.

O xermolo da Xunta de Galicia actual ten as súas raíces nese texto que promoveron Castelao e outros políticos. Castelao entrega o texto do Estatuto nas Cortes en Madrid e alí sorpréndeo o golpe de estado militar do 18 de xullo de 1936.Defende a República pedindo apoios na Unión Soviética e Estados Unidos. Alí, afronta a caída do goberno democrático. Coa fin da guerra, convértese en exiliado. Se volve a España, sabe que sería asasinado. Acabará morrendo no 1950 en Bos Aires. Os seus restos volverían no 1984 ao Panteón dos Galegos Ilustres de Bonaval en Santiago onde proseguen. Alí tamén está soterrada Rosalía de Castro.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents