Diana Vilas: «Inda temos carencias no coñecemento da obra de Castelao»
A historiadora analizou as estampas do autor, que só no FARO DE VIGO e no xornal «Galicia» publicou un milleiro | Carbalho Calero defende a «arte reivindicativa» do rianxeiro

María Victoria Carbalho-Calero, Diana Vilas, Sara Alonso e Carolina Sertal (e-d). | J. Lores | JOSE LORES

Despois de 75 anos da morte de Castelao, sabemos polo miúdo da súa vida, da súa obra e do seu legado? A doutora en Historia da Arte Diana Vilas asegurou onte no Club FARO que «inda temos carencias no coñecemento da súa obra». Para ela, quedou evidente ao preparar a súa tese doutoral sobre o político e autor galeguista, para a que analizou as estampas que publicou o rianxeiro en diferentes medios como FARO DE VIGO e o xornal Galicia.
Ademais de Diana Vilas, interviñeron a catedrática de Historia da Arte María Victoria Carbalho Calero e a catedrática coordinadora da biblioteca do IES Castelao de Vigo, Sara Alonso Pimentel. Todas elas son colaboradoras da Asociación Cultural Pertenza e foron presentadas pola xornalista de FARO Carolina Sertal.
A primeira en falar foi Sara Alonso. Comezou resaltando que o IES Castelao de Vigo é o único centro de ensino medio na Galicia que leva o nome do ilustre persoeiro galeguista. Foi a escritora e académica Marilar Aleixandre –que impartiu aulas nel décadas atrás– quen propuxo no curso 1976-1977 que levase o nome do autor de Os dous de sempre. Porén, a iniciativa foi rexeitada nun primeiro momento para despois triunfar nun segundo intento.
Alonso resaltou a importancia de dúas mulleres na vida de Castelao: a súa nai e a súa muller, Virxinia Pereira. Sobre esta última, lembrou que «pasou moitas horas soa e mesmo se fala dunha aventura extramatrimonial. Sinálao na biografía que fixo Valentín Paz Andrade. Parece que el tivo unha aventura cunha pianista inglesa, Mary Fischer, á que retratou espida. É o seu único cadro destas características. Perdoado, pasarán Virxinia e el polo transo da morte do fillo con 14 anos que os levará a viaxar pola Bretaña. Esta época foi recollida por Ángeles Huerta na película Antes de nós», indicou para engadir que por mor dos problemas de visión de Castelao, «Virxinia axudábao na realización dos seus debuxos». «Ela coidouno sen descanso en Bos Aires ata o seu falecemento», agregou.
«Tras a morte de Castelao dedicou o resto da súa vida a cumprir os seus desexos», apuntou. «Se non fora por ela, a obra de Castelao non estaría reunida no Museo de Pontevedra», concluíu. Tamén fixo alusión a Maite Otero Sande, que realizou o primeiro traballo en galego sobre Castelao, unha tese da que non consta se foi ou non presentada; e a Olegaria Dieste, quen non volveu saír da súa casa desde que Castelao e Virxinia casaron xa que estaba namorada del.
A segunda intervención foi a de Diana Vilas, quen presentou este ano a teses «Imaxinarios da nenez na obra gráfica de Castelao. Para este traballo, realizou a súa propia antoloxía de estampas publicadas en Galicia, Diario de Vigo e FARO DE VIGO. Nas ilustracións, amosa os quefaceres dos nenos pero tamén como estes miran para o mundo dos adultos opinando sobre o caciquismo, o respeto sexual pola infancia, a fame e a pobreza, o traballo infantil, os métodos represivos do profesorado ou o analfabetismo.
Destacou que estas ilustracións serviron para defender a lingua galega: «As estampas son o único fragmento do xornal no que aparece o galego nesta época». También subliñou a importancia nelas da defensa da dignidade: «O peculiar da mirada de Castelao sobre os nenos é a consciencia deles. Algúns nenos falan de vingar o maltrato na nai (...) El fala deles como potencialidade de cambio, vinculado á idea de dignidade».
A última en falar foi a catedrática María Victoria Carbalho Calero quen se centrou na estética artística de Castelao. Recolleu que se observa na súa obra o estilo modernista da época. «Mais logo o estilo dos grandes álbumes de Nós ou da Guerra Civil é un avance da estética do expresionismo.
Defendeu que Castelao cultivou «unha arte reivindicativa» e que «Castelao é sentido polo pobo galego moito máis que como un político. A través da actividade artística que vertebra a galeguidade acada a condición de valedor do pobo».
Agregou que «hoxe ninguén discute o esforzo renovador estético de Castelao desenvolvido na segunda década do século XX. Trata de formular unha nova linguaxe que superara a práctica rexionalista asentada na arte galega».
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Lorena, madre de prematuras: «En Vigo tenemos una unidad de neonatología top; sienten a los bebés como propios»
- Revolución urbana en la Plaza de España: acelerón a los cambios en la puerta de bienvenida a Vigo
- Mueren en la misma semana los padres de Mari Carmen, la tripulante desaparecida en el “García del Cid”
- Sigue la búsqueda de una lalinense de 53 años que padece brotes de demencia
- La aeronáutica gallega se rearma para el histórico salto productivo de Airbus
- Buscan a un joven desaparecido en Vilagarcía
- Un septuagenario pasa la noche a la intemperie tras desorientarse durante una caminata en Vigo