Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Palcos, arqueoloxía galega da festa

Grazas á colaboración cidadá, o Instituto de Ciencias do Patrimonio, do CSIC, logrou catalogar uns 400 palcos de música espallados polo territorio galego e compilar información sobre as festas asociadas. Liderado por Íñigo Sánchez, o proxecto pon en valor estes símbolos senlleiros da vida comunitaria en Galicia

Palco de música de San Cristovo do Eixo, en Santiago de Compostela.

Palco de música de San Cristovo do Eixo, en Santiago de Compostela. / Cedida

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Vivos, reapropiados, «fósiles» ou lembrados. Co obxectivo de localizar, catalogar e documentar os palcos de música espallados polo territorio galego para estudar a evolución das festas en Galicia nas últimas décadas, sendo estes un exemplo de arquitectura popular e símbolos senelleiros da vida comunitaria, no verán de 2023 deu comezo o proxecto «Palcos», unha investigación do Instituto de Ciencias do Patrimonio, do CSIC, liderada polo antropólogo e etnomusicólogo Íñigo Sánchez Fuarros e a través da cal, grazas á colaboración cidadá, logrouse rexistrar un inventario duns 400 palcos.

Os resultados da investigación, recoñecida co primeiro Premio en Ciencia Cidadá e financiada pola Xunta, veñen de facerse públicos e o responsable do proxecto explicou que, «partindo da pregunta de cal é a relación entre esta cultura material e as festas en Galicia, intentamos identificar e mapear os palcos e para isto levamos a cabo varias estratexias, comezando pola creación dunha plataforma colaborativa na que calquera persoa podía engadir información básica sobre o palco da súa parroquia, cunha foto e a festa que se celebraba ou se celebra nel. Ademais, tamén fixemos un traballo de campo con métodos tradicionais como o de coller o coche e recorrer algunhas zonas de Galicia buscándoos».

Íñigo Sánchez sinalou que nesta primeira fase do proxecto, que se prolongou máis dun ano, «tamén impartimos varios obradoiros entrando en contacto con entidades locais e organizacións vencelladas ao patrimonio que nos axudaron a definir as fontes, porque aínda que é un proxecto de investigación ten un compoñente de ciencia cidadá moi marcado». Neste senso, o responsable de «Palcos» apuntou que «grazas á plataforma colaborativa localizamos 400 e na nosa base de datos tiñamos inventariados a metade», de feito, na web www.palcos.gal, o rexistro segue activo e as persoas interesadas poden continuar nutrindo o catálogo destas construcións tan singulares das festas galegas.

Íñigo Sánchez documentando un palco galego.

Íñigo Sánchez documentando un palco galego. / Cedida

Na segunda fase do proxecto, o equipo de traballo centrouse en estudar casos específicos de palcos para concretar os temas de investigación e Íñigo Sánchez comenta que «unha das cuestións máis recorrentes nos obradoiros ou nos encontros coa xente era que, debido á perda de poboación nas zonas rurais, moitas festas que eran autoxestionadas polos propios veciños daban paso a outras máis ‘profesionalizadas’, nas que son empresas as que o xestionan todo».

Analizando a evolución destes espazos co paso das décadas, dende 1960, o antropólogo e etnomusicólogo destacou que «un dos aspectos que máis nos interesaba era entender a transformación dos usos desta arquitectura». Así, Íñigo Sánchez e o seu equipo estableceron catro tipos de palcos da festa en Galicia: os vivos, que aínda se empregan para as festas, «máis dos que nos imaxinabamos», indicou; os reapropiados, que son os que se empregan para outros usos tales como almacenar leña ou alimento para os animais; os «fósiles», que se atopan en estado de abandono e, por último, os lembrados, «aqueles xa desaparecidos, que foron derrubados, pero dos que a xente segue lembrándose», apuntou Sánchez.

Fóra desta zona non é común que nas aldeas se construíran estes espazos en conxunto, é algo moi propio de Galicia

O investigador pon o foco no «fenómeno» tan senlleiro que son os palcos da festa en Galicia, especialmente nas parroquias, posto que afirmou que «é certo que tamén aparecen bastantes no norte de Portugal e nas áreas fronteirizas con Asturias e León, non afondamos moito nesta cuestión, pero é certo que fóra desta zona non é común que nas aldeas se construíran estes espazos en conxunto, é algo moi propio de Galicia».

Xunto co lanzamento dos resultados de «Palcos», até o vindeiro 23 de novembro tamén será posible visitar no Museo Centro Gaiás a mostra «Arqueoloxía da festa», unha iniciativa na que se contou coa artista sonora e investigadora Matilde Meireles e que forma parte da terceira fase do proxecto: «Queriamos tamén reactivar algún palco fósil e escollemos o de Portomouro, do Val do Dubra, e empregando o son como ferramenta arqueolóxica principal levamos todo o material compilado ao museo», indicou Sánchez.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents