Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O novo Samaín: o culto á morte descafeinado

En Allariz (Ourense) xa case non queda aloxamento entre mañá e o domingo. A razón: o programa de festexos do Samaín que enche as rúas cada ano. Noutros lugares, bares e pubs prepáranse para festas ‘terroríficas’. Por que festexamos o mundo dos mortos? É necesario? Antropológos, un psicólogo, a escritora Ledicia Costas e unha edil alaricana opinan.

Alumnado da Escola Infantil de Aragón en Vigo.  |  Pedro Mina

Alumnado da Escola Infantil de Aragón en Vigo. | Pedro Mina

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

«Vexo a contaminación do Halloween pero penso: A quen non lle apetece unha festa e disfrazarse de morto vivente, bruxa... É divertidísimo. Ir chamando polas casas para que nos enchan o caldeiro das chuches é divertido. Como lle imos dicir a unha nena e un neno que iso non está guai? Pero, ao mesmo tempo en Galicia, temos unha serie de tradicións que é importante coñecer. É un país cunha relación moi estreita coa morte, cos defuntos», reflexiona para FARO a escritora Ledicia Costas, autora de libros que exploran o máis alá para a rapazada («Escarlatina, a cociñeira defunta», «Esmeraldina, a pequena defunta» ou a saga d´ «Os Minimortos»).

Os pequenos, no Samaín da Escola Infantil Aragón en Vigo. |P Mina

Os pequenos, no Samaín da Escola Infantil Aragón en Vigo. |P Mina

O Concello de Allariz é un referente en Galicia na celebración do Samaín. Nesta edición, o seu «Allariz de medo» esténdese do 31 de outubro ao 2 de novembro con xogos de pistas no Museo do Xoguete, a procesión teatralizada da Santa Compaña, baile na Noite de Defuntos e outras iniciativas.

Robyn Blair. |  Vertixe

Robyn Blair. | Vertixe

«Naceu hai 10 anos a idea e vai medrando cada ano. Tamén cada ano varían as escenografías que son amables. O que buscamos é poñer en valor o noso patrimonio inmaterial ao redor do Samaín. As rúas do Casco Vello convértense en lugares onde acontecen escenas, por onde sae a Santa Compaña. É un programa para todos os públicos para preservar a tradición do Samaín», sinala a concelleira de Promoción Económica, María López.

Así, o lecer convértese na mellor arma para afrontarmos o límite entre o mundo terreal e o alén. Énos máis san tirar do humor? «Festexar a morte é algo tremendamente antigo. Non é algo recente nin ten que ver cunha moda actual. Pensar na morte é algo instintivo que temos como especie. Ao mesmo tempo, é algo que non podemos acabar de entender pero temos que afrontalo, así que tomámolo con humor», sinala Xacobe Abel Fernández, presidente da sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Ese humor axuda en especial coa cativada. «Para os nenos, tomalo de forma festiva é un xeito de rirse da morte, de convivir con esa realidade escura e facela aceptable», reflexiona o psicólogo.

O antropólogo e exdirector do Museo do Pobo Galego Manolo Vilar indica que, «antes, o mundo dos mortos e dos vivos estaba máis xunto; non había a diferenza de agora. Hoxe, ocúltase a morte. Celebran o Samaín pero non sei se a xente o vincula co proceso da morte. Agora, vexo que aos nenos non se lles pode falar dela».

Ledicia Costas lembra como hai uns días un amigo lle preguntaba se debía levar a nena ao cemiterio. «Eu contesteille: Por que non? Así ve a outra cara do mundo. Sabe que así temos un día para lembrar as persoas que non están aquí pero que nós facemos que estean. É unha data na que se celebran moitas cousas porque está moi contaminada a través das tradicións de Estados Unidos, que son un refrito. Aquí tamén hai unha tradición interesante».

O antropólogo Rafael Quintía opina que «hai que diferenciar a tradición dos procesos de aculturación entendida esta última como a perda da cultura. A maior parte dos pobos teñen momentos no ano nos que conmemoran os seus mortos. Na cultura galega, tamén temos ese momento. Isto significa que nos poñemos de acordo para nuns días ter presentes os antepasados con ritos colectivos. Estes axudan a construír a identidade colectiva. Temos a festa de Defuntos que continúa co ciclo de magostos porque estes son festas de carácter funerario. Ten un sustrato precristián no que xa se celebraba unha festa ao redor dos mortos, o Samaín. Os romanos tamén tiñan as súas celebracións e o cristianismo apropíase desas datas para reconvertelo».

Quintía vai máis alá: «Pensamos que é norteamericano o de ir polas casas a pedir. Nós en Galicia témolo documentado mínimo dende o século XVI. A Igrexa prohibiuno por considerala unha práctica non correcta. O de tallar cabazas xa se facía aquí antes de que existise a televisión e nos chegara iso do Halloween».

Os magostos funerarios

Este antropólogo galego sinala que o Halloween bebe de tradicións europeas que foron levadas polos inmigrantes aos USA e que alí se converteu «nun produto comercial banalizado perdendo o sentido de lembranza dos mortos para ser unha festa do terror, de asasinos en serie. Na nosa cultura galega, as bruxas non veñen por Defuntos senón por San Silvestre e por San Xoán. No Halloween realmente, non reflexionan sobre a morte; ocultan a morte. É un sinsentido».

Ante as súas verbas podemos concluir que na tradición galega non había espazo para pasalo ben nestes días. Quintía matiza que «no ciclo de Defuntos había momentos para a alegría. Os magostos son festas colectivas nos que as mozas e mozos cantan, tocan, comen castañas, emborráchense, píntanse a cara... «A castaña está vencellada á morte. Comemos castañas cocidas para liberar almas de defuntos. As almas que estalan no magosto son almas que alcanzan o ceo...», agrega.

Para Ledicia Costas, non hai que demonizar o Halloween ou o novo Samaín pero si «sería importante traballar para achegar os nosos ritos».

O Vertixe pecha en Alcabre cunha druída musical

O Festival Vertixe pecha edición hoxe coa homenaxe ao Samaín. Será con «Tolemia», de Robyn Blair, varias pezas para trompa de Heinz Holliger, Tansy Davies, Michael Jarrell, Nina Senk e Daj Fujikura. A cita, ás 18 horas no Museo do Mar. Ía ser ás 23.00 horas en Samil pero a choiva obrigou a cambialo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents