Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os seres fantásticos que agocha Galicia

Sereas terrestres, demos minúsculos, chupasangues, basiliscos, alicornios, mulleres centenarias que viven nos faiados e até unha man peluda que orixina os pesadelos. Anaír Rodríguez rescata nun álbum ilustrado parte dos seres da mitoloxía galega, moitos deles ancestrais, para achegalos ás crianzas

La editora Anaír Rodríguez amosando o álbum ilustrado de seres fantásticos de Galicia, en Edicións Xerais

La editora Anaír Rodríguez amosando o álbum ilustrado de seres fantásticos de Galicia, en Edicións Xerais / Marta G. Brea

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Disque é moi estraño que alguén puidese vela porque aparece ben entrada a noite, cando galegos e galegas dormen fondamente, e paseniño achégase até os seus leitos para pousarse sobre o seu peito e facer das súas: ben causar pesadelos, ben apreixar as gorxas para que as persoas logo esperten cunha sensación de afogo.

Tras esta falcatruada atópase a man peluda, unha man escura chea de pelo que se move sen estar ligada a ningún corpo e é unha das formas que poden adoptar os tardos, seres moi semellantes aos trasnos, pero moito máis maléficos. Porén, malia que de espertar en pleno pesadelo daría moito medo vela, a man peluda é moi covarde, polo que bastaría con enfrontarse a ela para que liscase ou tamén podería ser útil deixar unha cunca con moitos legumes para que se poña a contalos e non se achegue.

Man peluda. |  David Rodríguez

Man peluda. / David Rodríguez

A man peluda é tan só un dos case 30 seres mitolóxicos que habitan en Galicia que Anaír Rodríguez vén de rescatar nun álbum ilustrado polo seu propio irmán, David Rodríguez, co obxectivo de achegar parte deste imaxinario ás crianzas ante a escasez de libros que compilaran estes personaxes de xeito accesible para a cativada.

Publicado recentemente en Xerais, «Guía dos seres fantásticos que viven en Galicia sen que talvez o saibas» naceu precisamente «dunha necesidade persoal», apunta a autora, quen sinala que «dende sempre tiven interese polo mundo da fantasía e, en especial, por todo ese imaxinario dos mitos galegos. Botaba en falta un libro que divulgase todo este patrimonio dun xeito que conectara coas crianzas, porque cando as miñas propias fillas comezaron a interesarse pola mitoloxía, buscando libros sobre a galega e que estivesen escritos cos códigos máis infantís, non atopei».

Botaba en falta un libro que divulgase todo este patrimonio dun xeito que conectara coas crianzas

Foi así como se lanzou a seleccionar aqueles seres mitolóxicos de Galicia que lle resultaban «máis simpáticos e atractivos», e tamén máis descoñecidos, como o caso da man peluda, un dos personaxes que máis lle sorprendeu atopar nas súas consultas e que tanto lembra a «Cousa», da Familia Addams. E é que Anaír Rodríguez comenta que, «afortunadamente, malia que hai pouco material orientado para nenos e nenas, si existen moitos traballos moi rigorosos que recollen este imaxinario de lendas e mitos, como é o caso do ‘Diccionario dos seres míticos galegos’ de Reigosa, Cuba e Miranda. Quedaron moitísimos seres fóra, porque temos unha riqueza tremenda, e o obxectivo foi darlle un novo enfoque, actualizar estes seres de xeito menos etnográfico e máis desenfadado para achegalos ás crianzas de hoxe en día».

Trucos e onde atopalos

Dende seres fantásticos domésticos, tales como os demachiños, demos pequerrechiños que fan meigallos e provocan enfermidades, ou a Tía Xoana, unha muller de 200 anos que vive nos faiados das casas, a quen non lle gustan nada de nada as crianzas e que adoita cagar dentro das potas vellas ou durmir dentro de maletas e caixas, Anaír Rodríguez tamén rescata unha serie de personaxes vencellados a puntos moi concretos de Galicia. Así, a autora do álbum ilustrado presenta seres como a Coca de Redondela, pero que tamén ten presenza en Betanzos e Ribadavia, ou as feiticeiras, un tipo de sereas que habitan nas augas do río Miño, entre as vilas de Arbo e Melgaço.

Feiticeiras. |  David Rodríguez

Feiticeiras. / David Rodríguez

Neste senso, Anaír Rodríguez sinala que «a idea que queriamos transmitir co libro é que en calquera momento podes atoparte con estes seres, que non son unha reliquia do pasado, senón que son personaxes que en calquera momento poden aparecer e que viven en determinados lugares de Galicia. Tamén ten ese punto de xogo, de que penses que se vas facer unha ruta por Arbo preto do río igual aparecen as feiticeiras. Son personaxes divertidos, aínda que algún deles pode dar algo de medo». E é por iso que tamén se inclúen «trucos» para facerlles fronte.

Para Anaír Rodríguez foi moi doado traballar co seu irmán, David, quen cun toque de humor concede un punto «desenfadado» a estes seres nos que tampouco faltan os máis clásicos, tales como as lavandeiras, mouras, mouros, bruxas, meigas, trasnos, biosbardos, lobishome e, por suposto, a tan temida Compaña. A autora conclúe indicando que «é moi valioso saber que son personaxes ancestrais, de hai centos de anos, que podemos seguir reiventando e utilizándoos para explicar os nosos medos e fantasías».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents