Entrevista | María Xosé Porteiro Xornalista, política e escritora
«A maior revolución da historia é a feminista, porque é transformadora»
Pioneira como xornalista, como política e como líder institucional á fronte de medidas históricas a prol da igualdade, María Xosé Porteiro será homenaxeada mañá polo Consello da Cultura Galega, un recoñecemento que lle permite revivir unha traxectoria indisociable da loita feminista

María Xosé Porteiro, onte, en Vigo. / Pedro Mina

O Consello da Cultura Galega rende homenaxe a María Xosé Porteiro mañá co obxectivo de poñer en valor a unha «activista das palabras» referente, pioneira de medidas históricas a prol do feminismo, como a creación da primeira concellaría da muller en Vigo, unha das primeiras do Estado.
—Como foron os seus inicios no xornalismo?
De nova non puiden estudalo e era secretaria, pero un día pasando por diante dunha emisora vimos o anuncio de: ‘Se busca redactor’. O meu mozo subiu porque el si quería ser xornalista e non o colleron. Un xefe de emisión escoitoume falar, fíxome unha proba e gustoulle, foi a radio a que veu buscarme a min. Tiña 19 anos e empecei facendo programas, sen cobrar nada, por suposto, nunha época na que era era fácil entrevistar a Cunqueiro, a Celso Emilio Ferreiro, a toda esa xeración marabillosa de grandes literatos que vivían en Vigo. Logo comecei nunha emisora privada, na que eu era a única muller, e na que me daban un talón mensual, polo que acabou sendo un medio de vida. A mediados dos 80 tamén fun correspondente de El País, a única correspondente muller de Galicia. Eramos unha minoría na profesión, estaban tamén Marisa Real, Luz María Durán, Carmen Parada ou Begoña Caamaño, porén, eu non tiven ningún problema para facer información sindical, que foi un dos meus fortes xunto coa información cultural. Para min o problemá é agora, ao xubilarte, que é cando te dás conta de que foi tempo perdido para a miña vida actual, por iso vexo o pasado con amor e con rancor: con amor porque creo que tiven sorte e con rancor porque tiven o destino de todas, que segue repetíndose e que me produce fonda irritación. Esta oportunidade que me dá o Consello da Cultura Galega de recapitular fai que me ferva moito máis o sangue, que me sinta nalgún momento decepcionada de como evolucionou a sociedade, de ser máis do 60% na profesión e de ver que son poucas as que dirixen, as que fan opinión e as que teñen estabilidade laboral.
—En política tamén tivo que abrir camiño, como lembra a súa incursión neste eido?
O único xeito de ter unha estabilidade laboral foi presentándome a unha praza pública e presenteime á da Radio Galega e a unha no Concello de Vigo. Saquei ambas, pero a Santiago non puiden ir, así que entrei no Concello de Vigo. O PSOE empezaba daquela coa campaña do 25% de mulleres nas listas electorais e como eu traballaba alí e xa era unha feminista coñecida, pedíronme case que por favor que entrara nas listas como independente. Aceptei, pero baixo a condición de que se creara a Concellaría da Muller, porque unha reclamación a gritos de todas as organizacións feministas da cidade daquela era a creación dunha casa de acollida. Naquela corporación fun a única muller, pero logramos apoio para crear a primeira casa de acollida pública de Galicia. Para min tamén foron moi importantes medidas como os cursos de alfabetización que impulsamos no rural dende a concellaría, que había mulleres de 40 anos en Vigo que os precisaban. Era unha mirada ampla e horizontal cara a sociedade, con ideas que partían do movemento feminista, e podo dicir que poucas cousas me dan máis alegría que saber que, dende 1987, todos os gobernos mantiveron aquela concellaría, é algo que debería ser de medalla para Vigo, porque dá conta do seu compromiso. En Vigo o movemento feminista ten tradición e síntome contenta porque puiden participar activamente, tamén dende a política, e non temos que mirar cara atrás con ira tal e como acontece noutros lugares, neste senso.
—Vostede viña de estar a pé de rúa, de estar en contacto co que a sociedade demandaba.
Si, a vantaxe de ser xornalista é que se non vías o que pasaba co feminismo en Vigo é que estabas cega. Outros compañeiros non o vían, pero eu si e tiña cable directo, polo que unha cousa levou a outra. Se non estás no espazo público vendo o que pasa e contándoo, pode pasar desapercibido, pero neste caso si que se deron as circunstancias favorables para facelo e se cadra o mérito está en ter aproveitado unha situación e quitarlle partido.
—Diría que o avance do feminismo na cidade de Vigo está vencellado ao seu carácter obreiro?
Penso que si, sen dúbida. A industria propiciou moito emprego industrial e as mulleres estivemos aí dende o principio, pero as pescantinas, por exemplo, que teñen un traballo máis vencellado ao comercio, tamén, e son moi importantes no sentimento de clase. As mulleres agricultoras que viñan coa patela chea de repolos dende Lavadores ao mercado do Calvario estaban xerando emprego nunha economía na que a súa achega era moi importante para o salario que traía o home do asteleiro. Sempre pensamos no traballo industrial a carón dunha máquina e que é o que nos vencella dende Vigo a ese segmento de actividade, pero penso que tamén está esoutra actividade intermedia. Vigo tamén foi a única cidade galega que recibiu poboación laboral cando se crea a Zona Franca, pero é que con cada home que viña para traballar viña unha familia, e esa muller probablemente fose coidadora, mestra ou tivese outro oficio, é dicir, creo que si se dan unha serie de circunstancias para ese avance, pero sobre todo penso que é a súa posición xeográfica, que é extremadamente interesante, tanto polo porto como pola súa proximidade á fronteira con Portugal, o que o favoreceu.
—Estivo vencellada, así mesmo, ao Consello da Cultura Galega, que foi o máis destacable desa etapa?
Si, foron 8 anos, e estou moi contenta e orgullosa porque nesa etapa foi creado o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, sendo a única institución destas características que inclúe o feminismo como un pilar fundamental da súa investigación e actividade. A idea partiu da presidenta, Rosario Álvarez, pero eu estaba na executiva e levaba temas de igualdade, polo que tiven o enorme privilexio de poder poñelo en marcha. Isto foi moi importante porque todo o movemento feminista de Galicia está aí rexistrado e Vigo está presente ata extremos insólitos. Existe un arquivo documental moi importante, traballado de maneira científica, e penso que pon en valor a Galicia.
—Tendo en conta os discursos negacionistas que veñen agromando nos últimos anos, cal é a súa análise dos tempos actuais en materia de feminismo?
Dende que o movemento «Me Too» pon o foco en 2017 nunha cuestión que se mundializa no 2018, coas manifestacións máis impresionantes que houbo de mulleres de todo o mundo, coreando as mesmas consignas, a partir de aí, empeza o retroceso, a reacción. Casualmente, coincide co goberno de Trump, no que está estudado e publicado que o seu asesor Steve Bannon promove accións para frear iso, e anos despois estamos vendo que está funcionando. A revolución feminista é mundial e é a maior revolución da historia, porque é transformadora, transforma a orde anterior e ademais non produce vítimas. Se cadra atravesa agora unha crise interna, pero o máis interesante para min do movemento feminista é que, non sendo progresivo, tendo idas e voltas e non sendo igual en todo o mundo, é que é imparable.
—Cal é a importancia de darlle voz ás pioneiras? Nota maior desigualdade co paso dos anos?
Hai unha palabra moi difícil de asumir que é vellez, algo que para os homes vai unido a experiencia e coñecemento, pero que no caso das mulleres é sinónimo de decrepitude. Ese idadismo, no caso das mulleres públicas, é un pouco máis evidente. As pioneiras están e se ninguén bota luz sobre o pasado estaremos esquecendo á metade da poboación. Precisamos a súa inspiración, por iso é fundamental que se fagan máis investigacións sobre elas, porque será moi positivo para a sociedade.
—E cal diría que é unha das súas maiores preocupacións na actualidade?
Por unha banda, teño dúas obsesións: o cambio climático e o feminismo, que para min son a grande axenda e están vinculados. Temos que horizantalizar o pensamento e decatarnos de quen están nunha situación de privilexio, é onde hai que poñer o esforzo, por iso digo que a palabra pode axudar, porque se hai que sacrificarse por algo, que sexa por algo que reclama a voz, e aí está o feminismo, como movemento social e colectivo. Aínda que semella que dou moitas queixas, realmente non me interesa tanto falar dos nosos problemas como poñer o foco, por exemplo, nas mulleres rurais que o que fan na súa contorna é manter o territorio namentres loitan contra multinacionais, ou pensar nas mulleres afgás que, cun cambio de goberno, de súpeto xa non se poden nin asomar ás ventás. Quen pensa nelas? Eu si que o fago. E sen dúbida unha das miñas preocupacións na actualidade é a tecnoloxía da comunicación. Creo que hai unha situación moi delicada, moi preocupante, e hai un problema relacionado coa rapidez dos cambios tecnolóxicos, porque se está dando un enorme cambio en moi pouco tempo. Non son capaz de facerme unha idea de que está pasando nas mentes das persoas que viven inmersas nun mudo real ou non tan real e é algo no que non deberíamos deixar de pensar. De todos os xeitos, estes cambios veñen pasando dende que se inventou a imprenta, quero dicir, cada vez que un medio de comunicación de masas fai a súa aparición, hai unha gran vantaxe e tamén trae un gran problema. Penso que temos que loitar contra a desinformación e vincular psicoloxía, filosofía, comunicación, tecnoloxía e feminismo; este debería ser un obxectivo na sociedade actual.
Suscríbete para seguir leyendo
- Detenido un vecino de Vigo que estaba lanzando botellas de cristal desde una planta de Vialia hacia la plaza de los cines
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- Oceanográficos tiran «cientos de kilos» de pescado al mar por el veto al quiñón
- Caballero responde a Augas tras la fuga en Eiras: «Quisieron que Vigo se quedara sin agua, es una negligencia»
- Saca fotos «furtivas» para denunciar la casa de sus vecinos en Nigrán y acaba condenado por violar su intimidad
- Caballero desvela su plan contra la lluvia para el día del encendido de las luces de Navidad de Vigo
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol
- Las necesidades educativas de los hijos vetan la custodia compartida