Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«De pequena, non sabía que se podía facer cinema aquí»

No filme, Bea, unha muller de 50 anos, en proceso de divorcio, atopa un ladrón na súa casa. O mozo mais ela acabarán falando das súas crises vitais. É o punto de partida de «As liñas discontinuas», a nova película da galega Anxos Fazáns.

Anxos Fazáns, directora de cine marinense. |  A.F.

Anxos Fazáns, directora de cine marinense. | A.F.

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

«As liñas discontinuas» terá o vindeiro mes de novembro a súa première en Tallin, Estonia; e a estatal no Festival de Xixón. O filme da marinense Anxos Fazáns («A estación violenta») naceu tras ler unha nova sobre unha muller que atopa na súa vivenda a un ladrón vivindo. «No primeiro momento impactoume. Empecei a darlle voltas á posibilidade de que fose a premisa para unha historia. É un encontro inesperado e cun punto violento. Nun principio, non debería levar a que estas persoas iniciasen unha conversa pero apetecíame que esas dúas persoas tiveran a posibilidade de coñecerse», sinala.

A confrontación psicolóxica e a crise moven o seu cinema?

Esta película é moi diferente do meu primeiro filme. Quixen que esta fose máis luminosa. Na primeira, a crise dos personaxes estendíase ao longo de toda a película. Neste caso, parten dun momento vital complexo; despois, avanza cara a relación que alivia a crise. Creo que o que move o meu cinema, máis que o choque de persoalidades diferentes, é o encontro.

Que papel xoga a precariedade laboral no filme?

Hai algo xeracional que segue presente dende a primeira película, hai oito anos. Insertarse no mundo laboral e cumprir as expectativas para nós é moi difícil. é un tempo precario no que acceder á vivenda e a un traballo estable é cada vez máis complexo. Un dos protagonistas é un rapaz con 28 anos que está intentando comezar a súa vida adulta pero atopándose coa falta de oportunidades.

Rodouna en Vigo, Aguete e Marín fixándose no urbano máis que no rural que adoita amosarse no cinema galego.

Pode ser que haxa unha tendencia de ollar cara o rural no cinema, o que é importante porque Galicia ten un rural extenso e cunha problemática determinada. Eu intento achegarme á miña realidade. Veño do rural pero vivo na cidade; as miñas historias son urbanas.

Por que tomou a decisión de rodala en galego?

É algo natural. Sempre falei en galego. Escribo e penso en galego. Mentres poida e teña sentido, farei películas en galego. Tamén teño conciencia lingüística porque o galego está perdendo falantes e son consciente do poder que teñen os medios e o cinema para axudar á normalización e a que se fale e se escoite máis o galego.

A película seleccionárona para os festivais de Xixón e Tallin (Estonia).

Viaxar a Tallin é alucinante: é un festival clase A moi potente. Non coñezo ese país pero apetéceme viaxar ata alí e ver como reciben a película no norte de Europa. Xixón síntoo máis próximo e téñolle moito cariño. Ademais téñolle moito cariño.

Como ve o crecemento do cinema galego coas estreas internacionais.

É moi positivo. Cada vez as películas teñen máis nivel. Iso axuda a que o público se mobilice. Tamén dá vertixe porque aumenta a competitividade. En Galicia, prodúcese cinema de moita calidade pero a xente vai cada vez menos ás salas.

Que lle moveu para acabar sendo cineasta?

De pequena, eu era moi teatreira. Fixen teatro no colexio e instituto. Tamén me empezou a gustar escribir. Por iso, me metín en Comunicación Audiovisual. Non sabía que era posible facer unha película en Galicia cando era pequena. Comecei a carreira no 2010 co bum do Novo Cinema Galego con Oliver Laxe, Patiño... Descubrín que se podía facer cinema aquí.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents