Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Homenaxe en Vigo a Franco Grande, o gran poeta das multas de tráfico

A Real Academia Galega, a Fundación Penzol e Galaxia lembran o autor do val do Tebra na presentación do libro «Un intre no tempo» que reúne a súa poesía publicada

Vidal, Seara, Puga, García, Rosalía Franco, Navia Franco, Monteagudo e González (e-d), onte na Casa Galega da Cultura en Vigo na homenaxe a Franco Grande

Vidal, Seara, Puga, García, Rosalía Franco, Navia Franco, Monteagudo e González (e-d), onte na Casa Galega da Cultura en Vigo na homenaxe a Franco Grande / Marta G. Brea

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

«Ás veces entro en min/ por ver se atopo aquilo meu que eu son/ e sempre vexo que non dou comigo/ e que son eu quen se me vai das mans./ E sempre volvo a procurarme a min/ e nunca vou para alí onde eu son/ aquilo que é máis meu/ que debo de ser eu...». Estes versos existencialistas de Xosé Luis Franco Grande florecen nas primeiras páxinas do libro «Un intre no tempo», no que Galaxia presenta a poesía reunida do autor finado no 2020.

Diversos persoeiros da cultura galega acudiron á presentación do volume onte en Vigo, acto no que participaron as súas fillas, Rosalía e Navia Franco Barreiro. Esta última resaltou que a obra recolle «o seu traballo máis prezado, o máis querido por él», unha lírica que chegou a escribir nas multas de tráfico ou nas actas das reunións da Caixa de Aforros na que traballaba e que foi a ‘tataravoa’ da actual Afundación.

Navia Franco, que falou con verbas compartidas pola súa irmá Rosalía, indicou que o seu pai estaría «moi contento en vida» de ver a súa poesía publicada reunida. «El, ante todo, sentíase poeta», recalcou sobre unha persoa que publicou os seus poemas ao longo de cincuenta anos dende 1967 ao 2017.

Vigo (Casa Galega da Cultura). Homenaxe del intelectual Franco Grande por parte da RAG, editorial Galaxia e a Fundación Penzol.

Vigo (Casa Galega da Cultura). Homenaxe del intelectual Franco Grande por parte da RAG, editorial Galaxia e a Fundación Penzol. / Marta G. Brea

As dúas fillas lembraron a importancia para el e na súa obra do Val de Tebra, no Baixo Miño. De feito, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González (BNG) acudiu ao evento de onte celebrado na Casa Galega da Cultura e organizado pola Real Academia Galega (RAG), a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia. Navia e Rosalía agradeceron a esta última o esforzo para editar o libro e ás persoas que participaron na homenaxe as verbas de agarimo cara seu pai.

Unha das participantes foi Teresa Seara, responsable da edición de «Un intre no tempo» e quen resaltou «a figura sobranceira» de Franco Grande.

Resaltou que «foi un dos escritores máis destacados das Festas Minervais –gañou o concurso de poesía en cinco ocasións–, chamada tamén Xeración de La Noche. Persoas que nos anos 50 se comprometeron coa cultura galega ata a fin dos seus días».

Antón Vidal, Puga e Monteagudo, na Casa Galega da Cultura.

Antón Vidal, Puga e Monteagudo, na Casa Galega da Cultura. / Marta G. Brea

Explicou que a chegada a Santiago para estudar na universidade «supuxo para el un punto de inflexión. Trabou profundas amizades, coñeceu a referentes e iniciou unha brillante carreira literaria».

Da súa poesía, Seara resaltou os ecos filosóficos, o sentir da existencia, e a mística da soidade que segundo Méndez Ferrín constrúe «de xeito maxistral». Tamén fixo referencia á presenza de Vigo nos seus poemas, cidade na que traballou e estudou a Secundaria.

Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol, lembrou o seu traballo na devandita institución da que se apeou por discrepancias para regresar ao seu padroado anos despois.

Pola súa parte, Henrique Monteagudo, presidente da RAG, resaltou que Franco Grande –quen elaborou un dos primeiros dicionarios galegos contemporáneos– «foi unha das voces poéticas máis vigorosas e interesantes da poesía galega de mediados do século XX ata a actualidade».

Tamén falou sobre o homenaxeado Antón Vidal, presidente de Galaxia, quen resaltou «o tributo a un dos grandes homes das letras galegas e galaxiano» pola súa «vida entregada á poesía» e o seu compromiso co país.

Entre o público, atopábanse o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; Alonso Montero ou Víctor Freixanes.

Tracking Pixel Contents