Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Abril Camino: «Antes daba vergoña ter opinións retrógradas, agora parece ‘cool’»

«Esta novela salvoume dúas veces: cando se me ocorreu a idea e saín do bloqueo, e despois co recoñecemento do xurado», afirmou no Club FARO a gañadora do Premio Xerais 2025

Mar Mato e Fran Alonso xunto 
con Abril Camino, no centro, 
onte no MARCO. |  José Lores

Mar Mato e Fran Alonso xunto con Abril Camino, no centro, onte no MARCO. | José Lores

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Pero si sei o que lle diría se volvese tela diante durante uns poucos segundos: que se hai un momento que marcou a miña vida, un que repetiría un millón de veces sen me cansar xamais, sería aquel en que nos atopamos por primeira vez. Aquilo si que foi un disparo de neve, como di esa canción que tantas veces escoitamos na casa. Unha lumarada directa ao corazón que, aínda que naquela tarde de comezos de outono ningunha das dúas conseguise imaxinalo, poría os nosos mundos patas arriba. Dende entón, xa só puidemos conxugar ese concepto en singular, porque xa só quedou un mundo, noso, das dúas, como escenario para vivirmos a historia de amor que o destino nos tiña reservada».

Foi o fragmento que Rocío Otero escolleu da súa novela «Mulleres que viven xuntas» para facer unha primeira achega ao público que asistiu onte ao Club FARO con motivo da presentación da obra que, baixo o pseudónimo Abril Camino, lle valeu o Premio Xerais de Novela 2025. Acompañada polo director de Edicións Xerais, Fran Alonso, e pola xornalista de FARO Mar Mato, quen precisamente formou parte do xurado que escolleu a obra da autora lucense como gañadora do certame, Abril Camino comezou debullando unha historia que tivo como punto de partida unha conversa coa súa nai sobre unhas parentes que a escritora pensaba que eran irmás, pero que a súa nai lle confirmou que non, que «morreron como amigas que vivían xuntas, pero que sempre se sospeitou que...».

Abril Camino: «Antes daba vergoña ter opinións retrógradas, agora parece ‘cool’»

Abril Camino: «Antes daba vergoña ter opinións retrógradas, agora parece ‘cool’»

Ambientada en plena ditadura franquista e con dúas mulleres de contextos socioeconómicos totalmente dispares como protagonistas, Mar Mato apuntou que a gañadora do Premio Xerais plasma na obra o sentimento de rabia de ambas personaxes por non poder amosar o seu amor pola represión da época, unha realidade que para Abril Camino segue vixente, pois afirmou que «teño amigos que levan vivindo con ‘amigos’ dende hai décadas, e é obvio que non o son», engadindo a autora que «fun adolescente 20 anos despois de morrer Franco e seguía sen falarse con naturalidade da homosexualidade, e que hoxe hai un retroceso ideolóxico en certos sectores é obvio. A xente retrógrada sempre existiu, pero agora teñen uns altofalantes que os representan en lugares moi públicos e que parecen moi importantes porque teñen moitos seguidores en redes, pero que son uns analfabetos. O que ocorre é que antes daba vergoña ter opinións retrógradas e agora incluso parece que é ‘cool’».

Abril Camino tambén abordou o celme feminista da novela, facendo referencia ás «rebelións» das protagonistas, como a de negarse a un futuro no convento, como é o caso de Chus, que remata sendo mestra, así como á apertura de mente de Isabel ao medrar no Londres dos anos 60, logo de ter que emigrar de nena para non morrer de fame debido á posguerra.

O camiño do galego

Abril Camino leva 20 títulos publicados, mais «Mulleres que viven xuntas» é a súa primeira obra en galego e a escritora explicou que, na súa carreira profesional, precisou «rachar con todo» e regresar ás raíces, recuperando a lingua galega para recuperar así a súa voz como autora. Neste senso, reflexionou sobre a situación do galego e destacou que «hai unha xeración moi grande, filla de galegosparlantes, á que se nos privou de que o galego fose a nosa lingua nai» e puxo o foco no papel fundamental das escolas para procurar que o idioma non desapareza: «Se desbotamos o galego das escolas, cantos anos de vida van quedarlle? Antes non estaba na escola, pero tiña presenza na casa, aínda que a nós nos educaran en castelán. Agora está en paliativos», afirmou.

Luces e sombras do sistema editorial

Cunha dilatada traxectoria profesional no sistema editorial en castelán, outra das cuestións que Abril Camino abordou onte no Club FARO foron as luces e sombras do mesmo. A autora explicou que, «en castelán, a literatura impórtalle a escasos selos, non hai sistema literario, hai sistema editorial, e hai unha barbaridade de títulos que saen publicados cada día. Nun mesmo día poden saír até 6 e ocorre que un pode levar toda a promoción e outros ningunha. A min aconteceume que, o día do lanzamento, a miña novela non estaba en ningunha libraría da Coruña, onde están a miña familia e amizades... Alégrome de estar fóra agora mesmo, non digo que non vaia volver, pero se volvo será coas miñas condicións e a saúde é a liña vermella», sinalou a autora en alusión a unha depresión que atravesou a causa dun «sistema que empresarialmente é moi salvaxe». Distintas situacións vencelladas ao dito sistema editorial levárona a cuestionarse se o que escribía realmente interesaba e, como consecuencia, á páxina en branco. Porén, a autora atopou a luz en «Mulleres que viven xuntas», asegurando que «esta novela salvoume dúas veces: cando se me ocorreu a idea e saín do bloqueo, e despois co recoñecemento do xurado, respaldándoa».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents