Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dez galardóns brillan en Vigo nos Premios da Crítica de Galicia

Roberto Pascual conduciu unha gala que entregou as distincións e homenaxeou de xeito espontáneo ao vigués Luis Marconi

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Se houbera que resumir nunhas verbas a gala de onte en Vigo para entregar os XLVIII Premios da Crítica de Galicia, as máis acaídas serían unha boa e numerosa familia. O auditorio do Centro Social Afundación quedou pequeno para acoller as máis de 350 persoas que acudiron. E se temos que escoller un intre, o elixido é o aplauso –coa audiencia en pé– para o vigués-ourensán Luis Marconi Suárez.

A ovación foi solicitada polo presidente da Asociación Premios da Crítica de Galicia, Manuel Bragado, no seu discurso de apertura. De Marconi –primeiro secretario na historia dos galardóns– indicou que é «un arquitecto de vontades» e que, sen el, «non teriamos chegado aquí».

Aplauso a Luis Marconi, primeiro secretario dos Premios da Crítica de Galicia.

Aplauso a Luis Marconi, primeiro secretario dos Premios da Crítica de Galicia. / Pablo H. Gamarra

Ese ‘aquí’ é un colectivo conformado por 35 persoas cuxo presidente fundador é Bieito Ledo.

Coa entrega dos premios onte, os máis antigos de Galicia que brinda a sociedade civil, recoñeceron un total de 10 persoas ou proxectos de todo o país que traballan a prol da cultura de noso.

Acudiron á festa persoeiros como o alcalde, Abel Caballero; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez; ou a primeira tenente de alcalde en Vigo, Carmela Silva, entre outros.

A gala comezou co condutor do acto, o profesor e dramaturgo Roberto Pascual lendo un fragmento do «Alba de groria», o derradeiro discurso de Castelao, que pronunciou o Día da Patria Galega (25 de xullo) de 1948 en Buenos Aires.

A música correspondeulle en directo ao dúo Leni Pérez & Roberto Comesaña.

Despois tomou a palabra Bragado para resaltar o traballo do xurado durante máis de tres meses e analizando máis de mil propostas para os galardóns ata chegar a unha trintena de finalistas. Bragado aproveitou para lembrar que os premios pronto cumprirán medio século e que naceron nunha época complexa, xusto no arranque da democracia.

Aproveitou Bragado para destacar que os finalistas e gañadores dos premios supoñen unha «concentración extraordinaria de talento». Tamén lamentou as «eivas das políticas culturais públicas» e tivo unhas verbas de desexo de paz verdadeira para Palestina.

Lara Dopazo, mellor creación literaria

Tras el, Malores Villanueva leu os finalistas en creación literaria: «Contos gringos», de Lara Dopazo, «Poemas realistas», de Daniel Salgado e «Runrún», de Ana Varela. A gañadora foi a primeira. Lara Dopazo. No seu discurso, Dopazo indicou que «o que está acontecendo en moitos lugares do mundo (conflitos armados), nomeadamente en Gaza, é un horror e ten que parar xa».

Belén Riveiro, premio de investigación en ciencias e tecnoloxía

O seguinte galardón outorgado foi o de investigación en ciencias e tecnoloxía. Os finalistas eran unha investigación sobre unha células nai cancerosas como estratexia anticancro do grupo de José Luis Mascareñas no CiQUS; outra arredor do parkinson do grupo de José Luis Labandeira García (USC) e Ana Isabel Rodríguez Pérez; e o traballo no ámbito da enxeñaría civil de Belén Riveiro (UVigo). O premio recaeu nesta última quen o agradeceu por ser recibido «na nosa terra e na nosa lingua».

Galardón en ciencias sociais para Xosé Miguel Andrade

En investigación en ciencias sociais e humanidades, a obra gañadora foi «As peregrinacións a Compostela», de Xosé Miguel Andrade, chegando como finalistas Fernando Fernández, Manuel Ferreiro e Xavier Castro. Andrade non puido acudir a recoller a distinción e fíxoo no seu nome Castro.

Apego, mellor iniciativa cultural ou científica

En iniciativas culturais e científicas, o gañador foi o programa Apego, no que participan 32 concellos para a normalización lingüística (concorrían tamén Espazo Lectura e Código Cero).Os seus impulsores reclamaron que as administracións apoien proxectos como este para frenar a perda de galegofalantes.

O Cuarteto Quiroga vence en música

Na sección de música, o gañador foi o Cuarteto Quiroga –que leva o nome do violinista Manuel Quiroga– cuxos integrantes non o recolleron por atoparse en Australia actuando. O grupo leva o nome dun virtuoso violinista galego de décadas atrás que triunfou polo mundo coa súa música. O grupo xa conseguira o Premio Nacional de Música do Ministerio no 2018.

Chus Martínez gaña o galardón en artes plásticas

En artes plásticas, gañou Chus Martínez, comisaria de arte que remitiu unha mensaxe de grazas en castelán. Foi o único momento no que non se falou en galego. Martínez non puido estar presente para a recepción da distinción. Recolleuna no seu nome Diego Santomé.

O galardón en artes escénicas, para a morracense Teatro de Ningures

O premio de artes escénicas foi para a compañía morracense Teatro de Ningures –eran finalistas Chévere e Butaca Zero– que pronto cumprirán 40 anos. Lembraron figuras imprescindibles para para Ningures como os finados Xosé Manuel Pazos, quen foi director da compañía durante moitos anos e alma pater da mesma, e Henrique Arguindey, tradutor cuxo último traballo foi para Ningures. Recolleron o galardón e pronunciaron unhas verbas Sonia Rúa, Casilda Alfaro máis Pepa Barreiro que falaron do seu último espectáculo de Rúa ao redor de María Soliño, pero tamén dos labores nas aulas de teatro en diversos puntos.

VIGO. ENTREGA DE PREMIOS DA CRITICA DE GALICIA. AFUNDACION. Xurado e premiados.

VIGO. ENTREGA DE PREMIOS DA CRITICA DE GALICIA. AFUNDACION. Xurado e premiados. / Pablo H. Gamarra

Manolo González, distinción en cinema

En cine e artes audiovisuais, gañou Manolo González. O xurado indicou que «é unha figura clave sen a cal non é posible entender o audiovisual galego na súa eclosión actual». Clave porque, grazas a el, naceron anos atrás no goberno do bipartito de PSdeG e BNG as axudas ao talento que descobriron os cineastas que hoxe en día triunfan polo mundo nos mellores festivais coas súas películas galegas e mesmo en galego.

Premio á cultura gastronómica para o centro Carlos Oroza

En cultura gastronómica, a gañadora foi o Centro Integrado Carlos Oroza de Pontevedra. Recolleu o galardón o director do mesmo, quen destacou que o seu alumnado atópase traballando polo mundo exportando o seu bo saber.

A Carballo Interplay triunfa en cultura dixital

Na cultura dixital, gañou a Carballo Interplay. Ledicia Costas era a presidenta do xurado destacou que "é unha iniciativa pioneira no Estado». Andrea Villa foi en quen depositaron o galardón. Nun sentido discurso no que comezou chorando dedicou o premio ao Concello de Carballo polo apoio sempre ás iniciativas deste festival. Xa no tramo final da súa alocución, tamén con humor dedicou o premio ás súas exparellas, o que fixo rir á audiencia a cachón. Chegaron a finalistas O novo normal e Prado Rúa.

No remate, interviron a vicepresidenta da Deputación, o conselleiro e o alcalde. A vicepresidenta lamentou a situación cultural de Vigo. "A cidade non pasa o seu mellor momento cultural", indicou. Pola súa parte, o conselleiro destacou que "a lingua é o noso maior patrimonio" para envadir que "Galicia crea máis que nunca". A pesar de estas declaracións da vicepresidenta provincial, o rexidor Abel Caballero evitou responder de xeito directo. Cando interviu pechando o acto, fixo referencia ao ano 1978 cando naceron os premios e aos que se referiu como anos difíciles debido ao bando que quería apostar pola Constitución e o outro que buscaba que continuase o ideario franquista de privación de liberdades. Caballero engadiu que o nacemento dos Premios da Crítica de Galicia "forma parte dos fitos de Galicia". Tamén advertiu que co advenimento da extrema dereita "está en risgo a liberdade". Recoñeceu que "é un momento no que hai que ter máis unión ca nunca".

Tracking Pixel Contents