Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A galega Mariña Pérez e a madrileña Ángela Álvarez fanse co II Premio de Poesía Oroza

Presentáronse 1.011 poemarios procedentes de Europa, América, África e Oceanía

A entrega será nunha festa o venres 24 no Museo do Mar con Cintaadhesiva

Romero, Ortiz, Sánchez e Lorenzo (e-d), na rolda de prensa dos premios de poesía Évame Oroza.

Romero, Ortiz, Sánchez e Lorenzo (e-d), na rolda de prensa dos premios de poesía Évame Oroza. / Pablo Hernández Gamarra

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O II Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza xa conta cos seus poemarios gañadores. Trátase de «Notas de Cereté», na modalidade en castelán, da madrileña Ángela Álvarez Sáez; e de «Unha aria no asedio», da galega Mariña Pérez Rei. As dúas venceron nun certame ao que se presentaron 1.011 obras procentes de Europa, África, América e Oceanía.

Os orixinais chegaron remitidos dende 34 países entre os que figuran Australia, Canadá, Estados Unidos, Marrocos, Rusia, Suecia, Polonia, Italia, Brasil, Cuba, Arxentina ou México. Esta variedade evidencia a notable saúde dun certame con só dúas edicións de vida.

A comunicación do fallo do galardón desenvolveuse onte no local da Asociación Évame Oroza en Vigo, organizadora do concurso co apoio da Dirección Xeral de Cultura e a Deputación de Pontevedra.

Na comparecencia, Évame Oroza informou de que a meirande parte da participación procedeu de España (488 de todas as comunidades agás Galicia), seguida da representación internacional (403) e dos 120 traballos galegos.

Na lectura do fallo dos xurados, participaron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez; e o presidente da Asociación Évame Oroza, Xabier Romero.

Na sección en castelán, o xurado estivo formado por Manuel Bragado, Rexina Vega e María Xosé Porteiro, mentres que no de galego estiveron Silvia Penas, Patricia Meira e Samuel Merino.

Álvarez Sáez conta con 15 libros publicados

A galardoada foi Álvarez Sáez, escritora que conta con 15 libros publicados e que ten gañado certames como o Blas de Otero Villa de Bilbao («Palabra vegetal») ou o Premio Universidad de Alcalá con «Canción de cuna».

A través do teléfono , a avogada-escritora respondía onte que lle facía moita «ilusión» o galardón xa que dende hai uns anos conta cunha casa na Mariña lucense: «Es una tierra que me encanta; vamos todos los veranos».

Recoñeceu que lle gustaba moito Oroza como poeta e como personaxe; e que os 6.000 euros da dotación tamén foron «un punto».

Explicou que na anterior edición do premio tamén se presentara pero que gañara o chileno Morales Monterríos cuxa poesía lle gusta ao tempo que tamén lle «encanta» a de Lupe Gómez.

En canto á súa obra, indicou que «Notas de Cereté» escribiuno a raíz dun encontro de mulleres poetas . O principio do libro é un diario sobre a súa estancia na vila colombiana de Cereté. Resaltou a linguaxe «innovadora» dos poemas. «En ocasiones, intento romper con la sintaxis en ocasiones. El poemario está estructurado como una columna vertebral en la que los poemas van encajando. Está presente el cuerpo, también la maternidad y una reflexión sobre la poesía», resalta a creadora.

Pola súa parte, Mariña Pérez –de Ames, A Coruña, e que ten gañado o Lueiro Rey e o Eusebio Lorenzo Baleirón– fíxose co premio de Poesía Carlos Oroza en galego, dotado tamén con 6.000 euros, coa súa obra «Unha aria no asedio».

Explicou que «todos os premios que levan o nome dun escritor son unha honra pero ademais este leva o nome dun grande, Oroza».

Un poemario a partir dunha exposición

Engadiu que «Unha aria no asedio» naceu no 2018 na visita á exposición da fotógrafa mexicana Cristina Mittermeier en Santiago. «As súas fotos amosaban a relación dos pobos co medio natural, como está en perigo a biodiversidade. A partir de aí, empecei a traballar na relación da arte coas situacións de acoso entendido nun sentido amplo», sinalou a poeta.

Ese acoso sobre o que escribe abrangue dende unha guerra, o cambio climático ou a enfermidade. «Quería explorar a relación da arte coa guerra, o horror e a doenza», engadiu.

Aínda que parte dunha exposición fotográfica, o poemario tamén fala da súa experiencia nun concerto da Real Filharmonía en Santiago. «Póñome no papel dunha vítima que canta unha aria, unha estrutura solitaria no medio do asedio», conclúe.

Por último, Mercedes Peón logrou o Recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía. A entrega deste e dos outros dous premios será o venres 24 de outubro no Museo do Mar coa actuación de Cintaadhesiva, con Silvia Penas.

Tracking Pixel Contents